Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

iris gestoso | Maquilladora e creadora de contido en redes sociais

“Intereseime pola maquillaxe para desconectar do traballo de fin de carreira”

“Non teño esa mentalidade tóxica que te leva a buscar constantemente o factor viral”

Iris Gestoso recreando unha imaxe de La Veneno na súa conta de Instagram.

Iris Gestoso é unha moza nada no 1997 en Vedra, e actual veciña de A Estrada dende o 2017. Graduada en Bioloxía, esta xove comezou no 2020 unha andaina como creadora de contido de maquillaxe nas plataformas de Instagram e Tiktok, que a levou a construir unha plataforma de nada menos que 8.000 seguidores, cambiando completamente a súa orientación e futuro profesionais.

– Como foron os seus comezos no mundo da maquillaxe?

–Maquilleime toda a vida, pero así profesionalmente non comecei a facelo ata fai relativamente pouco, concretamente dende o 2019. Eu estudei Bioloxía, e cando estaba no proceso de escribir o meu Traballo de Fin Grado (TFG) empecei a precisar algo que me axudara a desconectar, e iso coincidiu coa saída de serie Euphoria de HBO. Obsesioneime con esa estética, e simultaneamente comecei a ver vídeos de xente facendo tutoriais de maquillaxe. Foi todo bastante espontáneo.

– Cal foi o paso desta arte que máis lle custou aprender a facer?

–Pois aínda que sone irónico, porque agora penso que é un trazo que define o meu estilo, foi o delineado do ollo. Ao principio non había maneira de que me saíse ben, pero nalgún punto din co truco que me funcionaba, e dende entón todos os meus looks teñen delineado.

–Teño entendido que lle vai moi ben na plataforma Tiktok, cal foi o proceso ata chegar ata aquí?

–Descubrín Tiktok durante o confinamento, no 2020, como a maioría da xente, penso eu. Empecei a ver que un montón de xente subía alí os seus vídeos, e como a min sempre me chamou a atención todo iso de vídeos tutoriais, comecei a subir os meus. Ao principio non falaba, só me maquillaba, e por un tempo deixei a conta algo aparcada. Despois, en verán, retomeina, e comecei a falar no vídeos tamén.

– Vostede crea o seu contido en galego, non é certo?

–Así é. Cando comecei non había ningunha canle que subise o meu tipo de contido, contido estético, digamos, en galego. Eu comecei a facelo simplemente porque é a miña lingua, e non me vía cambiando ao castelán, moito menos ao inglés, para subir os meus vídeos.

–Non foi unha decisión de conciencia lingüística?

–A verdade é que non, e sei que hai moita xente á que lle gustaría escoitar o contrario. Si que penso que está ben que se visibilice o galego a través destas plataformas sociais, aparte de que creo que Tiktok, por exemplo, funciona moito por parámetros de proximidade, polo que é máis sinxelo que unha poboación galega empatice e consuma contido na propia lingua, que noutra.

–Pensou en cambiar de idioma vehicular nos vídeos para chegar a unha maior audiencia?

–Para nada, non teño esa mentalidade tóxica que te leva a estar buscando constantemente o factor viral. Ademais, normalmente esa viralización é xenuína, e responde moito a patróns negativos. En internet, a menos que sexas un gato, non te fas viral con comentarios unicamente positivos.

“A maquillaxe é unha forma de expresión”

decoration

–Hai xente que equipara a maquillaxe a unha falta de confianza e seguridade en un mesmo, que opina vostede?

–Penso que si que era unha crenza estandarizada en xeracións anteriores, pero que a xente nova está mudando a maneira de entender a maquillaxe. Antes víase como un xeito de buscar encaixar na sociedade, e agora, especialmente entre as persoas da xeración z, vese máis como unha forma de expresión individual, como unha maneira máis de exteriorizar a túa personalidade. Este cambio eu asócioo moito a fenómenos como o da serie que mencionaba antes, Euphoria, que dende o meu punto de vista transformou a percepción desta disciplina.

–Algún referente, ou inspiración á hora de crear os seus looks?

–Pois sendo honesta, a miña inspiración é algo ambigua e ten que ver unicamente conmigo. Non teño a ninguén en quen me inspire ou emule. O que si é que o meu estilo bebe bastante do Glam Rock, e a estética futurista.

–Por úlltimo, cales son os proxectos entre mans de Iris Gestoso neste momento?

–Sigo formándome, aprendendo sobre esas cousas que me interesan, para mellorar e estar máis calificada. Por outra parte, estes días ando a participar na rodaxe dunha serie galega, na que me deron a oportunidade de encargarme da maquillaxe. Tamén teño previsto algún traballo máis no audiovisual, pero de momento non hai nada firmado, polo que prefiro non adiantar demasiada información. De momento teño a sorte de que me está indo ben, fai pouco fíxenme autónoma por iso, e a verdade é que xa me estou arrepentindo.

Compartir el artículo

stats