Roi Casal canta á emigración galega mañá en Rodeiro co seu espectáculo Son galego, son cubano, que foi presentado onte pola tarde na Praza de Oseira da localidade. O concerto terá lugar na avenida Aviador Gumersindo Areán a partir das 23.00 horas con entrada libre.

Promovido pola Rede de Dinamización Lingüística, o espectáculo busca homenaxear aos emigrantes galegos que, desde Cuba, axudaron a conformar a identidade do país dándolle protagonismo aos textos do escritor cruceño Xosé Neira Vilas. A través da música, Roi Casal recorda a importante presenza de galegos na illa caribeña, especialmente na súa capital, La Habana, onde naceron símbolos da identidade como o himno, a bandeira ou a Real Academia Galega. O cantautor acudiu onte ao acto de presentación, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá. Trátase dun “traballo moderno e actual que conecta as dúas beiras do Atlántico e a propia comarca de Deza, e faino a través da literatura en lingua galega, dos poemas dun autor clásico que non deixou de ser galego cando estivo en Cuba e que sempre se esforzou por manter viva e activa a presenza da nosa comunidade na illa caribeña”, expuxo García.