Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Actos e homenaxes nas comarcas polo Día das Letras

Lalín, Silleda e Soutelo de Montes organizan diferentes actos durante a fin de semana

Alumnado do María Inmaculada no festival que organizaron no auditorio da Semana Verde de Galicia.

As comarcas xa comezaron a realizar diferentes actos culturais, dentro do marco do Día das Letras Galegas que terá lugar o vindeiro martes na honra do avogado e poeta, Florencio Delgado Gurriarán. Precisamente por este motivo, o alumnado do Colexio Plurilingüe María Inmaculada de Silleda, celebrou, o pasado venres, un festival dentro do auditorio da Semana Verde de Galicia. No acto, que constou de diferentes partes e no que participaron distintos cursos, homenaxeouse ó protagonista deste ano no Día das Letras, así como a outras moitas persoas que se adicaron, ouque aínda se adican, a recoller pezas literarias ou musicais tradicionais para que non acaben caendo no esquecemento.

O parque Venezuela de Soutelo de Montes acolleu a Ruada das Letras Galegas durante a tarde de onte.

Por outra banda, o sábado celebrouse na localidade forcaricense de Soutelo de Montes a Ruada das Letras Galegas, que tivo lugar a partir das 18.00 horas no parque Venezuela. A iniciativa, ademais de homenaxear a Florencio Delgado, tamén serviu para conmemorar o 50 aniversario do pasamento de Avelino Cachafeiro, máis coñecido como “O Gaiteiro de Soutelo”. Durante a xornada, os asistentes ó parque Venezuela puideron desfrutar dunha exposición de poemas e de debuxo que correu ó cargo do grupo Tardes de Lecer. Ademais da mostra, o público que acudiu á Ruada das Letras Galegas puido gozar de dúas actuacións de grupos relacionados ca música tradicional galega, como son Os Abrentes e As Rebuldeiras de Soutelo. A xornada acadou unha boa participación, grazas ós veciños chegados de diferentes puntos do termo municipal de Forcarei que quixeron formar parte desta homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, así como a Avelino Cachafeiro e á lingua e cultura galegas en xeral.

Crespo e Blanco entregaron a Pandeira de Honra ás Tanxugueiras.

O Concello de Lalín tamén fixo a súa homenaxe particular ás Tanxugueiras, posiblemente un dos puntais máis importantes da actualidade para a cultura galega. O grupo musical do momento recibiu onte a “Pandeira de Honra” por “tanto ben que fixeron e fan” a favor da música tradicional e polo idioma galego. Este galardón debería entregarse o próximo martes, dentro do marco do “6º Serán das Letras Galegas”, pero o Concello decidiu entregarllo onte porque as Tanxugueiras estaban en Lalín, ó actuar pola noite nun concerto pertencente ó festival Cocidos do Camiño. Dúas das integrantes do trío, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, recibiron o premio das mans do alcalde, José Crespo, e da concelleira Begoña Blanco.

Compartir el artículo

stats