A Festa Correlingua 2022 volveu onte ás rúas da Estrada, despois de dous anos celebrándose no Teatro Principal debido ás restricións sanitarias. A edición deste ano recordou ás que se realizaban antes da pandemia, con máis de 1.300 cativos percorrendo diferentes partes do casco urbán estradense. Participaron a maioría de centros educativos do municipio, ademais do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Acompañando á representación forcaricense, acudiron ó correlingua os alumnados dos centros de Figueiroa, O Foxo, Villar Paramá, Oca, Cabada Vázquez e Pérez Viondi. Tamén participaron na xornada os IES Antón Losada e Nº1.

O Correlingua reúne a máis de mil cativos na Estrada

O Correlinguas deste ano tivo que variar a súa ruta habitual e tamén o centro neurálxico da actividade, que todos os anos era na Praza da Feira. As obras que se están realizando nesta zona ocasionaron que se realizara o acto principal diante do Concello. A rapazada, dividida en dous grupos segundo a idade, saíron das inmediacións do consistorio local cara a rúa Serafín Pazo, ata chegar á Praza da Farola. Dende alí descenderon pola Calvo Sotelo, antes de cruzar a Justo Martínez. Despois deste treito, os máis pequenos regresaron á Praza do Concello, mentres os maiores seguiron a rúa Iryda, para despois tomar a Avenida de Ponteareas e chegar á Porta do Sol. Logo subiron a rúa Ulla ata a Justo Martínez, antes de regresar á Praza do Concello.

O Correlingua reúne a máis de mil cativos na Estrada

Cando os dous grupos chegaron de novo ó punto de saída, procedeuse á lectura do manifesto do Correlingua 2022. O discurso entoado na Estrada deu valor á lingua galega e sinalou a importancia de non deixar morrer un idioma que perde falantes cada ano. Despois da lectura do manifesto, o alumnado presente puido desfrutar da música de Mekánika Rolling Band, que animou a xornada dende o palco da alameda, cos seus ritmos con influencias do reggae e do ska. Ó remate do concerto, realizouse unha solta final de globos e o acto finalizou arredor das 13.00 horas.

A organización do evento mostrouse “moi contenta” co resultado do Correlinguas 2022, que nesta edición volveu achegarse “ós números de participantes” que manexaban antes do inicio da pandemia. Ademais, o alumnado participante fixo gala dun “comportamento exquisito”, grazas en parte, ó “bo traballo” dos profesores que acompañaron ós cativos durante a xornada.