Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha imaxe de loita

O carballés Marcos Rodríguez, nomeado aos premios nacionais de fotografía profesional cunha instantánea tomada na Rapa das Bestas de Sabucedo

Imaxe nomeada a mellor fotoreportaxe pola Federación Española de Profesionais da Fotografía. Marcos Rodriguez

O fotógrafo carballés Marcos Rodríguez, de 48 anos, ergueuse a mañá do pasado luns con boas novas: a súa imaxe da Rapa de Sabucedo estaba nomeada pola Federación Española a mellor reportaxe gráfico. Se ben esta non é a única nomeación que recibe, senón que tamén conseguiu recibir atención na categoría de Natureza e Paisaxe, con dúas imaxes nomeadas.

Retrato do fotógrafo carballés Marcos Rodríguez

Retrato do fotógrafo carballés Marcos Rodríguez Andrea Fontán

Porén, o realmente interesante desta candidatura a mellor fotoreportaxe é a historia detrás da imaxe. Rodríguez visitou Sabucedo alá polo 2009, era a primeira vez que ía a esa rapa, se ben os curros non eran espazos alleos para el, que sempre se sentiu interesado por este tipo de rituais. Alí, nese curro estradense, veu a loita man a man entre a besta e o home, e non puido evitar sacar a cámara. Ese día tirou varias fotografías, que deixou gardadas nun disco duro, que por malas xogadas da fortuna un día rompeu. Daquela, a única lembranza que lle quedaba desa sesión fotográfica nunha das festas máis emblemáticas de A Estrada eran un par de imaxes en pequeno formato, “que me servían para lembrarme do día, pero que non podía imprimir nin facer nada con elas” confesa. Malia non ter moitas esperanzas, recentemente e cos avances da tecnoloxía, o carballés tivo a ben probar máis só unha vez se o disco duro tería arranxo, coa sorte de que efectivamente, puido recuperar todos os arquivos alí almacenados.

Coa emoción de alguén que recupera algo que daba por perdido, Marcos botou unha ollada a todas esas imaxes, entre elas, as do curro de Sabucedo, sacadas un 4 de xullo do 2009. Houbo unha en concreto que o deixou hipnotizado por un intre, a que decidiu presentar ao certame de fotografía organizado pola Federación Española de Profesionais da Fotografía. Ao preguntarlle porque esa instantánea e non outra, o protagonista teno claro, “é unha imaxe que transmite moita forza. Os tres aloitadores que suxeitan a besta teñen unha expresión ruda, case de sufrimento polo esforzo que estaban a realizar, creo que representa moi ben o que é a rapa, esa loita man a man do home e a natureza”.

Algo debe ter a Rapa de Sabucedo que esperta a inspiración en aqueles que a observan. Marcos Rodríguez, que observou moitas ao longo da súa vida, máis só unha vez a de A Estrada, confesa que se quedou abraiado por varios motivos “en primeiro lugar, noutros curros non vías aos aloitadores levar o nome, pero aquí si. A xente sabía quen eran, algo semellante a un clube de fans. E despois, doutras veces que vira rapas era habitual ver a sete ou oito aloitadores para dominar a unha besta, e en ocasións nin sequera o conseguían, máis aquí só facían falta dous. Non digo que os homes de Sabucedo sexan semi-deuses, pero é seguro que teñen unha boa técnica”.

Marcos Rodríguez non puido volver a asistir a outra edición da mítica Rapa das Bestas de A Estrada por mor do seu traballo de fotógrafo, que nas fins de semana lle deixa pouco tempo para o lecer ou sesións propias, porén confesa ter a esperanza de poder voltar algún día, pois garda un bo recordo.

Nove anos de periodismo fotográfico

Marcos Rodríguez conta actualmente co seu propio estudo de fotografía en Cee, A Coruña, máis esta non sempre foi a súa profesión. Durante nove anos o carballés foi fotórgrafo para un xornal da Costa da Morte, e malia ter decidio cambiar a súa direción laboral posteriormente, recorda esa época con cariño, grazas ao enorme interés e respeto que lle profesa ao periodismo fotográfico. Porén, o nacemento da súa filla fixo que priorizase o tempo en familia, e tempo era algo que o traballo no xornal non lle deixaba, el mellor que nadie sabe as longas xornadas de traballo, indo dun lado a outro para conseguir a foto perfecta para ilustrar as novas que máis tarde os veciños leerían. Agora, dende o seu estudo, recoñece que bota en falta o contacto coa xente, e estar ao día da actualidade, pero que están convencido de que tomou a decisión correcta para a conciliación familiar.


Imaxe nomeada a mellor fotoreportaxe pola Federación Española de Profesionais da Fotografía Marcos Rodriguez

Compartir el artículo

stats