Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Usar no caso de necesidade

A pandemia converteu aos estradenses en ávidos lectores, como demostra o incremento de socios na biblioteca pública do pobo

Imaxe de usuarios estudando na biblioteca municipal de A Estrada. | //BERNABÉ/ CRIS M.V.

As bibliotecas municipais desenvolven un papel polifacético na súa comunidade. Por unha banda, recollen o saber e a memoria do pobo, con exemplares datados de máis dun século atrás. Por outra, son as testemuñas do proceso de formación dos máis novos, o refuxio de aqueles que buscan escapar dunha realidade máis crúa, ou simplemente, a porta a outros mundos, a outras historias, aos cales viaxar a través da imaxinación que espertan as letras que alí dormen. Dormen alí porque ese é o seu fogar, como ben denota o nome o edificio estradense: A Casa das Letras.

As portas do antigo colexio do Pérez Viondi ábrense das 9.00 horas da mañá, ás 9.00 horas da noite, todos os días agás os domingos e os festivos. A ela atenden diariamente unha morea de veciños, dende os máis pequenos, que comezan as súas andainas na lectura, a xoves na busca dun lugar onde se concentrar para levar adiante as horas de estudo que a súa formación lles require, opositores que pasan máis tempo nesas salas que nas das súas casas, ou maiores que andan na procura de fontes de entretemento para esa época máis letárxica da xubilación.

Un dos servizos característicos das bibliotecas é o de préstamo de libros, que amplía o abanico de posibilidades para os lectores, sen que isto lles signifique ningún coste. No caso de A Estrada, este aspecto cobrou considerable importancia dende o comezo da pandemia. O seu persoal percibeu un notable aumento na demanda de libros, e polo tanto na poboación lectora da localidade.

Proba disto é o incremento no número de socios, que pasou dos 1.600 en 2019 aos 2.000 actuales, “estou facendo carnés de socio todo o días”, comenta o persoal a cargo. Tamén explican que agora cóntase con moitas máis facilidades á hora de poder acceder aos libros que se desexa, comparado con anos anteriores, grazas á creación dunha Rede de Bibliotecas de Galicia, na que se pon a disposición do usuario o catálogo de todas as bibliotecas públicas galegas. É dicir, que un socio da biblioteca de Verín, podería vir a A Estrada e levar emprestado un dos exemplares que enchen as estanterías do edicio estradense.

O persoal bibliotecario comparte que a media de préstamos na localidade é de uns dez ao día, e que subeu dende o comezo da pandemia, momento no que non pararon a súa actividade, e no que de feito, segundo afirman, se veu incrementada. Porén, especifican que o número máximo de libros que se poden retirar dunha institución deste tipo é de tres, e que en caso de non entregalos dentro do prazo, o usuario non podería retirar máis ata poñer en regla a situación. A actual responsable do servizo estradense confesa que é máis habitual do desexado que persoas non respecten os prazos de entrega, ou que perdan exemplares, non en tanto, ata o de agora, non se piden reembolsos aos responsables desta clase extravíos.

Dicía Mark Twain que as bibliotecas públicas son os monumentos máis perdurables, onde se garda a bo recaudo calquera tipo de evento histórico, de sentimento, ou emoción, e que por iso mesmo as guerras e as revolucións respectan estes edificios. No caso estradense, A Casa das Letras non tivo que sobrevivir ningún tipo de confrontamento bélico ou revolucionario, pero si deu refuxio e liberdade aos veciños en épocas de incerteza e confinamento. Unha vez máis, as bibliotecas e os seus habitantes, demostran ser imprescindibles.

Compartir el artículo

stats