O río Ulla sempre foi a banda sonora dos veciños e veciñas de Gres que viven ao seu carón, tanto para amenizar os días bos como para suavizar as xornadas malas. E onte foi un deses días bos, pois Gres estaba de festexo por partida dobre, coa homenaxe a Luis Reimóndez e o 35º aniversario da Unión Musical Ponteledesma.

Katina Sanmartín, viúva de Luis Reimóndez, durante a homenaxe.

A Fundación Neira Vilas tiña pendente ese recoñecemento ao expresidente, falecido de forma repentina o 15 de decembro de 2018. Luis Reimóndez formou parte do padroado da fundación desde que esta comezou a funcionar, aló polo 1993. Nunha entrevista concedida a FARO en xullo de 2018, con motivo do 25º aniversario da entidade, Reimóndez aseguraba que se cumpliran os desexo de Xosé Neira Vilas e de Anisia Miranda para difundir a cultura no rural.

O acto de onte na Fundación foi sinxelo, para amigos e familiares de Luis Reimóndez. A súa viúva, Katina Sanmartín, recolleu un cadro en agradecemento, precisamente, polo “labor discreto e desinteresado de Luis Reimóndez en manter viva e continuar coa herdanza da Fundación Xosé Neira Vilas”. Entre os presentes estivo o secretario xeral de Política Lingüísrica, Valentín García Gómez, que dende fai décadas, xa antes do seu cargo político, está moi vencellado a esta entidade cruceña. Durante a súa intervención, García Gómez destacou o perfil de Reimóndez como un dos grandes dinamizadores culturais da comarca. Tralo encontro, descubriuse unha placa realizada por Xosé Vizoso, co nome do escritor e que así bautizará a sala superior da biblioteca.

E mentres a Fundación lembraba a Luis Reimóndez, a Unión Musical Ponteledesma comezaba o programa do seu 35º aniversario, cunha misa en lembranza de todos os músicos e músicas falecidos que formaron parte desta banda, na capela de San Ramón. Ao remate da cerimonia relixiosa, a banda ofreceu un pasarúas e, como remate, deu un concerto nas Insuas de Gres, baixo a sinfonía do Ulla. A Unión Musical Ponteledesma comezou a súa andaina o 21 de xuño de 1987, promovida por Bernardo García del Río e José Casal Balo.