Neste curso 2021-22, dentro do programa EDUexcelencia, un grupo de alumnas e alumnos do IES Pintor Colmeiro estamos a realizar un traballo de recompilación e fixación en distintos soportes (documentos de word, power-point’s, mapa web, vídeos e kahoot’s) das lendas e da mitoloxía das terras de Silleda. En colaboración co Departamento de Lingua e Literatura Galega e coa axuda doutros profesores, seguimos a darlle continuidade ao traballo recollida e posta en valor do patrimonio inmaterial trasdezao, que xa empezou hai un par de anos coa fixación da microtoponimia na aplicación Galicia Nomeada.

Despois do labor realizado ata o de agora, son 200 as lendas e relatos recollidos e fixados nun mapa (Mapa da Mitoloxía de Trasdeza) elaborado empregando o Google Maps, e ao que se pode acceder libremente no blogue As Ferreiras – Silleda (http://silledaasferreiras.blogspot.com/). A clasificación que fixemos das lendas oriéntase en base ás seguintes temáticas (entre paréntese, o numero de relatos de cada unha delas): asociadas ao feito relixioso (12), de mouros (65), de mouras (22), de trabes e covas (23), de tesouros (20), de personaxes (25), relacionadas co alén e as curacións (16), e de animais (17).

A continuación, reproducimos algunhas das recompiladas. Entre as de temática relixiosa, son sobradamente coñecidas a da Santa Isabel e Penadauga, así como a do San Brais de Chapa. Aquí reproducimos outra non menos curiosa: a do San Marcos de Lamela.

No calendario litúrxico cristián, San Marcos ten o seu día todos os 25 de abril. En torno a esa data, os veciños de Lamela e da contorna acoden ata a Capela do San Marcos pedíndolle a este santo que os cure do chamado “mal de San Marcos”, un mal relacionado coas depresións e os desequilibrios psíquicos. Esta doenza era curable se o enfermo ía á capela e o párroco lle lía unhas pasaxes da Biblia. Cumprido este ritual, a persoa afectada debía escoller a quen pasarlle o mal para curarse. Incluso a xente invocaba a intercesión deste santo con rezos coma o que dicía: San Marcos bendito / préndoche unha veliña / se acodes en espíritu / e me curas a cabeciña. Segundo a tradición, a capela foi ergueita no ano 1800. Conta a lenda que unha moza ofreceu construíla se quedaba curada da picadura dunha perigosa serpe, e así o fixo. Alén diso, como San Marcos era tan milagreiro, sobre todo coas persoas con enfermidades mentais, os veciños de Orazo (A Estrada), cheos de envexa, decidiron roubar a imaxe do santo e levala para a súa capela. Pero alí o San Marcos deixou de facer milagres. Os veciños de Lamela, ante o roubo, tiveron que mercar unha nova imaxe que seguiu realizando milagres.

Fervenza do Toxa. SantiagoTurismo

En canto ás lendas de mouros, das que máis abundan, facémonos eco da vencellada á Fervenza de Escuadro (Férveda): Dicíase que, no tempo os mouros, estes esconderan tesouros no Monte do Castelo. Escondéranos nunhas covas baixo terra e incluso dicían que había soterrada unha grade de ouro, que estaba vixiada por unha dona que paseaba polo lugar seguida dunha galiña con sete pitos dourados. Outra lenda di que antigamente había un castelo en Xestoso onde vivían os mouros. Este castelo delimita o fin das parroquias entre Xestoso e Escuadro. A lenda di que na casa das Fontelas, situada en Xestoso, había un arrieiro que lles levaba viño ata o castelo aos mouros porque tiña un acordo con eles. O home chegaba co viño nas alforxas a un punto de encontro que tiñan xa establecido. O home cerraba os ollos, viñan os mouros, levaban o viño e, a cambio, deixábanlle moedas de ouro. Todo isto coa condición de que o home non lle contase isto a ninguén. Pero a muller do arrieiro comezou a desconfiar e a facerlle preguntas, e o home acabou por contarlle a quen lle vendía o viño. A muller, que prometeu manter a boca pechada, non o cumpriu, xa que quería presumir diante das outras veciñas. Os mouros acabaron decatándose, e unha noite que o arrieiro foi entregar o viño en vez de deixarlle cartos deixáronlle un corsé para a súa muller. O arrieiro quixo probar o corsé nunha árbore e prendeu lume nel, ocasionando o incendio do bosque.

Nas lendas de mouras tomamos como exemplo unha localizada no Castro de Toiriz e recollida por Xulio Carballo (Notas históricas sobre as parroquias de Silleda). Di así: Cóntase que nos anos antigos, no fondo dos Castros, aparecía todas as noites unha muller moi guapa cunha tenda moi bonita que era toda de follas. Un día pasaba un home por alí e a muller preguntoulle: “Que queres da tenda?” “Unha peineta”, díxolle el. “Dobráchesme o encanto”, respondeulle ela. Ao día seguinte volveulle a aparecer en forma de cobra. Ela preguntoulle de novo: “Que queres?” “Unhas tesoiras”, díxolle el. “Dobráchesme o encanto”, respondeulle ela. Ao terceiro día, apareceu en forma de muller, e pasou un home ao que lle dixo: “Que queres da tenda?” El respondeu que estaba namorado da tendeira. Antes de dicir esas verdades, quedou todo convertido en ouro.

O penedo de Penadauga, en Escuadro.

