A abundante chuvia caída o domingo non foi dabondo para evitar que medio cento de membros da Asociación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos, cumprira co programa previsto en terras de Rodeiro e Agolada. Na xornada de mañá, o colectivo percorreu a etapa do camiño entre a vila de Rodeiro e a Ponte de Pedroso. Deseguido visitou a igrexa de Ventosa, en Agolada, onde o cronista dezao e colaborador da asociación, Daniel González Alén, fixo de guía e ofreceu algúns apuntamentos desta notable igrexa románica, dos seus extraordinarios baldaquinos, enterramentos e pinturas dos séculos XIV e XV, da que se coñece coma a “catedral da arte rural galega”.

Pola tarde, logo de xantar no restaurante da Latiza, os peregrinos deste colectivo xacobeo asistiron unha misa na capela do Faro oficiada polo sacerdote-rector Xavier Diéguez, dedicada á súa presidenta, Aínda Menéndez Lorenzo, a quen unha grave enfermidade ten afastada das actividades desta asociación que ten sido decisiva e pioneira no recoñecemento e posta en valor do Camiño de Inverno a Compostela, segundo puxeron de manifesto os membros da directiva Manolo Eiriz, Javier Aira e Ana Lima, que pronunciaron emotivas palabras neste acto relixioso.