Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adeus a un Moucho centenario

As portas do último bar de Vinseiro botan o peche despois de máis de cen anos como centro de lecer e tamén de reunión para os veciños da parroquia e da contorna

Marcos Vicente e a súa nai, Sara Sanmartín, detrás da barra da histórica taberna do Moucho. | /BERNABÉ/JAVIER LALÍN

As tabernas de aldea non son un lugar calquera, son os bares, pero tamén os supermercados, os estancos, os centros sociais, e os museos das parroquias que habitan. É por iso que cando unha taberna de aldea pecha, queda na comunidade un sentido de perda similar ao que deixa o falecemento dunha persoa querida, pois un anaco do pobo vaise, para non volver. É o que está acontecer agora en Vinseiro, despois de que os veciños coñeceran a seguinte triste nova: pecha a taberna do Moucho.

O son das gargalladas de risa, das conversas superpostas e unha voz un pouco máis alta que a outra, ou algunha palabra malsoante ao redor dunha timba de cartas, quedan tras as súas portas, enlatadas, cunha presenza fantasmagórica, que se sinte, pero xa non está.

O motivo desta clausura é o natural devir das cousas, os antigos propietarios xubiláronse hai dous anos, e os fillos non poden facerse cargo do negocio debido á incompatibilidade cos seus traballos principais. Non obstante, hai un del, Marcos Vicente Sanmartín, que se resistiu a claudicar.

Marcos non pode apuntar o ano exacto da apertura da taberna, pero leva tempo na pescuda, e sabe que o establecemento xa existía no 1900. Grazas ao reloxo emblemático deu cada unha das horas de vida dese bar, Sanmartín imaxina que ou seu bisavó ou seu tataravó, un dos dous, estivo emigrado en Cuba, e de alí procede o reloxo, datado de finais do século 19. El inda busca configurar a memoria do espazo, pero a súa tena nítida, e lembra “dende que teño uso de razón, subirme a unha banqueta para servir chiquitos de viño”. Marcos é unha persoa nostálxica, e gardou no seu recordo as noites anteriores ao San Xorxe, cando súa avoa tecía cordas para venderlle á xente que levaba ao santo, “temos vendido kilómetros de cordas”, di entre risos, e a súa voz colle máis peso ao declara “agora xa non hai nada diso”.

Mais as cordas non é único que o natural de Vinseiro non esqueceu, e narra “antes non había teléfono nas casas, e a taberna foi dos primeiros sitios en poñelo. Recordo colas de xente os domingos, xente que tiña familiares emigrados en Francia ou Suíza, que viñan ao bar para chamar ao seres queridos”. Tamén lembra a seu avó, ferreiro, ferrar as bestas dos veciños da contorna, e de non tan preto, pois “viña xente ata de Campo Lameiro”. E tamén aquela cama vella no palleiro, pola que de rapaz preguntara a súa nai, e esta lle contara que era para darlle pousada aos tratantes de gando que viñan de lonxe.

Marcos ten unha relación máis especial co negocio que o resto dos irmáns, se ben tivo axuda de todos para mantelo eses dous anos máis a flote, dende a xubilación de seus pais. Para el o Moucho non foi só un negocio familiar, como demostra a voz entrecortada, e algunha pausa entre palabra e palabra, provocadas pola emoción contida ao falar. Para el, o Moucho foi un faro en momentos de incerteza. Conta, mentres se recompón, “eu sempre traballara de comercial, nunha empresa de automoción, pero no traballo fixeron un ERTE, e despedíronnos a todos. Como fixera maxisterio, comecei a preparar unhas oposicións para ocupar a mente, porque cando te ves así, pensas en moitas cousas. Despois xubiláronse meus pais, e eu xa estaba preto de entrar en listas, ao mesmo tempo que comezara a traballar nunha empresa. Tiña medo a que se me chamaban para unha substitución, me despediran, e volvera quedar sen traballo, polo que decidín coller eu o bar. Todos na familia se negaron, dicían que xa bastante tiña, pero insistín. Meu irmán botábame unha man, vindo un día á semana, e o resto dos días, levantábame ás cinco da mañá e deitábame ás doce da noite, mantendo tres traballos. Foron dous anos de ir e vir, pero a taberna foi o que me deu forza para estudar, ata xuño do ano pasado, que aprobei as oposicións”.

WhatsApp Image 2022 01 12 at 20.27.13 (1)

Un rural despoboado

A historia do Moucho é, en realidade, a de moitos negocio do estilo que foron botando o peche de uns anos a esta parte. Negocios que servían de centro neurálxico da vida social do rural galego, e que ante a falta de habitantes, deixaron de ser necesarios. Non só iso, a xente nova ten outras expectativas, busca facer vida fóra, outras profesións, outro xeito de relacionarse. Por iso, medio dunha caida vertixinosa do número de habitantes de A Estrada, é inevitable mirar ao rural, envellecido, descoidado e solitario, o gran olvidado de calquera tipo de iniciativa e decisión. Nas mans das novas xeracións de estradenses queda non perder o que ainda queda, máis o Moucho, e os que marcharon con el, xa son irrecuperables.

Compartir el artículo

stats