Balbino, o entrañable protagonista de Memorias dun neno labrego, é á literatura en galego o mesmo que a película 2001, una odisea del espacio ao xénero de ciencia ficción: 60 anos despois, seguen inspirando, ata o punto de ás veces darnos a sensación de que xa eles o inventaron todo.

E resulta que Balbino, o personaxe literario máis coñecido de Xosé Neira Vilas, ten moito que ver co protagonista de Historias no fumeiro, a obra que onte presentou Avelino Jácome no Museo Casa do Patrón, de Doade. Nos dous libros falásenos de dous nenos de aldea, pobres e marcados pola emigración, pero tamén polo contacto coa terra onde creceron e medraron, ata o punto de levar sempre consigo ese sentimento de saudade que ningún outro fogar poderá substituir.

Doade acolleu a presentación do libro de Avelino Jácome. Cedida

Este libro estivo financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este departamento da Consellería de Cultura tamén está vinculado ao I Premio Anisia Miranda de Teatro Infantil, que convocou, precisamente, a Fundación Neira Vilas, de Gres. Onte, aproveitando que era o Día Mundial do Teatro, a entidade que preside Fernando Redondo fixo entrega do galardón a María Canosa, a gañadora desta primeira edición coa súa proposta Travesía unicornio. O galardón son 1.000 euros e a publicación do volume por parte de Edicións Embora. Ao acto acudiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, así como o concelleiro de Cultura de Vila de Cruces, Julio López, e Carlota Salgado, concelleira do BNG.

Trala entrega, os nenos e nenas da Escola de San Miguel de Sarandón, integrada no Colexio Rural Agrupado Boqueixón-Vedra Xosé Neira Vilas, interpretaron dúas cancións do xenial escritor cruceño, O meu canciño e Primavera. As dúas están recollidas no libro Cantos de Sol. Non é nada novo para a Fundación de Gres: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda sempre tiveron aberta a súa biblioteca para os nenos e nenas do municipio así como das parroquias veciñas do municipio da Estrada.

Nenos e nenas da Escola de San Miguel de Sarandón interpretaron dúas cancións de Neira Vilas. BERNABE/JAVIER LALIN