Mañá a Área Recreativa O Picoto de Silleda acolle a tradicional Festa do Socio da Sociedade Deportiva de Caza, Pesca e Tiro de Silleda. O programa inclúe tirada ao prato, adestramentos, percorridos de caza, un xantar multitudinario, un campionato de truco e sobre todo a homenaxe ao que fora presidente da Federación Galega de Caza, José Antonio Fraga Boullosa, e ao expresidente da sociedade trasdezá, José Pena Calveiro, máis coñecido polo alcume de “Toxa”.

José Pena ten 80 anos pero a vitalidade dun mozo. Sobre a homenaxe que vai recibir por parte dos seus compañeiros de fatigas, Toxa asegura que “eu non son home destas cousas porque non me gustan nada isto das homenaxes”. Recoñece que ser unha persoa “de moito traballo e amárgame moito que me interrompan porque estou sempre no meu lío”, pero todos saben na sociedade que vaise emocionar cando vexa aos socios recoñecendo o seu traballo, en especial a posta en marcha do campo de tiro de O Picoto no lonxano 1991, cando el era o mandatario da sociedade. Fai memoria para lembrar que por entonces “estaba Cuíña de presidente da Deputación alá polo ano 1991 e teño que dicir que si non fora polos seis millóns seiscentas mil pesetas daquela época que nos deu non se podería sacar adiante un proxecto como ese”. Aínda que tamén suliña a importancia das xestións levadas a cabo por Fraga Boullosa para subvencionar o coste das instalación dende a federación galega.

Preguntado por que escollería si tivera que elixir entre a caza ou a pesca, o expresidente da sociedade silledense asegura que “eu son das dúas cousas. Se teño que elexir deixo a caza. Gústame nesta época da miña vida máis a pesca porque eu vou solo e non me preocupo de nada máis”. De todas formas é un namorado da caza e da sociedade que gobernou durante unha década. Un colectivo que mañá tentará devolverlle parte do moito que fixo por convertilo nun referente da caza e da pesca en toda Galicia. Ao respecto do futuro da sociedade, José Pena lembra que “cando eu estaba de presidente había 650 socios é agora son uns 200 e pico. A cousa vai a menos porque agora a xente xa non quere ir ao monte. Ti levas a un rapaz ao monte e dite que si estás tolo porque abúrrense”.

Pero si hai algo do que Pena síntese especialmente orgulloso é dos seus compañeiros de caza. Incluso suliña que “na miña cuadrilla hai tres mulleres cazadoras, na coñecida como cuadrilla do Toxa. Somos das primeiras cuadrillas da provincia de Pontevedra cazando porque levamos uns 45 anos. E non dubida en desvelar que “a min gústame a sociedade porque nela están os amigos todos e sobre todo os da cuadrilla que son os mellores do mundo. Lembro que algún día tivemos unha discusión rara e esqueceuse alí, como fan os futbolistas. Teño que dicir que son os mellores compañeiros de caza porque estamos en moi boa harmonía”. Algo que a bo fe notarase mañá na Festa do Socio do colectivo trasdezá.