Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reloxos de sol en Cerdedo (V)

Capitán Gosende suma novas entradas na súa catalogación nas parroquias de Figueiroa e Tomonde

Reloxo de sol dunha casa do rueiro do Castro (A Vilalén).

Ben entrado marzo, rematamos as nosas pescudas no territorio de Figueiroa. Visitáronse os lugares de Deán, San Martiño, Figueiroa, Loureiro e Vilar. A conversa cos veciños deu como resultado a catalogación doutros dous cuadrantes: un en Deán e outro en Vilar; ambos os dous, desaparecidos do seu postoiro orixinal.

Nos lugares de San Martiño, Figueiroa e Loureiro, os veciños entrevistados non tiñan constancia da existencia presente ou pasada deste mobiliario.

Deán:

–O reloxo de sol da casa de Palmira.

Unha informante entrada en anos, espremendo a memoria, lembrouse dun cuadrante que, ao parecer, pousaba nos penais da parede sur da devandita vivenda. A construción intégrase no quinteiro sito á esquerda da estrada xeral, sentido Castro do Cabo. O reloxo de sol desapareceu do seu postoiro hai tempo. Mentres percorriamos o rueiro, moi arruinado, decatámonos dunha peaña (so pestanil), baleira. Peaña e pestanil sobresaen da parede sur dunha daquelas construcións.

O reloxo de sol de Deán era unha peza circular de pedra de gran con baseamento. Gnomon triangular. Acadaba os corenta centímetros de diámetro.

Peana nun canastro da Devesa

Vilar:

–O reloxo de sol da casa dos Iglesias.

Os veciños recuperaron do esquecemento un cuadrante que, xacando, reinaba enriba do lintel do portal da dita casa. A construción localízase á beira da estrada que, polo sur, circunda a aldea, a poucos metros do esmoleiro da Virxe das Dores.

O reloxo de sol botou moito tempo no chan, arrecunchado; até que, probabelmente, foi obxecto de roubo. Tratábase dunha peza cuadrangular de pedra de gran, arredondada na parte superior. Acadaba os 50 centímetros de alto. O nimbo, circular, sobresaía do frontal. Unha variña metálica facía de gnomon. Labrouno o canteiro Manuel Iglesias Valiñas, que engadiu as súas iniciais nun dos laterais (MI(V?)). Manuel Iglesias mudouse a Miraflores (concello de Muros), e alí deixou obra feita.

Despois fomos ás aldeas da parroquia cerdedesa de Tomonde na procura de reloxos de sol. Os cuadrantes, empolicados nos seus poleiros, agardaban por nós impertérritos, indiferentes ao cambio horario de primavera. Visitáronse os lugares de Tomonde, A Vilalén, Fraguas, A Devesa e Barbeira.

A conversa cos veciños deu como resultado a catalogación dun par de cuadrantes máis (os dous bens localízanse na aldea da Vilalén) e, probabelmente, o postoiro dun terceiro, hoxe desaparecido (na aldea da Devesa). Nos máis lugares, os nosos informantes non deron razón da existencia, presente ou pasada, destes instrumentos.

Reloxo de sol do Requeté.

A Vilalén:

–O reloxo de sol dunha casa do Castro.

–O reloxo de sol da casa de Felisa (ou do Requeté).

O reloxo da casa do Castro labrouse nun semióvalo de pedra branca. Tipoloxía: circular, vertical e ortomeridiano. O gnomon é unha variña de cobre. Dende a distancia albiscamos a hora 12 (na vertical do gnomon), gravada en números arábigos. O canteiro local Acacio Rei foi o seu artífice. Calcúlaselle unha antigüidade de “cento e pico” anos. Despois de estar acurrunchado no chan durante moito tempo, o reloxo embutiuse na cachotaría da parede sur da vivenda. A casa a canda o reloxo foron restaurados recentemente.

