O Concello de Lalín, no marco da Estratexia Edusi Lalín SSUMA 21, vén de mellorar a interrelación entre o núcleos rural e o urbano grazas á posta en marcha de tres pasarelas verdes peonís na contorna do Rodo, de Xaxán e de Goiás. O obxectivo esencial desta actuación é habilitar sendas atractivas e útiles para potenciar a comunicación entre os veciños dos núcleos rurais e da contorna urbana, ao tempo que se fomentan e reivindican os espazos naturais e tradicionais, de tal xeito que se contribúa a fixar poboación e ao desenvolvemento e a conservación das contornas rurais.

Leste do castro.

Dende o Concello subliñan que a posta en marcha e a mellora de vías de comunicacións sostibles e humanizadas que reduzan a fragmentación social é fundamental na sociedade actual. E, doutra banda, a importancia que o rural ten no conxunto do Concello de Lalín tamén é innegable. ‘Lalín ten as súas raíces no mundo rural. E non debe obvialo porque é crear unha sociedade feble e carente de identidade e enraizamento’, destaca Xoán Carlos García Porral, escritor e veciño da parroquia de Goiás.

Resultado destas dúas realidades xorden estas pasarelas verdes habilitadas no Rodo, en Xaxán e en Goiás, tres zonas situadas a pouca distancia do núcleo urbano do concello de Lalín e que contan ademais con grandes atractivos naturais e patrimoniais.

A Carballeira do Rodo é un espazo de gran valor paisaxístico ao que se lle suman varios elementos arquitectónicos de interese. Grazas a estes traballos, foise complementando con varias áreas de lecer: un parque infantil, un parque biosaudable para os maiores e un merendeiro. Conta cunha serie de esculturas feitas en pedra polo escultor César Portela, entre as que destaca a chamada Mesa parroquial, que mide 33 metros de lonxitude e 3,5 metros de ancho, ten forma elíptica e está rodeada de bancos de pedra. Outro elemento que destaca nesta carballeira é a escultura coñecida como A Fonte, cunha figura feminina de bronce apoiada nunha tarima cúbica e centrada nun pequeno estanque bordeado por un banco de pedra, ademais do Pavillón da Auga, composto por un cubo de pedra rodeado por catro esculturas de formas fantásticas.

Xaxán

A parroquia de Xaxán conta cuns 250 veciños e con moitos elementos de interese histórico e natural. Ao carón desta nova senda peonil atópase a Mámoa Coto do Xilo. É unha retumulación, é dicir, existía un primeiro túmulo que nun momento máis recente do Neolítico quedou absorbido por un túmulo maior construído enriba del. Nesta zona está tamén o Castriño da Barreira, un pequeno asentamento que se compón dun parapeto de terra con forma circular rodeado dun foso. Pola súa forma e tamaño, na ficha arqueolóxica dos castros do Deza dáselle unha adscrición medieval: Non hai lendas con relación ao Castriño. Dicíase que o fixeron os mouros cando estaban no Castro Grande (castro de Cotarelo) e que viñan a enterrar aquí aos seus mortos. Recollido por Antonio Presas en 2007, Presas 2008: 272.

Na antiga parroquia da Pena, o actual Xaxán, hai unha sepultura de tipoloxía antropomorfa escavada na rocha, popularmente coñecida como a tumba celta. Data da época medieval e tamén se coñece como Fonte de San Cristovo,, malia que nela non nace auga. O nome provén da atribución de funcións sanadoras e milagreiras á auga da choiva que era recollida por este sepulcro pétreo. No que atinxe ás festas desta zona, son referentes as Festa do San Bieito e a Festa de San Cristovo, o patrón dos choferes e un dos tres patróns do peregrino, xunto con San Roque e San Rafael. A patroa de Xaxán é Santa María da Saleta.

