Quen lles ía dicir a Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío aquel 19 de agosto de 2016 que a penas seis anos despois serían o grupo de moda non só en Galicia, senón en toda España e mesmo parte do estranxeiro? Tanxugueiras, que debutou aquela noite no Esmorga Folk, goza hoxendía dun masivo apoio popular que se trasladou á final do Benidorm Fest, aínda que finalmente as galegas non representarán a España en Eurovisión. Aquelas tres rapazas están difundir coma nunca antes a tradición musical galega, e A Bandeira pode dicir con orgullo: Todo comezou aquí.

O Esmorga Folk nace en 1989 froito do esforzo dun grupo de mozos e mozas do pobo da Bandeira, amantes da música tradicional que vían como co paso do tempo esta se deterioraba e quedaba no esquecemento. Faino encadrado dentro das festas da localidade e facéndoo coincidir coa xa consolidada Festa da Empanada. Por el pasaron grupos moi prestixiosos e algúns mesmo deron alí os seus primeiros pasos. É o caso do trío de moda no actual panorama musical ibérico.

Tanxugueiras deu o seu primeiro concerto no XXVIII Esmorga Folk, celebrado na Bandeira o 19 de agosto de 2016, nun cartel que pechaba Quempallou e no que tamén estaban Os Melidaos e Tres Pesos. Aquela edición fora organizada por Ana Codesido baixo a dirección de José Luis García, entón presidente da Asociación de Amigos da Empanada. Foi a estrea do grupo formado por Aida Tarrío e as xemelgas Sabela e Olaia Maneiro nun festival folk, xa que ata entón só actuarán en seráns e foliadas. Vamos, que o Esmorga pode presumir de que veu nacer ao que, a penas seis anos despois, é o grupo musical galego de referencia.

As propias artistas lembrarían un ano despois a efeméride en redes sociais: “Cómo pasa o tempo! Hai hoxe xusto un ano Tanxugueiras estaba no seu primeiro festival, o inesquecible Esmorga Folk”, escribían no seu perfil de Instagram, acompañando as súas verbas cun emoticono que refrendaba o seu cariño e agradecemento para coa cita bandeirense por darlles a súa primeira oportunidade de mostrar o seu talento ao público en vivo sobre un gran escenario.

Tanxugueiras, después de clasificarse en la final del Benidorm Fest 2022. RTVE

E, de feito, non sería a última vez das Tanxugueiras na Bandeira. So dous anos despois, en 2018, recuncarían co gallo da trixésima edición do festival. Naquela segunda cita formaban parte dun cartel no que tamén estaban Treixadura, Leilía e Faíscas da Pontraga. Desde la Asociación de Amigos da Empanada aproveitan para pedir á vila da Bandeira que no día de mañá vote masivamente ao trío galego no Benidorm Fest, porque “elas son tamén parte do noso pobo e do Esmorga Folk, un festival que continuará a apostar pola nosa música, cultura e tradición”, valora o seu vicepresidente, Luis Villanueva.

Pero as Tanxugueiras non é a única conexión que o Esmorga Folk garda co certame de Eurovisión. En 2019 Lucía Pérez, que fora a representante española no concurso europeo de 2011, actuou xunto co grupo A Roda na que, ata o momento, é a última, que non a derradeira, edición deste festival.