A Asociación Cultural “Vagalumes” presentou onte ás 20.30 horas a publicación de Cruceiros da Estrada. Esta obra recompilatoria é unha actualización, sobre todo, do traballo que elaborou no ano 1981 Olimpio Arca Caldas cos seus alumnos de Vea, aínda que tamén ten como punto de partida o realizado por Manuel Reimóndez Portela no seu día.

Olimpio Arca, cos seus alumnos do colexio M. Villar de Vea.

O estudo orixinal dos pupilos de Arca ten unha enorme influencia do docente estradense, aínda que segundo Xoán Carlos Garrido, membro de Vagalumes, o mestre quixo facer aos alumnos “partícipes e protagonistas” do proxecto, para que “puideran sentirse identificados” co patrimonio sobre o que estaban a traballar. A intención da agrupación estradense é renovar o traballo de Arca e dos seus rapaces con “imaxes da situación actual” dos cruceiros estradenses e denunciar o “lamentable desleixo” que están a sufrir estes elementos arquitectónicos tan característicos das zonas rurais de Galicia.

Grazas ao estudo realizado no seu día por Arca e os seus alumnos, que inclúe un total de 69 cruceiros, 7 cruces e 1 peto de ánimas, tíranse varias conclusións, “a nivel de rapaces da escola”, algo lóxico tendo en conta que o ensaio orixinal está realizado por nenos e nenas de séptimo e oitavo curso. Os autores primixenios da obra confirmaron un “rexo espírito relixioso dos nosos devanceiros”, motivado en gran parte pola influencia da Igrexa. Así mesmo, tamén destacan que nas parroquias “onde houbo frades e os mosteiros son máis abondosos”, como por exemplo Santeles, Curantes ou Pardemarín, é onde máis abundan estes elementos tan característicos do noso patrimonio.

Aínda que a obra xorde como unha denuncia contra o abandono dos cruceiros, o ensaio sinala que este menosprezo mostrado pola poboación está cambiando nos últimos tempos. Maniféstase que “cada día as nosas xentes teñen máis interese” por conservar estes elementos arquitectónicos, ben sexa polos emigrantes retornados, “que viron en terras alleas a valoración que alí se lles daba aos monumentos antigos” ou polas “ofertas que as xentes das vilas e cidades andan a facer aos veciños para mercárllelos”.

Con esta publicación, a asociación Vagalumes volve sacar á palestra a defensa tan necesaria dun patrimonio cultural e arquitectónico que non debemos esquecer nunca.

Dende Castelao ata o mestre estradense

A actualización de Vagalumes sobre o traballo de Arca e os seus alumnos tamén evidencia os moitos cruceiros que se perderon co paso do tempo “diante da indiferenza da xente”. É curioso o caso dun de gran beleza que había na parroquia estradense de Ouzande, que mesmo chegou a ser debuxado por Castelao e que acabaría derrubado dun balonazo. En base á obra do intelectual de Rianxo, Xoán Carlos Garrido sinala que a desconsideración cara estas pezas arquitectónicas xa vén de vello. Foi o propio Castelao quen deu os primeiros testemuños deste deterioro na obra As Cruces de Pedra na Galiza, estudo que realizou recompilando información entre 1924 e 1936 e no que incluíu debuxos de varios cruceiros da Estrada, como o de Ouzande, anteriormente mencionado, ou o de Lagartóns.