Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Candán, unha das oito rutas do apiturismo galego

Un proxecto da Asociación Galega de Apicultura inclúe as alvarizas da serra, na que se conserva un cento de construccións

Participantes na ruta polas alvarizas de Vilatuxe, organizada por Roteiros de Lalín. ROTEIROS DE LALÍN

O pasado 9 de abril e dentro da programación de Alvariza. Feira Internacional de Apicultura que acollía Lalín tivo lugar un roteiro polas alvarizas de Vilatuxe. Máis dun cento de persoas puido marabillarse ante estas construccións, algunhas delas ainda activas e outras agardando por unha rehabilitación, que vai ser sopesada polo Concello.

A posta en valor deste patrimonio deu xa un paso moi importante dende a Asociación Galega de Apicultura. Co seu proxecto Apiturismo Galicia, o colectivo difunde oito rutas para coñecer as alvarizas. Unha desas oito rutas é a da Serra do Candán. As outras sete discorren polos Ancares, O Courel, O Xurés, A Costa da Morte, a Ribeira Sacra, o concello lucense de Quiroga e polo patrimonio cereiro, con construccións tan interesantes como o lagar de cera en Paraños, no municipio do Covelo.

Case 2.800 colmeas só en Lalín

A web Apiturismo Galicia indica que a orixe das alvarizas na Serra do Candán está ligada ao mosteiro de Aciveiro, en Forcarei, que impulsou a apicultura nos concellos veciños. De feito, a producción de mel tivo un crecemento tan grande que no 1752, o censo de colmeas do Catastro do Marqués de Ensenada contabilizaba 2.781 colmeas só no municipio de Lalín. E esta relevancia da capital dezá ainda é patente, dado que Zobra figura “como unha das aldeas máis meleiras do país”, con meles varias veces premiados nas catas do Consello Regulados da IXP-Mel de Galicia. A ruta polo Candán permite ver alvarizas e colmeas, pero tamén centros de envasado e facer unha especie de viaxe ao pasado para percatarnos de que a producción de mel e cera deu pé a oficios como os de apicultor, pero tamén de borreiro (catador de colmeas) e cereiro. De feito, a cera empregábase como forma de pago aos monxes de Aciveiro.

Hoxe en día, contabilízanse un cento de alvarizas na Serra do Candán. E tamén queda en pé o Casal de Chedas, que no seu tempo serviu de escola agrícola para aprender o manexo das colmeas e outras cuestións relacionadas co agro como a cría do gando ou o cultivo dos campos. Nesta ruta, o proxecto Apiturismo insiste en que chegou aos nosos tempos un patrimonio “moi ameazado e en vías de desaparición, dos máis ricos do noroeste peninsular”. Pero refírese non só ao Candán, senón tamén ao estado das alvarizas das outras sete rutas que ofrece a xeografía galega.

Polo que respecta ao mel do Candán, indica que a mestura de soutos, robledais, matogueiras e prados conséguese un producto de sabor intenso e forte aroma. Predominan os meles milflores de breixo, castiñeiro e silva, pero tamén hai monoflorais de breixo ou castiñeiro, ainda que en menor proporción. Prodúcese, ademais, mielato de carballo.

Rutas guiadas

Apiturismo Galicia comezou a tomar forma en 2019, co apoio do programa O teu Xacobeo, da Xunta. Inclúe a elaboración de materiais promocionais (folletos, vídeos), así como actividades de difusión dentro e fóra de Galicia e a creación do Centro de Información do Apiturismo de Galicia. No deseño das rutas participaron persoas apicultoras así como entidades locais. Quen desexe cubrir un destes oito roiteiros, debe poñerse en contacto con Apiturismo Galicia no sitio web apiturismogalicia.gal/contacto, ou a través dos teléfonos 981 589 534 e 640 230 155.

Compartir el artículo

stats