A música volve ter unha forte presenza na programación do vindeiro “Corazón da Artesanía” que ten como epicentro ao Concello de Agolada. “IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia”, que organiza a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Innovación e Industria no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada durante os días 8, 9 e 10 de xullo. As actuacións de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Comando Curuxás, Aparato DJ SET e Cantigas e Agarimos complementarán as actividades de divulgación e de posta en valor dos oficios artesanais galegos e permitiranlle aos visitantes continuar as xornadas lúdicas durante os tres días de duración deste evento sobranceiro.

A programación musical comezará o venres ás 22.00 horas na Praza do Concello de Agolada, unha vez rematado o horario de apertura da feira, coa actuación de Aparato DJ SET, que tamén actuará na sesión vermú do domingo día 10, a partir das 13.00 horas. A electrónica de vangarda é o fío conductor das súas actuacións, nas que emerxe o espírito do rock nunha selección musical nas que busca a experimentación e a innovación.

As actuacións musicais do sábado 9 de xullo, tamén na Praza do Concello, correrán a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, a partir das 13.00 horas, e do Comando Curuxás, ás 22.30h, xa pechada a feira do concello agoladés.

Evento integral

O “Corazón da Artesanía” do concello de Agolada é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Na edición deste ano participarán un total de 57 artesáns de 26 oficios diferentes e 31 expositores de produtos de alimentación. Haberá showcookings con recoñecidos cociñeiros galegos, degustacións, talleres abertos e gratuítos de iniciación aos oficios artesanais e cursos especializados con inscrición previa para os participantes. O horario definitivo do “Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia” de Agolada será de 11.30 a 14.00 e de 16.00 a 21.30 horas.