O IES Marco do Camballón participou este curso, canda centros de Portugal e Cabo Verde, nun proxecto educativo internacional arredor da oralidade baixo o título Estórias que se contam... Consistiu na recollida de contos e historias, na transcrición e ilustración dos textos orais e, por último, na creación de vídeos cos contos narrados polo alumnado. O instituto de Vila de Cruces traballou o tema das festas, recollendo arredor de setenta historias.

Onte ao mediodía tivo lugar unha videoconferencia na que alumnado e profesorado destes centros de ensino de ámbito lusófono compartiron impresións, ideas e emocións. A través da plataforma dixital educativa Etwinning, un espazo do proxecto Erasmus, esta actividade ten como obxectivo a posta en valor da oralidade e da comunicación lingüística.

O alumnado 3º e 4º da ESO do IES Marco do Camballón traballou ao longo do curso recollendo e ilustrando arredor de setenta historias relacionadas coas festas. Costumes das romarías de antes, historias de amor, accidentes coas bombas de palenque, anécdotas das bandas de música, pelexas, bailes, as necesidades económicas da época e, sobre todo, a alegría das festas da xuventude daquelas épocas protagonizan as Estórias que se contam... na Galiza, que a rapazada recolleu das persoas maiores e actualizou contándoas coas claves do século XXI.

A coordenadora do proxecto é Ana Josefa Cardoso, da Universidade de Lisboa, profesora caboverdiana que impartiu durante a corentena as aulas de lingua e literatura portuguesa na radiotelevisión pública portuguesa (RTP). Especializada en bilingüismo e adquisición de linguas, impulsou proxectos de educación bilingüe portugués/caboverdiano no seu país de orixe.