O Souto de Chousa da Porta encheuse onte de xente e de lembranza histórica grazas á Foliada da Memoria promovida pola Deputación co obxectivo de reivindicar o talento, as ideas e compromiso dos artistas represaliados polo franquismo logo do golpe do 36. A festa contou coa presenza de veciñanza da comarca, moita vencellada aos Dezas de Moneixas, pero tamén chegada de Pontevedra, Vigo ou Poio nunha confraternización que durou toda a xornada con música e actividades.

Unha alborada polos camiños de Moneixas abriu a xornada. Bernabé/Javier Lalín

No acto inaugural, conducido por Xurxo Souto, foron numerosas as voces que se uniron ao insistente berro de “Medre a Memoria!” que se repetiu durante todo o día. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, falou dun “día histórico” por estar a recoñecer as ideas de persoas “que fixeron que Galiza sexa hoxe o que é, que nos deron esperanza para que hoxe o país sexa grande, unha matria con tradición, lingua e cultura propias que foron semente que no seu momento quixeron silenciar”. “As ideas non se puideron silenciar, puideron aplacalas, pero cando rexorden fano con máis forza. Hoxe aquí defendámolas con tanta forza que nunca máis se poidan acalar”, insistiu.

Unha das homenaxes tributadas ao mediodía. Bernabé/Javier Lalín

A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que Galiza é un pobo potente con xente “potente e comprometida” que durante 40 anos sufriu a escuridade. “O primeiro que se fai cando se quere destruír un pobo é destruír a súa cultura, e máis se é propia e o identifica. Nós tiñamos gaiteiros, bailadoras e músicos que defendían a terra, e non só foron silenciados, senón terriblemente maltratados e moitos asasinados”, destacou a dirixente, para subliñar que o evento quixo recoñecer “a esas boas persoas que quixeron quitar da nosa memoria pero que son exemplo para todas e todos nós”.

O alcalde de Lalín, José Crespo, lembrou que Os Dezas foron e son símbolo de identidade e embaixadores de Lalín por toda Galiza. “Esta é unha festa de memoria. Hai que lembrar todo o que se fixo, o que se fixo ben e o que se fixo mal. Esta parroquia é das máis senlleiras na tradición. Que teñades unha grata e proveitosa xornada”, remachou o rexedor.

Logo tiveron lugar as primeiras homenaxes. Xurxo Souto lembrou que a foliada se celebrou en Moneixas por ser o lugar de nacemento dos Dezas, agrupación que acompañou antes do 36 ao Partido Galeguista en todos os seus actos e que recibiu no seu momento unha proposta de homenaxe na que Castelao e Vítor Casas ofrecerían unha bandeira galega. O impulsor da formación, Xesús Froiz, foi paseado polos contidos republicanos das súas publicacións tras a súa detención o 4 de agosto de 1936, como apuntou o historiador Manuel Igrexas. “Esa homenaxe que non se lle fixo no 35 estáselle a facer hoxe”, proclamou o investigador lalinense, arrincando os aplausos do público.

Xerardo Santomé e Xavier Moreda trouxeron á memoria a Constante Moreda, gaiteiro de Cabral, comprometido co Partido Comunista, que foi o único que gañou a Avelino Cachafeiro en competición oficial. A súa derradeira aparición pública foi o propio 18 de xullo do 1936,día do golpe de estado, xa que foi asasinado no xenocidio iniciado en Vigo. Na súa honra soou a muiñeira que leva o seu nome.

O investigador Alberte Pérez falou de José Gómez Avelaira, integrante dos Gaiteiros de Xinzo da Costa, que interpretaban a danza gremial da Unión de Agricultores. Amigo persoal de Benigno Álvarez, alcalde de Maceda, por iso e pola súa ideoloxía, foi torturado, extorsionado e asasinado.

Outro homenaxeado foi Manuel del Río Mandayo, ebanista e gaiteiro afeccionado paseado en outubro do 36. A súa represión non rematou só no seu asasinato, senón que parte da familia tivo que estar agochada e as mulleres foron rapadas e vexadas facéndoas desfilar co pelo ao cero e berrandoViva Franco! Arriba España!. A voz desta historia púxoa o seu neto Leandro del Río, quen recolleu un agasallo da man de María Ortega.

A homenaxe a Pastora e Cándida Cordal correu a cargo da escritora Montse Fajardo. Elas eran, dixo, dúas mulleres afeccionadas á pandeireta que foron vexadas polos falanxistas por estar emparentadas cun home comprometido cos valores republicanos, o seu irmán, Castor, sindicalista e interventor nunha mesa electoral en 1936, cando o triunfo da Fronte Popular.

Homenaxe aos Dezas

Xa á tardiña, tivo lugar unha homenaxe á traxectoria dos Dezas de Moneixas por manter a agrupación ao longo do tempo. Participou Luisa Baldonedo González, neta do gaiteiro e fundador dos Dezas, José Benito González; Ana González Iglesias, neta do caixa Manoliño González, que recibiu un agasallo de mans de Ernesto Horacio Taboada, actual presidente dos Dezas. Lembrouse á bailadora María González cun agasallo ao seu fillo Ángel Areán; a Darío González para o seu fillo Gonzalo; e a Isaura González, no seu fillo Darío Areán. Acto seguido foi agasallada a segunda fornada de gaiteiros: Ismael González, O Coucho (recollido pola súa filla Lita); Luís González Iglesias (o fillo José Manuel); Manuel Lage (a súa filla Vicky). Manolo González entregou un recordo da Foliada da Memoria a unha das nenas que forman parte da actual escola; tamén se lembrou a Julio García Pereiro e Manolo Troitiño Fernández, de Laso, así como alguén moi querido para os Dezas, Mario González, fillo de Manoliño, o fundador da agrupación orixinal. Por último, a deputada entregou un cadro de lembranza a Alfonso González.

Bandaló, Pandereteiras Bouba e de Botos, Arco de Merza e Varacuncas meteron a música na xornada, xunto aos propios Dezas. Xantar popular, obradoiros de canto e baile, sesión de monicreques a cargo de Viravolta Títeres e un especial fin de festa con Bandaló deron entretemento no resto do día.