Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NATALIA GARCÍA SÁNCHEZ nnficha persoal | Pediatra do centro de saúde de Vila de Cruces

“Os nenos non son adultos en pequeno, senón pacientes coas súas propias patoloxías”

“Cando me incorporei ao centro de saúde, abordei con persoas do Concello a posibilidade de colaborar con colexios”

Natalia García, na entrada do centro de saúde de Vila de Cruces. BERNABE/JAVIER LALIN

Desde comezos de decembro, Natalia García é a nova pediatra dos nenos e nenas de Vila de Cruces. O servizo quedara sen especialista un par de meses,desde o 4 de outubro, debido á marcha do anterior pediatra para cubrir a praza de Lalín, e ata a chegada desta médica fora atendido de forma parcial por especialistas de Silleda.

–¿Por que escolleu Vila de Cruces?

–Eu son de Santiago e, desde que rematei a carreira, sempre me ofreceron prazas máis estables na zona de Pontevedra e no Salnés, de maneira que estiven traballando en Vilagarcía, Catoira, Bueu ou Poio. Pero eu quería vir para a área sanitaria de Santiago, para estar máis ou menos preto da casa, e ter tamén un cupo máis reducido de pacientes para poder adicarlles máis tempo a cuestións como a educación para a saúde, coa que poderiamos empoderar as familias no automanexo das súas crianzas. Así que pasei de cupos de máis de 1.000 nenos a un que non chega aos 500. E vin desde que cheguei que neste centro de saúde hai colaboración, porque cando me incorporei viñeron recibirme persoas do Concello e falamos de colaborar en colexios.

–¿Nota que os veciños e veciñas máis novos de Cruces padezan, por exemplo, problemas de socialización ou emocionais a raíz das restriccións da COVID?

–Isto é dificil de valorar porque eu non os coñecía antes da pandemia. Penso que a nivel xeral, non só en Cruces, si pode haber un pouco de afectación, pero seguro que os nenos de aquí e de calquera entorno rural levan mellor calquer confinamento, porque poden saír ao xardín ou á horta da casa.

–¿Cambiaron moito as patoloxías dos nenos nas últimas décadas? Agora levan unha vida máis sedentaria.

–Ben, as enfermidades van cambiando, pero o primordial seguen sendo as patoloxías infecciosas, como as respiratorias ou as gastroenterites. A obesidade e a asma tamén son moi frecuentes. A dicir verdade, e aínda que en Cruces ainda non coñezo a todos os nenos, aquí non teño visto tantos nenos obsesos como noutros cupos. Pode haber algún paciente con sobrepeso, pero creo que precisamente o feito de vivir nun entorno rural lles axuda a non padecelo, porque son menos sedentarios.

–Os pediatras atenden a pacientes de 0 ata que chegan aos 15 anos ¿Hai algunha etapa que sexa máis complicada á hora de contraer enfermidades?

–Dende os cero ata os tres anos adoitan ter máis consultas, tanto polo calendario de vacinas como porque son máis susceptibles de pasar procesos infecciosos.

"O feito de vivir nun entorno rural axúdalles aos nenos a non padecer sobrepeso"

decoration

–¿Pecan algúns pais e nais de sobreprotección? En ducias de publicacións sempre se lembra que os bebés e nenos pequenos son máis duros, por así dicilo, do que pensan os pais.

–A ver, hai procesos, como un catarro vírico, que necesitan pasar solos, e pasan. O que ocorre é que vivimos nunha sociedade que quere respostas e solucións inmediatas. E tamén pasa que moitas familias teñen dificultades para conciliar, e se de súpeto hai algo que non vai ben, como unha incidencia co neno, complícaselles todo. Tamén é verdade que agora hai unha cultura de sobreprotección, e á mínima incidencia faise unha consulta. E non estou referíndome a Cruces, falo dunha situación xeral. Esta sobreprotección é máis por medo que por descoñecemento, porque na actualidade nós, como pais e nais, podemos ter máis coñecementos sobre doenzas infantís que os nosos pais ou avós. Antes, pola contra, había máis experiencia familiar, quero dicir, que ante unha incidencia cun neno a familia explicaba qué podía ser e se podía ser grave ou non.

A pediatra, na súa consulta. BERNABE/JAVIER LALIN

–E nun mundo no que internet domina todas as áreas, supoño que non lle faltarán pacientes con pais que xa teñen consultado antes en Google.

–Ui, e incluso hai algúns que ata cuestionan o que lle dicimos os pediatras (risas).

–A praza de Vila de Cruces estivo dous meses sen cubrirse, e un dos motivos que se deu no seu momento foi a falla de especialistas. ¿Faltan pediatras, en realidade? ¿Ë precisa unha vocación especial na súa profesión?

–Nós, cando escollemos a especialidade, xa sabemos que imos tratar con pacientes que pola súa idade moitas veces non nos van poder dicir ónde lles doe ou qué síntomas teñen. Sabemos que imos tratar nenos, que non son adultos pequenos, senón nenos coas súas patoloxías. E a obriga da pediatría de atención primaria é coñecer tamén as familias e o entorno do neno ou nena, no que tamén se abrangue o seu estado emocional. ¿Pero que ocorre? Que si se forman pediatras, pero quedan nos hospitais porque, como dicía, nun cupo de 1.000 pacientes non podes facer unha verdadeira pediatría de atención primaria. E ademais, moitas pediatras somos mulleres, e hai unha porcentaxe importante de pediatras con familias que, ao haber cupos de tarde e se os colleran, non poderían conciliar cos seus propios fillos ou fillas. Por iso, a veces óptase polo máis fácil para conciliar, que é quedar nos hospitais. Nós necesitamos, como dicía, facer educación para a saúde, ou ver probas e atender con calma aos nosos pacientes. Se nos permitisen ter consultas con horarios máis compatibles coa vida familiar, seguro que isto ía ser moito máis atractivo para a xente.

Compartir el artículo

stats