Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

aurora marco nnficha personal | Autora de “Irmandiñas”

“As Irmandades da Fala foron un avance para as mulleres: estaban por todas partes”

“Coa represión franquista, moitas delas foron inhabilitadas para a docencia, suspendidas de emprego ou trasladadas fóra de Galicia”

Aurora Marco, en Santiago, cun exemplar do seu libro Irmandiñas.

O Círculo de Recreo de Lalín acolle mañá venres (20.30 horas) a presentación de Irmandiñas, un ensaio no que Aurora Marco recolle case catro anos de investigación sobre as mulleres vinculadas ás redes das Irmandades da Fala entre os anos 1916 e 1036. O volume, que gañou o Premio Follas Novas do Libro Galego 2021, foi publicado no 2020, de maneira que as presentacións quedaron suspendidas durante as primeras olas da pandemia sanitaria. Pero iso non impediu que sexa un auténtico éxito de crítica e lectorado, e que sirva para futuras investigacións locais, como xa ocorreu co Diccionario de mulleres galegas, que Marco publicou en 2007.

–Como foi o labor de investigación?

–Todo comezou en 2016, a raíz do centenario das Irmandades da Fala. Nese ano houmo moitos actividades, pero moi poucas mulleres nomeadas, e por riba xa se coñecían, como Elvira Bao, Ámparo López Jean, Olimpia Valencia ou María Miramontes. Para min era impensable que houbese tan poucas mulleres, así que consultei sobre todo hemerotecas dixitais e revistas da época nas que ficaban rastros da presenza femenina, como nunha crónica dunha peza de teatro, por exemplo. Adoitaban referirse a elas como “bellas señoritas” ou”excelentes actrices con moi boa dicción”. Tamén puiden dar con descendentes destas mulleres, que conservaban fotos e documentos delas. Foi case un traballo detectivesco e cunha dedicación enorme, pero eu estaba entusiasmada porque atopei mulleres das que non tiña nin idea, espalladas por A Coruña, Santiago, Monforte, A Estrada...

–Estas irmandiñas estaban vinculadas á difusión da cultura e do idioma, ou entraban tamén no ámbito político?

–Quedei moi satisfeita co capítulo que lle adico ás mulleres do Partido Galeguista. Temos que pensar que na República as mulleres avanzaron moito neses cinco anos en cuestións como o dereito ao voto, o divorcio, ou o acceso a actividades que ata entón eran consideradas de homes. Durante a República houbo mulleres ligadas a, por exemplo, a Agrupación Republicana Femenina da Coruña ou ao Grupo Femenino do Partido Galeguista de Ourense. Pero tamén abordo outros sectores con presenza feminina como os coros, que foron moi importantes para a galeguización e dos que chegou a haber centos. Eses coros recuperaban e divulgaban a música galega, con actuacións incluso fóra. Na actualidade, seguen cinco deles: Cantigas e Agarimos; A Sociedade Polifónica de Pontevedra; a Coral de Ruada de Ourense; Cantigas da Terra e Toxos e Froles, de Ferrol. Traballei ademais sobre as mulleres no teatro, e as que fomaron parte do Seminario de Estudos Galegos, no que podías ingresar presentando un traballo. Non podemos esquecer que o SEG se fundou en 1923, e as mulleres ingresaron na universidade oficialmente en 1910. Tamén había pintoras ligadas ás irmandades da Fala que buscaban unha pintura máis nosa, máis asentada nas nosas raíces. No ensaio recollo algún nome, como María Corredoira, que precisamente ingresou no Seminario de Estudos Galegos co seu cadro Cabeza.

–Está claro que as Irmandades axudaron moito a visibilizar, ou a facilitar, o acceso da muller a distintos sectores.

–Foi un avance, porque as mulleres estaban por todas partes, solo había que buscalas: estaban na acción social e cultural, no traballo e na política. Aquí temos, como dixen, as primeiras universitarias. Pero sobre todas elas pousouse o manto da invisibilidae, e tiveron que pasar 100 anos para que soubésemos delas, para poder recuperar nomes e traxectorias. O importante é nomealas, recuperalas.

–Podemos pensar que nesta rede das Irmandades da Fala había máis mulleres nas cidades que nas vilas?

–Eu non faría esa distinción, senón na preparación cultural. Eran mulleres coas ideas moi claras sobre o papel da muller e sobre qué querían que fose Galicia no futuro. De feito, no Partido Galeguista o perfil das mulleres é moi diferentes: temos mestras, labregas, propietarias, modistas, médicas...Recuperei, con este traballo, a 27 mulleres da aldea de Asados, en Rianxo, militantes do PG e que eran labregas, modistas ou atendían a súa casa, e que montaron o grupo de teatro Airiños de Asados, que ainda existe.O nivel de compromiso era o mesmo, en vilas ou cidades.

–Sobra dicir que co Golpe de Estado do 36 moitas destas mulleres foron represaliadas e silenciadas.

–As mulleres da Agrupación Republicana Femenina da Coruña eran de esquerdas, cun compromiso inequívoco, e foron represalidas e inhabilitadas para a docencia Outras foron castigadas e trasladadas a outro lugar de Galicia ou fóra da comunidade, e outras quedaron suspendidas de emprego e salario. Algunhas nunca voltaron a Galicia, como Amparo López Jean, presidenta desta agrupación. Estivo primeiro en Madrid, logo en Valencia co goberno da República e máis tarde en Barcelona e Francia, onde finou en 1942 sen ver os fillos. Outra muller, Laura Nicolás Esperante, que vivía en Chapa (Silleda), e era do Partido Galeguista, axudou ao movemente guerrilleiro e estivo dous anos encarcerada.

Compartir el artículo

stats