O campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda comeza hoxe, tras batir un récord absoluto de solicitudes, con 133 peticións. Todas elas serán atendidas, tralo esforzo da Concellería de Educación para axudar así a que as familias poidan conciliar. Os asistentes empregarán para as actividades tanto o CEIP de Silleda como o Ramón de Valenzuela, na Bandeira. No primeiro, o campamento atenderá a 90 nenos e nenas, con distintas quendas ata a véspera do inicio do novo curso. O mes de xullo é o que rexistra máis demanda en canto a número de participantes. Pola súa banda, no de Bandeira terán diversas actividades 43 participantes e as peticións centráronse, a diferencia de anos anteriores, en horarios de mañá e de tarde. Hai tamén campamentos durante as vacacións de Nadal e en días non lectivos.