Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O coronavirus volve silenciar os Xenerais

Merza, Piloño e Salgueiros descartan celebrar o Entroido,mentres A Estrada e Lamela están a expensas das medidas de la Xunta

Dous contrincantes no Alto dos Xenerais en Lamela. Bernabé/Javier Lalín

É un paradoxo: o COVID daría para centos de disfraces e ducias de coplas no Entroido, pero precisamente a pandemia ameaza, e faino por segunda vez, un dos festexos de inverno máis tradicionais das comarcas. Tradicionais porque hai case unha ducia de municipios de Vila de Cruces, Silleda e A Estrada que preservan os Xenerais da Ulla, un Entroido que comparten con outros concellos ribeireños deste río e que combina unha crítica á actualidade con vestimentas inspiradas nos exércitos napoleónicos e nas guerras carlistas.

Lamela e Merza eran os entroidos máis madrugadores, ao celebrarse o sábado e domingo anterior ao Domingo de Entroido. Así, Merza coincía sempre coa Feira do Cocido de Lalín. A Asociación de Xenerais de Lamela, Anxela,está pendente de ver cómo evoluciona a pandemia sanitaria e por iso tén prevista unha reunión. Un dos membros da entidade, Ignacio Maril, lembra que estaba previsto organizar algunha actividade conxunta cos Xenerais da Bandeira, un colectivo no que tomaba parte moi activa o mozo Bran Diéguez, falecido tráxicamente esta semana en Ames. Lamela conta con 8 Xenerais, e varios Correos, personaxes que adoitaban desempeñan os membros máis novos.

En Merza, a presidenta da asociación Vello dos Cornos, Belén Guzán, apunta que o colectivo xa celebrou unha reunión semana atrás na que se decidiu non facer ningunha actividade para este 20 de febreiro.. “En circunstancias normais xa teríamos que estar ensaiando”, explica Guzmán, que apunta que este ano non haberá Entroido tanto para evitar masificacións como para impedir tamén que, en caso de que algún participante dea positivo, ter que prescindir desa personaxe. O Entroido de Merza ten como protagonista ao Vello dos Cornos, acompañado polo discurso dos Mouros, o repaso do Escribano, o sermón do Frade e o Alto dos Xenerais, pero tamén adoita contar cun desfile de grupos e carrozas.

Alexandra Torres, unha dos Xenerais máis novos de Merza, nunha imaxe de 2019. José Ramón Moire

No calendario do Entroido da Ulla, as seguintes citas sería o sábado de Entroido, 26 de febreiro, na Bandeira e o domingo 27 tanto en Piloño (Vila de Cruces) como en Vea, xa na Estrada. Dende o colectivo Cornamentas de Piloño tamén se indica que este ano o COVID volve silenciar os Xenerais.

Polo que respecta ao Entroido na Estrada, a concelleira de Xuventude, Lucía Seoane, que se encarga de coordinar as actividades de Entroido cos distintos colectivos e parroquias, explica que tras coñecerse que a Xunta dictará medidas para a celebración destas festexos, os actos no municipio quedarán condicionados. En 2020, o Entroido na Estrada cadrara en febreiro, e decidiuse aglutinar nunha xornada o concurso de disfraces, o Alto dos Xenerais e os desfiles das parroquias. Nunha reunión recente, unha das propostas era volver ao sistema doutros anos, de xeito que no luns de Entroido fose o concurso de disfraces, e no martes o desfile de paroquias, o encontro de Xenerais e o Pegrón do Padre Xiao. Pero, como dicíamos, todo quedará a expensas da evolución da pandemia e das medidas de contención que sexan necesarias. Xa en 2021 A Estrada optou por facer un concurso virtual de fotografías, con premio en metálico.

Imaxe de arquivo do Entroido en Santeles, na Estrada. Bernabé/.J. Carlos Asorey

Tralo martes de Entroido, que este ano será o 1 de marzo, o festexos terían que continuar en Arnois, tamén na Estrada, o sábado 5 de marzo (é o sábado de piñata), e tanto en Salgueiros (Vila de Cruces) como en Santeles (A Estrada) o 6 de marzo, domingo de piñata.

En Salgueiros, os seus veciños aínda non mantiveron ningunha reunión para decidir se hai ou non Entroido, coa Vellada ou a Parranda dos Cegos como personaxes principais. A última celebración foi o 1 de marzo de 2020, e o día 8 dese ano, xusto seis xornadas antes de que estoupase a pandemia sanitaria, Salgueiros celebrou o remate de Carnaval comendo a tradicional vaquilla, nunha comida de 120 personas na que ninguén resultou contaxiado.

Un dos disfraces en Salgueiros. Bernabé

O xornal de Salgueiros

Salgueiros non poderá disfrutar do repaso á actualidade local e nacional cos seus Xenerais e demais actores. Pero hai alguén que xa leva dous anos informando aos paisanos de cómo rematou o exercicio, e faino a través de A Voz de Salgueiros.

O 28 de decembro de 2020, coincidindo co Día de Santos Inocentes, cada casa dos cinco lugares de Salgueiros amaneceu no seu portal cun exemplar dun pergameo no que se recollían cotilleos, enfrontamentos e demais cousas dignas de lembrar, desas cinco aldeas de Barreiros, Lareo, Penasgarfas, O Penedo e O Valado. Estes asuntos locais adoitaban ser debullados pola Vellería.

En 2020 alguén se encargou de repartir estes pergameos porta a porta, pero de noite para manter o anonimato. En 2021, cada exemplar de cinco follas (unha por lugar) chegou a todos os buzóns dos veciños, pero o 29 de decembro. Non importa, porque espertou igual as risas e algún que outro enfado dos lectores, ao vérense reflexados. E como todo bo medio de comunicación, a esta Voz de Salgueiros tampoco lle faltan anuncios publicitarios, como o de Matanzas Andreu, mata o teu e mailo seu, en referencia a un veciño que se encarga de sacrificar o porco a quen o precise.

Compartir el artículo

stats