A mostra “Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento”, que estivo exposta ata o 6 de maio na Casa das Letras da Estrada, iniciou onte o seu periplo polos distintos centros escolares do municipio. O primeiro en acoller a exposición do xenial escritor e xornalista estradense foi, como non podía ser doutro xeito, o IES que leva o seu nome.

Estará no IES Manuel García Barros ata o 27 de maio e despois, dende o 30 ata o 10 de xuño, exhibirase no IES Antón Losada Diéguez. Durante o verán, debido ás vacacións escolares, a odisea da exposición polos centros de ensino estradenses verase interrumpida ata o curso académico seguinte, cando reanudará as visitas polo resto de colexios e institutos da contorna. Está previsto que esta peregrinaxe estea completada para o mes de marzo do próximo ano.

A mostra do xenio creativo de Berres componse de varios paneis que van narrando, cronoloxicamente, diferentes episodios da vida de Manuel García Barros, así como varias obras de poemas e outros escritos que deixou reflexados en xornais da época, como El Estradense ou El Emigrado. Os comisarios da exposición, o profesor Carlos Loureiro e o editor Xesús Domínguez, sinalaron que esta mostra trata de “achegar a vida de García Barros” ás novas xeracións, que polo xeral, “non coñecen realmente” a vida, nin a obra deste persoeiro histórico galego, e particularmente, estradense. Concretamente, Domínguez destacou a súa propia experiencia como antigo alumno do IES Manuel García Barros, como exemplo da utilidade e necesidade da exposición. O editor estradense recoñeceu que, nos seus anos de instituto descoñecía case completamente a figura de García Barros, a pesar de estudar no centro que levaba o nome do escritor.

Tanto Loureiro coma Domínguez, que durante as próximas semanas darán varias charlas no centro onde se expón a mostra, coincidiron na importancia de mostrarlles ás novas xeración a vida e a obra de García Barros, un xenio moi descoñecido na terra que o viu nacer. Neste senso, os comisarios de “Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento” xa desvelaran no seu día, cando fora a presentación desta exposición, a intención de non restrinxir a mostra unicamente a centros de ensino, se non levala tamén a outros espazos, como centros sociais, para que aprendan dela persoas en idade adulta, e non só rapaces en idade escolar.