Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

roi armenta sande | Aloitador na Rapa das Bestas de Sabucedo

“Só tiven algo de medo xusto antes de saltar”

“En canto entrei á area do curro, o público comezou a aplaudirme moitísimo e foi unha sensación incrible”

Roi Armenta, en plena loita cun poldro, durante un dos curros destes días pasados en Sabucedo. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Bautizouse como aloitador na Rapa das Bestas de Sabucedo con só 13 anos de idade. Roi Armenta Sande baixou á area para tratar cara a cara aos centos de cabalos que pasaron por esta edición. Residente da Coruña pero con raíces nesta parroquia estradense, deu unha lección de valentía e determinación. Grazas á súa familia, a tradición da Rapa é parte de si dende cativo e levaba anos agardando para participar no curro. O chaval foi facilmente recoñecible para os asistentes debido aos seus longos rizos dourados e a unha escasa corpulencia ao carón de compañeiros moitos máis experimentados. Isto provocou que se volvese toda unha estrela no curro, cun público entregado ao debutante aloitador.

–Este ano debutou como aloitado, pero con que idade comezou a asistir á Rapa?

–Máis ou menos comecei a baixar á Rapa cuns sete anos, viña coa miña familia.

–Sendo vostede da Coruña, que relación ten con Sabucedo e coa Rapa?

–Meus avós teñen unha casa aquí en Sabucedo e é onde paso todos os veráns. Meu pai xa era aloitador e foi quen nos meteu no mundo aos meus irmáns e máis a min. Dende pequenos viñemos a ver a Rapa e tamén a recoller potros.

–Por que decide estrearse este ano?

–Eu non fun quen tomei a decisión. Foi un veciño de Sabucedo o que me veu preguntar se quería ir aloitar, xa que meus irmáns maiores xa o fixeran o ano pasado. A min pareceume ben e fun encantado.

–Como viviu a experiencia destes días?

–Os primeiros días paseinos normal porque aínda non sabía que ía pasar isto e para min era unha edición máis da Rapa das Bestas. O día que me dixeron que podía aloitar si que me puxen nervioso porque non sabía como era. Soamente tiven algo de medo xusto no momento antes de saltar, despois goceino moito.

–Non é común ver a un rapaz da súa idade saltar ao curro e iso puidose observar na reacción do público.

–En canto saltei o público comezou a aplaudirme moitísimo e sentinme moi apoiado. Foi unha sensación incrible.

–Unha vez que está na acción, prefire ir cara a cara cos cabalos adultos ou cos potros?

–Eu levo pouco tempo aínda, pero unha vez que saltas varias veces quizais os poldros xa non molan tanto e prefires ir cos cabalos máis grandes.

–Normalmente un aloitador necesita moita forza física ademais da técnica, como levou esa falta de corpulencia no corpo a corpo?

–Tiven moita axuda. Axudábanme en todo momento a subir enriba do cabalo e agarralo, máis ou menos fomos arranxando e puiden levalo ben.

–Para entrar no curro recibiu explicacións de como tiña que facer ou co que sabía do que vira outros anos xa lle chegaba?

–Non me dixeron nada, so me dicían cando tiña que baixar de enriba da besta. O demais xa o sabía todo de tantos anos e tanto tempo estando aí.

–A súa paixón está relacionada con todos os animais ou soamente coa Rapa e os cabalos?

–A verdade é que a día de hoxe unicamente me interesan os cabalos e, máis concretamente, o que ten que ver coa rapa.

–Ten interese na vida das bestas nos montes durante o resto do ano ou so lle gusta vivir a experiencia destes días?

–Non son so estes días. Tamén me gusta vir algún fin de semana que podo e subir ao monte a ver os cabalos.

–Ve máis rapaces da súa idade dispostos a dar o salto a aloitador?

–Penso que hai máis rapaces novos que teñen interese por este mundo. Meu irmán tamén comezou a unha idade parecida e durante estes días podes ver a nenos gozando da Rapa.

–Pensa entón que coas novas xeracións a Rapa das Bestas ten garantida a supervivencia?

–Eu creo e espero que si. Se non pasa nada raro isto poderá durar moitos anos e que a tradición siga.

–E no seu caso? Ten ganas de volver a vir moitos anos?

–Eu espero poder vir á Rapa e a Sabucedo toda a vida.

Compartir el artículo

stats