O reloxo de sol da casa de Felisa (tamén coñecido polo reloxo do Requeté) é, sen dúbida, o cuadrante máis meritorio de Cerdedo. Cuadrante de tipoloxía circular, vertical e ortomeridiano. O nimbo tallouse nun tondo sostido por un personaxe uniformado de requeté (pucha e borla), é dicir, un paramilitar que nas guerras civís españolas do XIX e do XX combateu en prol do integrismo católico e da ideoloxía carlista. A figura do requeté (dun metro de alto) terma dos dous extremos dunha corda borlada que, unida ao tondo polo reverso, alza o cuadrante á altura do peito. No bordo da esfera do reloxo aprecíase parte da numeración horaria, en arábigos. O gnomon é un arame dobrado en forma de triángulo. A orientación (sur) da peza é a correcta, mais, a colocación do gnomon precisa dun axuste. A escultura do requeté pousa nunha peaña que sobresae dun dos cantos da casa. A peaña, hemiesférica, está adobiada con tres cabezas de anxos (ou nenos), intercaladas entre sete tramos cordados que, en mediorrelevo, converxen na parte inferior do soporte. Nas unións da peaña ao canto da parede, engadíronse senllos motivos vexetais ou cunchas de vieira. Un gancho de ferro, fincado na parede e pousado no ombreiro dereito da escultura, garante a súa verticalidade.

Consonte o historiador Antonio Rodríguez Fraiz, o cuadrante do Requeté é obra do mestre canteiro Francisco de la Iglesia, nado na Vilalén a mediados do século XIX e casado en Vichocuntín (Pedre). De la Iglesia é artífice, así mesmo, dun belísimo portal ateigado de esculturas en mediorrelevo (san Francisco de Asís, Adán e Eva, á árbore da ciencia...), ornamentación da que fora a súa casa natal.

Rodríguez Fraiz (Santa Mariña de Tomonde. Terra de Montes-Cerdedo, 2001, páx. 131) describe deste xeito o reloxo de sol: Na esquina da casa ó fondo, xunto ó balcón, admiramos unha artística figura dun mozo con uniforme de requeté; ostenta sobre o peito unha especie de tambor no que se acha un cuadrante cos números e horas dun reloxo de sol; viste pantalóns longos e zapatóns. Érguese sobre fermosa peana adobiada, entre outros motivos, por tres cabezas de requetés.

Encol do lintel do portal da casa dos Iglesias.

O libro achega dúas fotografías do reloxo de sol (páxinas 15 e 131). No mesmo artigo, Rodríguez Fraiz tamén lle apón a Francisco de la Iglesia a feitura (en 1905) do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (Pedre) e a do muíño de Sieiro (ou da Pontapedre), á beira do Lérez; trasladado a Codeseda durante a lodada do macroencoro de Dorna. O mestre canteiro Francisco de la Iglesia está soterrado no camposanto de Pedre. Os reloxos de sol da Vilalén distan uns 65 m un do outro.

A Devesa:

–O reloxo de sol do canastro de Xerardo Vázquez.

Na parte baixa da aldea da Devesa localízase a casa e dependencias (moi arruinadas) do que fora enxeñeiro industrial (axudante de Camiños Provinciais) Xerardo Vázquez Gil (†1953). Xerardo Vázquez foi autor dun mapa dos viais da provincia de Pontevedra que apareceu publicado na Guía del turista en la provincia de Pontevedra (1931) de Antonio Fernández de Castro.

Un dos dous canastros anexos á casa de Xerardo Vázquez presenta, encol dunha das sobrepenas do pinche, unha plataforma de pedra. O pedestal, que labrado en cuña obtén a horizontalidade, puido soportar xacando un reloxo de sol. Sobrepena e peaña oriéntanse cara ao sueste, mais a orientación do reloxo (sur) puido corrixirse virándoo no seu soporte.

Tras o escrutinio da parroquia de Tomonde, engadimos 3 reloxos de sol á nosa listaxe. Polo tanto, nos casaríos das parroquias de Cerdedo, Pedre, Castro, Quireza, Figueiroa e Tomonde documentamos un total de 37 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 16.

Compartir el artículo

stats