Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

as imaxe

Da cova dos mouros ao petróglifo da Cimadavila

O colectivo Capitán Gosende visita a cova de Caroi, nunha viaxe que deparou a descuberta dun novo petróglifo

Calros Solla, ao abrigo da Cova dos Mouros. |

O domingo 15 de maio, cos zoqueiros a bater no sobrado, propuxémonos dar coa estación mítica da Cova dos Mouros, localizada, segundo os nosos informantes, no monte da Cimadavila (Caroi-Cotobade), na ladeira oeste do monte do Seixo e a uns 800 m, cara ao norte, da ermida da Santa Mariña. Todo ao noso arredor era unha espeteira de abrotias onde o monte pendurar o seu gabán de toxo chorido.

Ao tempo que, dende a aldea da Cimadavila, enfrontabamos a ascensión, fomos esculcando nas innúmeras formacións rochosas que afloran a unha beira e á outra da pista forestal. Non nos afastaramos nin 400 m da aldea cando, á marxe esquerda do vial, alí onde nomean A Estivadiña, atraeu a nosa atención un bolo granítico dende o que se contemplaba unha bela panorámica da valiña de Caroi, ollos estricados até a lomba do Coirego.

Axiña nos decatamos de que o petouto fora empregado como soporte para a arte rupestre. Naquel pedestal talláranse, en época prehistórica, unhas oito ou dez coviñas, repartidas en tres mamilóns. Tres coviñas en uve riscáranse na parte superior do pelouro máis alto; outras tres, tamén en uve, no relanzo inmediato; outras dúas, na rampla do pelouro máis baixo (unha das coviñas fora ampliada a posteriori cun útil de ferro); e outras dúas na parte superior do mesmo pelouro, asociadas a unha bacía natural. Denominamos o achado “petróglifo da Cimadavila” (coordenadas.- X: 548.818; Y: 4.703.465; 690 m de altitude). Este gravado rupestre fai o número 92 dos descubertos polo colectivo en Terra de Montes.

Imaxe da Penela da Cova dos Mouros de Caroi. |

A pouco máis dun quilómetro, en liña recta e cara ao sueste, da estación petroglífica da Cimadavila localizábase a Cova dos Mouros, o noso destino. A Cova dos Mouros (coordenadas.- X: 549.697; Y: 4.702.769; alt. 840 m) é un acubillo rochoso aberto no macizo granítico das Penizas; para ser máis exactos, nas Penizas de Baixo. Nas Penizas, nas casteleiras de Arriba e nas encovadas de Abaixo, o cuarzo e a pedra de gran fixeron amálgama.

Cando estabamos a uns douscentos metros do obxectivo, amainou o vento e o ceo ceibou unha morna bategada. Démoslles sebo aos pés corga arriba e, malia a corrida, acadamos o abrigadoiro da Cova dos Mouros mollados coma pitos. Ao abeiro da espenuca, recobramos o alento e fixemos por escorrer os impermeábeis.

Mentres agardabamos un aloveado, entretivémonos lembrando as lerias de mouros escoitadas na Cavadosa de boca do defunto Venicio Fortes, de quen temos fondas saudades. Na Cova dos Mouros da Cimadavila viven os mouros que gobernan os fogóns da Casa da Neve. Os míticos cociñeiros cazolean naqueles potes gorgolexantes a secreta receita do nevarío, asemade a cheminea golsa polo orbe a folerpada. Prodixioso oxímoro. Así se escribiu no libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008):

“Nas inguas do Seixo, aló do Castro, acó da Santa Mariña, a unha carreira de can do camiño da feira, tense a neveira de Cimadevila. Arredor da pedra lareira, escoleres cullaretos, mouros garfeleiros cociñan a xistra, prebe da invernía, en pote ribeirán. Cas da neve, a cheminea arfante alenta o nevarío. Ao chou, o ventimperio pousa a albeira tinguidura encol de cumes e vagantas”.

Volveu zoar o vento e estiñou. Os mouros farrapeiros xa folgaban até o vindeiro inverno. Cumprida a misión, abandonamos a Cova dos Mouros sen aconchegar a porta e, lixeiros, procuramos na fondeira unha baiuca onde secar os pés á calorciña do licorcafé.

Ogallá a neve siga branqueando ano tras ano o carrelo do Seixo, anque leve o proveito o priorado de Oseira. Xiada de xaneiro, neve de febreiro, trebón de marzal, chuvia de abril e ventisca de maio, ano cabal che traio.

Compartir el artículo

stats