Entre as lendas de tesouros, sobresae a dos apeiros de ouro na Fervenza do Toxa: Veciños da zona contan como unha aparición se fai presente un día ao ano, sempre á mesma hora. No mediodía da escura noite din que se poden albiscar no interior da fervenza unha grade e un arado de ouro. Foron moitos os que facendo caso desta lenda se achegaron a ver os aparellos de labranza de ouro. Todos eles fracasaron, xa que unicamente aqueles que son limpos de corazón son quen de apreciar a beleza que desprenden as ferramentas. Aqueles que din que as viron contan que unha luz cegadora que recobre os dous aveños fixo que non puidera deixar de miralos coma se dun embruxo se tratara.

De animais existe variedade, pero quedamos con estes tres exemplos: os bois de ouro da fervenza de Pazos (na mañá de San Xoán, antes de nacer o sol, aparecían uns bois de ouro cun xugo, un soliño e unha grade, todos tamén de ouro); a Peneda do Encanto de Siador (é una pedra con gravados e petróglifos situada nos Chaos de Baixo. Conta a lenda que no amencer de San Xoán aparece alí unha galiña con pitos como signo de que hai un tesouro enterrado); e o lagarto arnal na Fonte de Valbundín en Oleiros (xunto á Fonte de Valbundín, unha rapaza deulle un bico a un lagarto arnal e este converteuse nun fermoso mozo).

Entre as lendas de trabes e covas, serve como exemplo á da mina d’ouro de Martixe: Contan os máis vellos do lugar que, cando eles eran pequenos, os seus avós narrábanlles un conto no que dicían que desde o monte do Saime, a carón das cataratas, había unha mina d’ouro que chegaba ata o viaduto de Medelo. Din que non se podía extraer ese ouro porque paralela á mina pasaba outra de xofre, e parece ser que se se tocaba a mina d’ouro estouparía a de xofre, por iso nunca ninguén se atreveu a buscar o ouro.

Fonte e capela do San Brais de Chapa.

En canto a relatos do alén, a Santa Compaña leva as de gañar, como conta esta acontecida na parroquia de Piñeiro: Alá polo 1860, vivía na parroquia de Piñeiro un señor chamado Manuel García, no lugar de Campo. Tiña a facultade de ver a Santa Compaña. Pasaba as noites na fiestra mirando para o camiño que tiña diante da casa. A súa muller estaba asustada polo que el lle contaba. Manuel dicíalle: “Cólleme da man, xa verás como ti tamén ves o que vexo eu; pero despois seguirala vendo sempre”. Pero ela non quería saber nada. El vía pasar a caixa fúnebre e os acompañantes das persoas que estaban a punto de falecer. É dicir, vía pasar o enterro. A súa muller acabouno crendo, porque efectivamente, as cousas pasaban tal e como el as contaba. Por exemplo, un día pasou un veciño coa sacha ao lombo polo camiño e saudouno. El respondeulle ao saúdo e en seguida lle dixo á súa muller: “Este, dentro dunhas horas, vai estar no cadaleito”. A muller botou as mans á cabeza e díxolle: “Ti estás tolo!” Pero non estaba tolo, porque o veciño chegou a súa casa, deixou a sacha, subiu á palleira e caeu cara abaixo quedando xa estarricado no chan.

En relación coas anteriores, van aqueles relatos milagreiros de sanación. Destaca a curación do enganido. Temos referencia deste ritual na capela do San Brais de Chapa, na igrexa de Parada, e na parroquia de Manduas, que é a que reproducimos: Na parroquia trasdezá de Manduas, o microtopónimo A Encrucillada fai referencia a un cruce de camiños onde se realizaba un rito para curar aos nenos/as do enganido cando os remedios caseiros non funcionaban. Se nunha casa había un neno/a enfermo/a, unha persoa distinta da nai e do pai levaba o rapaz/a ao cruce e atáballe unha cinta nas pernas. Alí esperaban ata que pasaran das doce da noite para pedirlle ao primeiro home que pasara que lle cortara a cinta cunhas tesoiras que levaban da casa, e dicíanlle: “Homiño de boa fortuna, quítalle o enganido a esta criatura”. Despois regresaban á casa por un camiño distinto do que foran. O ritual repetíase nove días ata que sandara o neno/a.

Finalmente, están as lendas que teñen como protagonistas a personaxes míticos, entre os que se atopan, por exemplo, o Demo no mosteiro de Carboeiro ou Pepa A Loba: Unha vez na feira da Bandeira, que daquelas vendíanse os becerros, un home ía chorando por alí cara a feira. Apareceu Pepa A Loba e díxolle: “E logo, que lle pasou?” “Vendín un becerro e roubáronme os cartos”, dixo o home. “E vostede se ve ao que llos roubou, coñéceo?” “Coñezo, hoooo!” “Pare aí que vou asubiar, e a ver se é da miña cuadrilla”, contestou A Loba. Asubiou e foron 22 homes, que eran da súa cuadrilla. “É algún destes?”, preguntou ela. “É este!” Logo diso, ela sacou a pistola, botoulle dous tiros e matouno, e dixo: “Téñovos dito que paxaro morto non pía, se vos recoñecen cando roubades, hai que matalos”. Así llo dixo e así o facía, porque matou a aquel diante dos outros, e miúdo medo lles meteu.

(*) O grupo de traballo “Mitoloxía de Trasdeza” formámolo Ana e Pablo Molinos Villaverde, Sabela Arincón Martínez, Mencía Gutiérrez Frade, Elena Rivas Seoane, Lía Suárez Ripoll, Samuel Rodríguez Taboada, Iker Peña Penalta, Matín Riádigos Mariño, Zoe Rivas López, Noelia García Liñares e Noelia Amil Fernández.