Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antón lamazares silva | Artista

“Temos que conseguir que a Laxeiro o coñezan por Europa e polo mundo adiante”

O creador de Maceira fala no IES Laxeiro sobre a etapa anterior a viaxe á Arxentina do xenio de Donramiro

Antón Lamazares, onte, no salón de actos do IES Laxeiro antes da súa conferencia sobre o xenio de Donramiro. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

O saón de actos do IES Laxeiro de Lalín acolleu onte a charla que levou por nome “Lamazares pinta a Laxeiro”. Nela, o polifacético artista de Maceira fixo un percorrido pola vida e obra de Laxeiro antes da súa estadía na Arxentina. O acto tamén contou coa participación de estudantes de música do centro que interpretaron varias pezas.

–Que pretendeu coa charla aos estudantes do IES Laxeiro?

–Eu o que quería e que miraran cuadros, falar con eles e sobre todo que me preguntaran todo sobre Laxeiro. Iso de dar conferencias é para académicos e eu son pintor.

–Que significou na súa vida a firgura dun artista como Laxeiro?

–Teño que recoñecer que para min foi moi importante porque eu empecei a pintar con el. Tamén teño que dicir que tive unha grande amizade cun home como Laxeiro. Aprendín moito do se traballo. Por iso pódese dicir que foi fundamental na miña vida a na miña obra.

–Pódese atopar no seu traballo a pegada do xenio de Donramiro?

–Por suposto. No meu traballo había influencia sobre todo ao principio. E logo despois, menos pero é normal porque eu tiña que buscar o meu camiño na pintura. Eu teño un recordo del moi importante e é inevitable as veces pensar que diría Laxeiro se visa algo do que eu pintei ou pinto, claro.

–Pensa que a obra de Laxeiro está suficientemente valorada?

–O que temos que conseguir todos é que a Laxeiro o coñezan fora de Galicia, por Europa e polo mundo adiante. Penso que en Galicia é bastante recoñecido. Hai xente que o admiramos e que o queremos moito e hai outra xente que non lle ineresa o arte nin lle interesan estas cousas. Eu penso que o problema del é que se coñeza fora de Galicia.

–Onde radica á importancia do traballo dun artista como Laxeiro?

–Estamos a falar dun creador auténtico con un mundo propio e desenrola ese traballo ao largo duns 60 anos. Laxeiro ten unha evolución propia cun mundo dun gran creador. Iso só se pode coñecer coñecendo o seu traballo. Ao mesmo tempo tamén é bon coñecer o traballo doutros pintores para poder comparalos entre todos eles.

–Non pensa que en Lalín prima a figura de José Otero á de Laxeiro?

–E que aquí non hai costume de coñecer a pintura, pode moito máis a anécdota sobre o traballo. A xente que coñecíamos o seu traballo penso que o respetábamos. O que pasa é que non hai cultura no senso de ver exposicións e de respectar o traballo dun pintor tan sobranceiro como Laxeiro.

–Cal é a etapa que máis lle gusta da súa prolífica obra?

–En verdade, a mín gústanme todas as etapas de Laxeiro. Se tivese que escoller, escollería o mellorciño de cada etapa. Eu penso que o importante é coñecer o seu traballo na súa totalidade e ver precisamente a súa evolución. O que ensinei no IES Laxeiro é o contrario da exposición que está no museo. A mostra vai dos anos 50 aos 70 e quisen mostrarlle aos rapaces, e pedín documentación, as obras que pintou ata os anos 50. Son pezas moi interesantes que pintou antes de marchar para Arxentina porque cando vaise xa é un pintor feito e dereito. Date de conta que foise con 41 ou 42 anos e penso que Laxeio con trinta anos xa estaba moi formado como pintor e creador.

–En que está a traballar Antón Lamazares agora mesmo?

–Os pintores traballamos todos os días. Xa sabes que vivo fora e traballando arreo. Agora mesmo estou expoñendo en Madrid co meu traballo de “Alfabeto Delfín” e tamén levo catro anos traballando con San Juan de la Cruz. Seguro que de ahí iremos a outra cousa porque todos os días hai cousas que atender.

–Cal é o peso da inspiración ou das musas cando un pinta?

–Inspiración e traballo son condicións moi necesarias cando tes que facer arte. E cando ás musas dáselle por danzar, un creador tan único como Laxeiro sabe que ese é o verdadeiro camiño que leva ao Pórtico da Gloria, na nosa ben querida Compostela que inesquecibles veces alabamos e gozamos os dous cando estivemos alí en tempos.

–Supoño que Laxeiro non foi o único que contribui a que Antón Lamazares acabara traballando no eido da cultura e da pintura, non?

–Claro. Laxeiro e Manuel Pesqueira axudáronme a facerme pintor, inocularonme o amor pola pintura. O primeiro coñecino aos dezaseis anos, o segundo aos dezasete. Pero quen realmente me ensinou o oficio foi Alfonso Fraile, a quen coñecín en Madrid. Un gran pintor, de gran influencia para min. Laxeiro foi o que apoioume en todos os aspectos cando comecei nesta profesión, é algo que non se esquece.

Roteiros nos sitios de inspiración laxeiriana

Os Camiños de Laxeiro é a nova proposta coa que a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes homenaxean ao creador lalinense, a quen este 2022 se dedica o Día das Artes Galegas e que consistirá en rutas guiadas por lugares vinculados á vida e a traxectoria do autor. Serán tres os itinerarios que se celebrarán en maio, o sábado 7 en Lalín, o 21 en Vigo e o día 28 en Pontevedra e estarán guiados polo historiador, arqueólogo e escritor Felipe-Senén López Gómez. As persoas interesadas nestes roteiros, que contan con 25 prazas cada un, poden apuntarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. As rutas, que comezarán ás 11 horas e terán un percorrido a pé de dúas horas e media, buscan contextualizar ao pintor nos espazos da súa inspiración, lugares de ida e volta para el. Deste xeito, a primeira ruta leva por título O Deza de Laxeiro: A Romea, con saída desde o Museo Municipal Ramón María Aller, introducirá ás persoas asistentes nos espazos da súa orixe, a casa, a familia, a veciñanza, a escola ou a espesura da fraga de Catasós. O día 21 coñecerase O Vigo de Laxeiro, onde o artista tivo o seu obradoiro de creación máis concorrido na rúa Príncipe, frecuentaba as tabernas tradicionais e faladoiros dos cafés e haberá unha explicación da obra do autor exposta na Fundación Laxeiro. Por último, a ruta por Pontevedra o sábado 28, titulada A Boa Vila nos Camiños, amosará ao público a Pontevedra intelectual, unha cidade moi querida polo artista e na que se visitarán os seus murais do Café Moderno e a súa obra no Museo de Pontevedra. Todos estes, espazos reinterpretados por Laxeiro cunha mitoloxía, xeito propio e certo misterio inconfundible

Compartir el artículo

stats