Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chico, o mellor nariz para dar co xabaril

Un exemplar do cazador Antonio Sánchez gaña o torneo autonómico de cans de rastro e desputará o certame nacional o 16

Antonio Sánchez con Chico, na súa vivenda de Siador. BERNABE/JAVIER LALIN

Aos catro anos de idade, normalmente, é cando un can de xabaril pode demostrar todo o seu potencial. Pero Chico deixou claro que ten instinto, tanto á hora de rastrear como de gañar campionatos. O pasado día 11 acudiu por primeira vez co seu dono, o cazador silledense Antonio Sánchez, ao Campionato Galego de Cans de Rastros Atraelados sobre Xabaril, e obtivo o primeiro posto, con 248 puntos.

Antonio Sánchez recolleu das mans de Javier Nogueira o premio como vencedor do torneo galego. Federación Galega de Caza

Antonio Sánchez explica que o tribunal valoraba distintos criterios no tramo de 150 metros que tiña que examinar cada animal, como a frecuencia dos ladridos para alertar do rastro ou o seguimento do mesmo. Apunta que ese día, “tiñamos bastante fresco, entre 20 e 22 graos, co que nos favoreceu” á hora de marcar rastros. A esta proba galega presentáronse preto de 40 monteiros, entre os clasificados no seu momento nas fases provinciais, os da Copa Galicia e o campión do anterior torneo autonómico, Salvador Sestelo. Antonio Sánchez e Chico quedaran en cuarto posto cando fora a fase pontevedresa. Na galega, Chico impúxose tanto a Chacho, con 247,2 puntos, como a Beba, con 245,7. Os directores da proba foron Jaime González e Óscar Meijide.

Os monteiros dividíronse en dous campos para afrontar a semifinal, de maneira que os seis mellores de cada campo foron os que pasaron á final. Cabe destacr que na semifinal foron Michael Otero, con Chacho, e o citado Salvador Sestelo, con Beba, os de mellores puntuacións en cada campo. Xa na final, estiveron presentes a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén Docampo, e o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira.

Asturias

Á fase nacional pasarán os donos dos tres millores cans, os citados Antonio Sánchez, Michael Otero e Salvador Sestelo, así como Luis Otero, Joaquín Fernández, Martín Martínez e Francisco Rodeiro.

O cazador trasdezao explica que esta proba nacional terá lugar en Viveiro e que, da mesma maneira que no torneo galego, as puntuacións serán individiuais para cada can. Mentres agarda a chegada desa data, explica que está entrenando con Chico, pero aclara que “non é o mesmo preparar que participar. Por iso, imos ir en vindeiros días a un torneo en Asturias” para que este can mestizo volva amosar todas as súas habilidades.

Por outra banda, este sábado tivo lugar en Ferrol a I Copa España tamén de cans atraelados sobre xabaril, que congregou a 60 monteiros e cans participantes. Trala escolla do vencedor de cada un dos sete campos, na final resultou gañador o cántabro Ramiro Vega, tamén cun can mestizo, Camilo.

Compartir el artículo

stats