Nunca é tarde para facer o que nos gusta. É por iso que aos seus 60 anos, a estradense Charo Valcárcel decidiu retomar unha das paixóns da súa vida: a escritura. Foi unha vez xubilada, cando por fin dispuxo do tempo necesario para se dedicar plenamente a este arte, que, sen máis pretensión que a de se expresar, levaba cultivando dende os 13 anos. Nesta ópera prima da de Valcárcel a protagonista é a poesía. Unha antoloxía publicada pola editorial Medulia baixo o título Cando os bosques sintan frío que a propia autora escolmou, e que estará á venta na presentación que terá lugar este venres 29 ás 20.30 horas no MOME por 11,90 euros. No evento contarase coa asistencia de David Otero e Xoán Carlos Garrido para presentar, así como con actuación musical de dúas das integrantes da Banda da Loba, Xiana e Andrea, e Montserrat Sanmartín. Ademais, a propia Valcárcel deleitará ao público coa lectura de varios dos textos, nos que tamén afondará.
–Este é o seu primeiro libro publicado, por que decidiu comezar nesta aventura da escritura?
–Na aventura de escribir levo moito tempo, pero digamos que publicar, este é o primeiro. Tamén teño relatos breves que está á espera de saír nalgún momento. A verdade é que despois de xubilarme no 2020 comecei a pensar en serio na posibilidade de publicar. Ao principio tiña a idea de facelo pola miña conta porque vía difícil que puidese facelo a través dunha editorial. Presenteime a varios certames sen éxito e cando estaba a piques de rendirme a miña filla convenceume para enviar unha escola a Medulia, que afortunadamente deume o si.
–Á hora de escribir Cando os bosques sintan frío, recibiu algún tipo de inspiración?
–Realmente o poemario e unha pequena antoloxía de case todos os poemas que levaba escrito dende fai moito tempo, polo que o que fixen foi tratar de clasificalos, algo que me levou moito tempo, xa que son de temáticas variadas. Hai un apartada que dedica ao mar, que é dos máis extensos e que xa presentara a varios certames. Tamén hai outro chamado perdas no que falo precisamente diso e que reúne o maior número de textos. En xeral, inspírome nas cousas que me moven e me desgarran por dentro, experiencias vitais tanto miñas como dos meus achegados, e tamén nos acontecementos sociais de actualidade. Quizais por iso algúns dos meus amigos sinalan certo matiz de tristura nos meus escritos. Ao final o que máis nos impacta non soen ser acontecementos felices. .
–Di que a obra está dividida en varias categorías, cales son?
–Como dicía, o máis extenso é Perdas, que ten ese fondo triste. Despois está Debezos, máis esperanzador e con algo de temática amorosa tamén. Logo está Mater, que fala da miña experiencia como nai de tres fillos e o síndrome do niño baleiro, que sufrín e aínda sufro. Ademais de Acougo azul, dedicado ao mar, e por último, un dedicado ás miñas amizades.
Nesta obra hai moito desacougo, o título é fiel
–Cal é a historia detrás do título, por que “Cando os bosques sintan frío”?
–Ao comezo ía titulalo Acougo Azul, aludindo á categoría dedicada ao mar. Pero entón dinme conta de que era moi pouco representativo da obra, pois nela hai, de feito, bastante desacougo. Foi daquelas que a miña filla me falou do moito que lle gustaba ese verso, e decidín nomear así ao libro. Axústase mellor á súa totalidade.
–Atopouse con algunha dificultade á hora de confeccionar esa obra?
–O que máis esforzo me supuxo foi a clasificación. Ao reuniren tantas temáticas, e textos que foron escritos en diferentes etapas vitais miñas, a tarefa de xuntalos resultou complexa. Pódese dicir que é ecléctico, este libro. Os lectores verán que hai poemas que encaixarían en varios dos apartados.
–Hai algún autor que a inspire ou a influencie?
–Hai tantos! É unha lista moi extensa, polo que non podería mencionalos todos. Podo dicirche que o primeiro autor no que me fixei foi en Bécquer, cando o traballamos na clase na miña etapa estudantil. Tería daquela uns 13 anos, e foi xusto cando comecei a escribir os meus propios versos. Tiña moitos cadernos repletos de auténticos plaxios a este autor. Despois, cando estudei Filoloxía Hispánica entrei en contacto con moitos outros. Gustábame a Xeración do 27 ou a literatura hispanoamericana. E por suposto, Rosalía de Castro, que aínda que é unha figura moi gastada, para min sempre será inigualable. Proba diso é que os meus alumnos sabían cando íamos dar ese tema, que era o meu favorito. Supoño que era quen de lles transmitir a miña paixón por ela.