Goiás, muíños e lendas

Goiás conta a día de hoxe cuns 800 habitantes. Preto desta nova senda peonil atópanse cinco muíños. O Muíño da Pena, no lugar de Regueirancha, atópase entre o sur de Goiás e o norte de Lalín. O Muíño da Xesteira estivo en funcionamento ata fai poucos anos. O Muíño de Calón, que se atopa nas proximidades do lago do Pontiñas e o Conservatorio Municipal de Música, está restaurado. Do Muíño de Luis, que contaba cunha pequena vivenda ao seu carón, consérvase unha parede e do Muíño do Outeiro só quedan algúns restos. Todos eles están na aldea de Delaparte e aliméntanse do regueiro da Pena, que linda co monte do mesmo nome. Tamén están en Goiás as mámoas de Coto do Tourón, Costa de Casares, Costa do Cruceiro, a do Castro e a do Toxo, testemuñas da época previa ao mundo dos castros, e o Pazo de Beilás, habitado pola liñaxe dos Varela de Ventosa. Doutra banda, dende o famoso Castro do Cotarelo pódense divisar outros 27 castros, de aí que se lle considere o castro hexemónico, cargado ademais de moitos relatos lendarios.

Tamén é importante a igrexa románica de Goiás que, xunto coas de Lalín de Arriba e Donramiro, conforman o triunvirato do románico no Concello de Lalín. Nela destacan a capela dos Gundín-Salgado, que está ao sur, a dos Taboada e Camba, situada ao norte, a construción da sancristía a finais do século XVIII e o levantamento da ábsida e do campanario, tamén no século XVIII. Precisamente na capela dos Gundín-Salgado atópanse tres enterramentos realizados nos inicios do século XVII. Dous dos sepulcros teñen forma prismática e o terceiro conta cunha estatua orante de tamaño real do abade Amaro Gundín Salgado, protagonista dunha coñecida lenda local que ademais ‘emparenta’ de forma violenta ás familias propietarias das dúas capelas. Segundo esta lenda, o abade foi asasinado polo Cabaleiro que está enterrado no fondo da igrexa, ao que se lle atribúe o título de Conde da Baíña. A xente di que cando o cura ía dicir a misa, o can do cabaleiro sempre lle saía ó paso ladrándolle ata que un día o cura, falto de paciencia, matou o can. O Cabaleiro, enrabechado, foi á igrexa e pegoulle un tiro. E deste xeito, ao derramarse nela sangue violenta, a igrexa tivo que ser cambiada de sitio, cóntano Xoán Carlos García, veciño da zona.Á marxe desta lenda, o abade Amaro Gundín Salgado, fillo de Cristóbal Gundín Salgado, foi o fundador desta capela e o primeiro crego que fixo efectivo o mandato do Concilio de Trento no tocante aos Libros Sacramentais e de Fábrica. De feito, da súa man consérvase un pequeno libro no que constan os asentamentos matrimoniais e as defuncións entre os anos 1623 e 1655, toda unha novidade nesa época.

Outro tesouro da zona de Goiás son as Cruces Carlistas, das que se conservan catro a día de hoxe. No primeiro Libro de Defuncións Parroquial (1716-1852) cóntase que, sendo crego D. Xosé López, foron asasinadas a mans de ‘facciosos’ doce persoas; un foi asasinado o 12 de maio e o resto o 14 de agosto. Faccioso’ era o termo que se lle aplicaba aos partidarios do Infante Don Carlos, que pretendía o poder enfrontándose á súa sobriña e futura raíña Isabel II.

En canto a festas, en Goiás destaca a do seu patrón, San Miguel, tradicionalmente pasada por auga, motivo polo cal existen dúas fontes co mesmo nome. E curiosa resulta tamén a Festa dos Mozos, que ten lugar o primeiro domingo de setembro. Na súa orixe só bailaban nela os homes casados e tiña lugar nunha carballeira que está preto de onde arranca esta nova pasarela de Goiás.

Os tres sendeiros que agora se acondicionaron, a carballeira do Rodo, o de Xaxán e o de Goiás, teñen raíces comúns, xa que formarían parte do que eran as antigas parroquias de San Cristovo da Pena e San Miguel de Goiás. A constitución das parroquias que existe agora é de 1891 pero con anterioridade, xa no Catastro da Ensenada, de 1749, e tamén no Mapa de Domingo Fontán, de 1834, aparecen reseñadas Pena e Goiás.