Silleda acollerá por segundo ano consecutivo A Vila do Mañá, unha aposta lúdico educativa que se desenvolveu en distintas localidades galegas e que chegou tamén ata San Paulo, no Brasil. Os obradoiros están destinados a nenos e nenas a partir de 5 anos e á mocidade, con distintas actividades coordinadas por personal monitor que se desenvolverán nas rúas de Silleda en horario de mañá (10:00-14:00) e de tarde (16:00-20:00) desde o luns 27 de xuño ao venres 1 de xullo.

As actividades son gratuitas, pero será preciso formalizar a inscrición no Concello, a partir da vindeira semana, e ata o 17 de xuño. Están organizadas polas concellerías de Cultura, de Educación e de Urbanismo. E contan co apoio de entidades como a Fundación Roberto Rivas, Apatrigal ou a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

O reto principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura, fomentado a participación protagónica dende a infancia e a mocidade. “O fin é provocar neles e espertar unha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida”, explica Sandra González, promotora da iniciativa, na presentación das actividades canda as edís Ángela Troitiño (Educación) e Mónica González (Cultura).

A iniciativa tomará Silleda como un taboleiro de xogo e laboratorio de experimentación, transformando a localidade en algo novo a descubrir se se mira e percorre con outros ollos. “É importante que dende pequenos coñezamos o valor do noso territorio para ser conscientes e saber coidalo o día de mañá”, subliña a arquitecta. As concelleiras resaltaron a boa acollida desta iniciativa en 2021, cunha moi satisfactoria experiencia por parte dos participantes.

As actividades que se plantexan nos obradoiros estructuraránse a través de seis conceptos fundamentais: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade, a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña, o plano e o elemento tridimensional. En Silleda, A Vila do Mañá propón unha edición especial traballando a participación protagónica dende pequenas accións de urbanismo táctico, unhas efímeras e outras máis permanentes en distintos espazos da vila, sendo os nenos e nenas e a mocidade protagonistas e cocreadores.

Concebir a vila como espazo de xogo, recuperando ideas propostas polo holandés Aldo Van Eyck, e tamén cas premisas e Francesco Tonucci, creador do programa A cidade dos nenos, é un dos obxectivos desta iniciativa que busca que a cativada actúe como vangarda da recuperación do territorio para a cidadanía.