O baile tradicional volve ser protagonista na Bandeira da man dunha nova edición do certame Azaloira, que cumpre dúas décadas como referente no panorama galego. A cita, organizada por Fortín da Pomba, xuntará o vindeiro sábado, día 7, a máis dunha ducia de agrupacións de distintas localidades galegas na praza Juan Salgueiro da Bandeira a partir das 18.00 horas.

O certame volve contar este ano con dúas categorías. Na primeira, a categoría A (de 8 a 13 anos), participarán dous grupos de Cantigas e Agarimos, outro da Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre; o grupo Papoula, de Xacarandaina; Os Castros, dos Xeitosos de Trazo; Luarada, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio; e os Retranqueiriños, da agrupación Retranqueiros. Na categoría B, de 14 a 17 anos, concursarán outros nove grupos: dous de Xacarandaina (Zarzallo e Algareo); un grupo de Armadanzas de Laraño; Carrapucheiros, da Asociación Cultural O Fiadeiro; outro grupo de Ultreia; Barulleiros, do colectivo Santiaguiños de Boimorto; Os Batáns, dos Xeitosos de Trazo e outra formación de Cantigas e Agarimos.

Exhibicións

A modo de exhibición, desfilarán tamén polo escenario a Asociación Cultural Carballo da Manteiga, de Lalín, e Punteirolo, de Vila de Cruces. Como colofón, a cita contará coa participación da asociación Xenerais da Bandeira, que recreará o tradicional entroido da Ulla.

En canto aos galardóns, en cada categoría haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro de 150 euros, en todos os casos cos correspondentes trofeos. Tamén haberá dous accésit para o mellor vestiario e o mellor acompañamento.

Membros da directiva de Fortín da Pomba presentaron onte o cartel do evento xunto ao alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González Conde. A súa presidenta, Denise Varela, agradece “o apoio do Concello de Silleda e de todas as empresas e comercios que colaboran e que fan posible a realización deste certame, un dos máis prestixiosos, que cumpre agora dúas décadas de historia”. Os representantes do goberno local, pola súa banda, destacan o traballo realizado por Fortín da Pomba, “que vén a reforzar a sona que ten A Bandeira no ámbito tradicional, tal e como se demostra ano tras ano cun plantel de calidade no cartel do Azaloira”.