Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paco Rodríguez Sánchez | Profesor e escritor

“O antigo Reino da Gallaecia foi un poder hexemónico no occidente de Europa”

Paco Rodríguez presentará na Estrada a obra “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza”, un ensaio que investiga e denuncia un ocultamento histórico sobre a Idade Media galega

Paco Rodríguez presentará a súa obra no MOME da Estrada.

O xoves 31 presentarase no MOME da Estrada o primeiro tomo da obra “Unha etapa estelar e conflitiva na Galiza”, unha obra do ferrolán Paco Rodríguez. O acto iniciarase ás 20.00 horas e estará dirixido por Clara Iglesias, presidenta da Asociación Cultural Vagalumes. Neste primeiro tomo, Rodríguez aborda a historia medieval galega dende o século VIII ata o XIV. Na segunda entrega, que aínda tardará un tempo en ver a luz, o autor analizará a segunda metade do XIV, século que marca o principio do fin do Reino de Gallaecia. Co conxunto da obra, Paco Rodríguez pretende trasladar unha visión da nosa historia que se atopa radicalmente confrontada co discurso que se considera oficial na actualidade.

–De que trata a obra?

– A obra ten dous tomos. O que imos presentar é o primeiro, e vai sobre a relevancia do reino galego medieval. A miña intención é combater a ignorancia que ten a poboación galega respecto ao noso pasado nesta época, que foi una etapa esplendorosa de máis de catro séculos. Para escribir esta parte da obra centreime no século XII.

–Pensa que realmente non coñecemos a nosa historia?

–Creo que si tiveramos unha mentalidade lóxica, preguntariamonos se é posible que un país como o noso non teña historia medieval, porque para o poder político sempre fomos ou Asturias ou León, calquera cousa excepto Galiza. E hai fenómenos tan importantes como os cancioneiros galaico-portugueses, a Catedral de Santiago, o Pórtico da Gloria, o feito de ser o primeiro país da área cristiá na Península que acuñou moeda, a nobreza galega, que era a máis importante de todos os reinos occidentais e que tiña unha estratexia política propia... Estes factores son indicativos dun pasado que se oculta, debido ao deseño que se fai da historia política de España, que pasa pola anulación de Galiza dende esa época histórica.

–Cal cre que é o motivo de que se creara este discruso “oficial” que anula a historia galega?

–Porque a historia de España, tal como a contan, é incompatible ca de Galiza. De contar realmente o que sucedeu de verdade dende o século VIII ata o XIV aproximadamente, acabaríase ca idea de que o reino cristián occidental máis importante e máis antigo era o de Castela. Acábase ca hipótese de que existiu un reino en Asturias e aparece como reino occidental prioritario e orixinario o de Gallaecia, que era a zona onde había máis masa poboacional e onde máis avanzou a expansión do poder cristián ata o século XIII. Deste xeito, Castela aparece como un reino tardío, de inspiración papista e centrado nunha idea de cruzada contra os reinos musulmán. Eles apropiáronse de toda a historia anterior e foron a buscar as orixes de Castela en Asturias, porque se non tropezaban co reino galego.

–Cando cre que se empeza a construír este discurso que manipula a realidade histórica?

–Xa se comeza a construír no século XIII, no momento que nos integramos na monarquía plurinacional de Fernando III “o Santo”. Este rei foi o que comezou a fabricar esa idea de Castela como reino hexemónico e cun pasado glorioso, que en realidade é o que lle rouban a Gallaecia. Este foi o xerme deste discurso, pero cando tivo un efecto social e popular foi a partir do século XIX, coa creación do Estado Español, que pretendía elaborar a idea dunha nación única. Grazas á escolarización, introdúcese no sistema educativo este énfase por crear unha visión españolista que acaba callando na sociedade.

–Cando se empeza en Galicia a combater este punto de vista?

–Pois este discurso foi contradito de maneira científica e rigorosa a partir tamén do século XIX, por historiadores moi importantes como Benito Vicetto, Manuel Murguía ou López Ferreiro. No século XX, outros como Raúl Vilar Ponte ou Rubén García Álvarez tamén adoptaron esta visión da historia que non era a oficial no Estado. Hoxe en día, investigadores como Anselmo López Carreira seguen defendendo a idea do reino de Gallaecia e denuncian a manipulación. O problema é que este discurso, que é o real, non se impregna nas institucións, nin na escola porque contamos cuns poderes políticos e cun sistema cultural que non se atreve a combater esto, a pesar de que xa hai sectores galegos que se sinten molestos con esta anulación da súa historia.

Un reino esplendoroso que acabou cedendo ante a presión de Roma, Portugal e Castela

–Cal foi a situación do Reino de Galicia durante o medievo?

–Agora que se comezan a utilizar as fontes primarias decatámonos de que son esplendorosas. Temos documentos do século XII que explican a situación da Península daquela, e o galego era un reino hexemónico na parte occidental de Europa. Tiña poder económico, político, militar e un carácter nacional exemplificado en reis como Afonso VII “o Emperador”, que decidiu manter o seu imperio separado, con Galicia e León por un lado e Castela e Toledo por outro.

–Por que acabou desintegrándose un reino tan esplendoroso e potente coma o galego?

–O problema foi a cuestión da presión de Roma, que buscaba ser a referencia no panorama cristián do momento e tiñan moito poder para logralo. Por outro lado, tamén houbo unha intimidación por parte de Portugal, que foi recoñecido como reino por Afonso Henriques, considerado o primeiro monarca portugués. Para conservar o seu poder, estivo disposto a facer unha alianza directa co Papa e asumir a política de cruzada. Entón, o reino galego quedou collido entre Portugal e Castela, que era outro reino moi belixerante. Por iso, a pesar de que houbo moitos factores que afectaron á desaparición do Reino de Galiza, si que foi crítica a súa desputa con Roma.

Compartir el artículo

stats