Rodeiro e Forcarei forman parte dos 17 concellos galegos nos que a campaña Toponimízate 2022 vai facer diversas iniciativas para a difusión do valor dos nomes da terra, ao tempo que busca colaboradores para a recollida de microtopónimos. A microtoponimia permite recoller cómo se chaman non só lugares de poboación, senón tamén leiras, montes, regastos, fontes ou penedos.

Así, no ciclo de charlas haberá unha o 7 de outubro (20.00 horas) no centro cultural Manuel Lamazares, de Rodeiro, e outra o 18 de novembro (12.00 horas) no CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei. Servirán para explicar ademais o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir os nomes dos topónimos que coñeza. Un dos principais colaboradores deste proxecto é o IES Pintor Colmeiro, de Silleda, posto que levou a microtoponimia ás aulas.