O Concello da Estrada e os dez centros escolares do municipio uníronse para poñer en marcha unha iniciativa bautizada como “Dinamiza TV” co obxectivo de promover o uso do galego entre os máis cativos. Para iso, apostouse por un marco audiovisual, coa creación dun informativo en cada un dos centros escolares no que tiveron cabida os vídeos creados polos propios alumnos e ao que se dou forma final cunha gravación no Teatro Principal estradense.

Informativos para fomentar o uso do galego entre os escolares estradenses Lois Docampo

Durante a presentación que tivo lugar onte, a edil de Educación, Amalia Goldar, estivo acompañada pola coordinadora estradense dos equipos de dinamización lingüística “Dinamizaestrada”, María Tato; e o dinamizador do CEIP do Foxo, Alberto Bernárdez. Goldar agradeceu a implicación tanto do alumnado coma do profesorado con esta iniciativa, que deu comezo no mes de xaneiro, e que consistiu na gravación de dez noticiarios en galego, un por cada centro, sobre diferentes contidos por parte dos escolares co obxectivo de “incentivar a práctica da lingua oral e escrita entre a mocidade, ademais de promover o uso das novas tecnoloxías”.

Agora, unha vez rematada a montaxe dos vídeos, tarefa da que se encargou o realizador estradense Lucas Terceiro, os informativos serán publicados na canle de YouTube do Concello da Estrada. Hoxe ás 12.00 horas, será a quenda do noticiario elaborado polo alumnado do IES Manuel García Barros. A partir de entón, subiranse tres vídeos á semana –cada luns, mércores e venres– ata facer públicos os de todos os centros participantes. A duración de cada noticiario varía en función dos vídeos aportados por cada centro.

A coordinadora local dos equipos de dinamización lingüística “Dinamizaestrada”, María Tato, destacou a boa acollida do proxecto entre o alumnado, no que participaron escolares de todos os cursos, e amosou o seu desexo de darlle continuidade a esta iniciativa de cara a vindeiras edicións. Bernárdez pola súa parte valorou a idea de introducir elementos audiovisuais na educación e destacou o proceso de aprendizaxe que foi para todos.

Unha gran acollida entre os cativos

“A iniciativa sorprendeu de inicio pero tivo un gran éxito”, manifestou María Tato. “Os nenos estiveron entusiasmados e dispostos a participar. Eles ademais están mi acostumados ás novas tecnoloxías, máis incluso que algúns de nos”. No mesmo sentido manifestouse Bernárdez. “Ao principio estaban un pouco receosos. Custoulles entrar na actividade porque pensaban que ían ser vídeos marcados por nós pero cando lles dimos liberdade amosaron a súa creatividade. Desfrutaron podendo converterse nos protagonistas deses vídeos que ven en Youtube ou Tik Tok. Ao final mandaron moitos vídeos feitos por eles. Creo que a experiencia foi moi positiva porque puideron traballar a súa expresión oral e aportaron cousas positivas”. Tato e Bernárdez representaban as dúas vertentes dentro dos centros escolares estradenses ao recibir esta proposta desde o departamento de Cultura. No caso do Pérez Viondi apostouse pola creación dun equipo de redacción que se encargou de elixir os temas que se ían tratar no noticiario. No caso do Foxo apostouse sen embargo por dar liberdade total aos alumnos á hora de facer os vídeos. Así tiveron gravacións falando de videoxogos, falando das súas mascotas, entrevistando aos avós, falando dos cruceiros ou incluso explicando como hai que facer unha entrada a canasta xogando ao baloncesto. Todas esas gravacións, sumadas ás entradiñas con presentadores realizadas no teatro, puxéronse despois en mans de Lucas Terceiro, que lle dou forma para crear un noticiario que non superase os dez minutos.