O mosteiro de Carboeiro abrirá hoxe, Día das Letras Galegas, de xeito excepcional e aproveitando a xornada festiva, dado que habitualmente o cenobio está dispoñible para as visitas de mércores a domingo. Ademais, mañá volverá haber unha xornada de portas abertas, con entrada gratis, debido á conmemoración do Día Internacional dos Museos.

Tal e como recolle a ordenanza das taxas de acceso, a entrada a Carboeiro é gratuita tanto no Día dos Museos como o 25 de xullo, Día de Galicia, e o 10 de agosto, festividade de san Lourenzo, a quen está adicado o templo. Hoxe, o horario de visitas será de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 19.00 horas. O horario de verán quedará ampliado cando se incorpore o novo guía turísticos a través da axuda da Deputación. Por outra banda, durante o mes de abril Carboeiro recibiu 1.682 visitantes. A maioría proceden de distintos puntos de Galicia, sobre todo da Coruña e de Pontevedra.