Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tras as pegadas de Laxeiro

Unha quincena de persoas participa na ruta guiada polos espazos vitais e de inspiración do pintor lalinense, homenaxeado neste ano pola Real Academia Galega de Belas Artes

Os participantes na ruta, durante a parada diante da casa natal de José Otero Abeledo. Bernabé/Javier Lalín

Unha quincena de persoas participou na ruta polos espazos vitais e de inspiración do pintor Laxeiro, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e a Deputación de Pontevedra. O recorrido, de tres horas e media, estivo guiado pola historiadora Cecilia Doporto Regueira, técnica do Museo Municipal Ramón Aller Ulloa.

Neste punto foi onde arrancou a visita, enmarcada na actividade Os Camiños de Laxeiro, que inclúe en vindeiros sábados outras dúas rutas por Vigo e Pontevedra. Durante corenta minutos, os participantes recibiron todo tipo de explicacións sobre a exposición do artista que hai no museo por parte de Doporto. Estivo acompañada polo historiador e arqueólogo Felipe-Senén López Gómez, secretario da RAGBA. A comitiva dirixiuse cara a escultura de Laxeiro, na rúa Observatorio, para seguir pola Praza de Abastos e a Zona de Viños, antes de poñer rumbo á parroquia de Donramiro. Pasaron por diante da Casa da Crespa, de Antonio Crespo Pampín, alcalde de Lalín entre 1903 e 1923, durante a infancia do artista.

A igrexa de Donramiro foi obxecto dunha ampla disertación polo seu valor histórico e patrimonial –románica do século XII, ampliada no XVII– e porque alí está enterrado outro insigne lalinense: o científico Ramón María Aller Ulloa, a primeira persoa que lle regalou a Laxeiro os utensilios para pintar. Escribe sobre o templo: “Soñei que era un anxelote esculpido nun retablo barroco na igrexa de Donramiro. Eu era de madeira, pero un 23 de febreiro arrodillouse unha moza fermosa diante do altar ao que pertencía, facéndome estremecer. Empecei a moverme, desprendinme do retablo. Caín no seu regazo, ela foi a miña nai”. E da igrexa ao cruceiro, construido a finais do século XIX, cun custo de 60 reais para a pedra do varal e a cruz.

Casa, fonda e cemiterio

Ao lado da fonte está a casa que viu nacer a José Otero Abeledo, que pasaría a posteridade como Laxeiro, como ben acredita unha placa. “Son fillo desta terra, por iso nunca me negarei a estar presente para todo o que se me requira –presumía el mesmo de orixes–. Coñecín un Lalín sen bancos, sen institucións, sen colexios privados, sen grupos escolares do Estado. Sen tantos ricos nin tantos cartos, pero tiña algo Lalín que hoxe xa desapareceu, un xornal que se chamaba Verdad y justicia, un grupo de aficionados que facía teatro experimental...”, rememoraban onte os guías.

O artista e Lala comían e ceaban de xeito habitual na Fonda da Faílda ou Manolo do Empalme, onde se produciu a seguinte parada. Achegáronse logo ata o cemiterio para visitar a súa tumba, onde se sumaron sobriños de Laxeiro e veciños de Botos. A Romea está moi presente na pintura de Laxeiro, con numerosos cadros referidos a este lugar máxico, un submundo no que vivía o nomo Merlito. Os comentarios de Doporto ante a escultura de Manolo Plaza e os monumentos ao aviador Loriga e a Ramón Aller, obras de Francisco Asorey, puxeron fin á camiñata.

Compartir el artículo

stats