Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Orneiros, unha vella ponte sobre o río Asneiro

É preciso que as institucións públicas elaboren un plan de conservación restauración acorde co valor deste ben patrimonial | Está enclavada nunha antiga ruta comercial procedente do Ribeiro

Arco esquerdo da Ponte Asneiro. | // A.P.

Unha antiga ruta comercial, procedente da zona do Ribeiro ourensán, atravesa a Dorsal Galega polo lugar de Ermida e logo de percorrer uns 16,8 quilómetros, conecta co Camiño Real Ourense-Santiago (polo que discorre unha derivación da xacobea Vía da Prata) en Prado. Esta ruta segue a traxectoria da dorsal ou divisoria de augas que delimita as concas hidrográficas dos ríos Deza Superior e Asneiro. O camiño en cuestión, popularmente considerado como Camiño Real, segue o trazado da lomba divisoria Deza-Asneiro e, por esa razón, non atravesa, ao longo do seu percorrido, ningún río, a non ser o río Asneiro, entre as parroquias de Cristimil e Prado. Neste lugar foi preciso construir, nos séculos pasados, unha ponte pola que puideran transitar persoas, animais e carros. O río, ao seu paso por dabaixo de vella Ponte do Asneiro, está a 373 metros de altura sobre o nivel do mar.

Arco dereiro da ponte. | // A.P.

A denominación Ponte Asneiro é a que recibe nos poucos documentos históricos nos que se menciona e así aparece, tamén, recollido nos microtopónimos declarados (declaracións xuradas) no Libro de Amillaramento de Lalín 1945-46, pero iso non quita que, popularmente, teña outras denominacións tales como ponte Asneiros, ponte Orneiros e incluso ponte Arneiros. Concretamente, o nome Ponte Orneiros é un dos que goza de maior difusión entre a poboación da zona.

Arco esquerdo da Ponte. A.P.

Nos anos 1947, 1948 e 1953 o Instituto Geográfico Nacional (IGN.) publicou as follas de A Estrada (121), Agolada (122), Cerdedo (153) e Lalín (154), a escala 1/50.000, nas que se recollen, por primeira vez, de forma moi exahustiva todos os camiños existentes neste espazo, netamente rural. Nesta cartografía pode seguirse con gran precisión o trazado do Camiño que entra no concello de Lalín pola Ermida, descende a Lebozán, pasa ao Leste de A Saborida, entre Castro de Arriba e Castro de Abaixo e continúa cara O Couto, castro de Gresande, Mato, atravesa o río Asneiro (tamén coñecido como río Dozón, nalgúns documentos) pola Ponte do mesmo nome e, unha vez pasado á marxe dereita, bifúrcase en dous ramais, o máis vello cara Eirexe (Prado) e o máis recente cara a Borralla.

Foto de satélite coas sucesivas pontes que se construiron sobre o río Asneiro neste lugar. antonio presas

Nunha imaxe aérea en1956, non só amosa a situación na que se atopa a construcción da vía ferroviaria Ourense-Santiago, senón que, tamén, permite ver claramente o camiño ao seu paso pola ponte Asneiro. Na marxe dereita non aparece a anterior bifurcación e o camiño segue cara a Eirexe e Prado, onde enlaza co Camiño Real Ourense-Santiago, que vai cara a Ponte Taboada.

A Ponte Vella de Cristimil, coñecida, entre o vecindario, como Pontorneira, construída en base a modelos medievais, mostrou ao longo da súa historia unha gran resistencia e seguridade, pero todo empezou a cambiar desde que se abriu a nova vía de comunicación entre Prado e Vilatuxe, na década dos anos 50.

Deterioro

Como causas do seu deterioro podemos sinalar as seguintes: O paso dos primeiros coches. A ponte vella era estreita e cando comezaron a pasar por ela os primeros coches das feiras presentáronse algúns contratempos, porque as defensas e laterais dos autocares rozaban contra os peitorís de cantería, que había a cada lado. Para solucionar este problema empezaron por tirar ao río os peitorís que lles estorbaban (houbo que tirar os peitoris porque os coches grandes non cabían pola ponte e, a esa dificultade, había que engadirlle que a ponte facía unha curva e os automóbiles non daban xirado).

Roubo de pedras. Trala construción da Ponte Nova, pola que empezaron a circular todos os vehículos que se movían pola estrada provincial (EP 6004), a vella Ponte Orneira entrou en desuso e, pronto, empezou o saqueo de moitas das súas pedras, que foron levadas para construcións e cerres de diversa índole.

As enchentas do río Asneiro. Ás causas humanas engadíronse as causas naturais, como é o caso das grandes enchentas, nas que a auga do río ten chegado a pasar un par de metros por encima da ponte. No pasado, estes episodios naturais tiveron unha incidencia menor, porque as marxes do río estaban libres, pero a construcción da nova estrada provincial contribuiu a reducir a canle fluvial obrigando ás riadas a ter unha maior incidencia sobre a estructura da ponte. Así, as grandes enchentas orixinadas pola borrasca derivada do furacán Hortensia, en 1984, e a causada en 1987 (evolución extratropical do furacán Klaus), chegaron a pasar por encima da ponte nova e causaron grandes danos na ponte vella, que perdeu un importante volume. Moitas pedras do taboleiro e rompeaugas”marcharon río abaixo. A última gran enchenta que ocasionou algúns danos de menor importancia, tivo lugar no mes de xaneiro do ano 2000.

Xacementos megalíticos na divisoria Deza-Asneiro. antonio presas

Anécdotas

Nas pontes que están localizadas en sitios cerrados e profundos, por encaixamento do río que atravesan, polo xeral, teñen acontecido, ao longo da Historia, algúns episodios de caracter violento relacionados con emboscadas e roubos.A Ponte Asneiro estivo a punto de ser un deses escenarios,na década dos anos 1970, cando un coñecido empresario lalinense foi citado para entregar unha elevada cantidade de pesetas, á media noite, nun día sinalado. Fora previamente ameazado e non debería avisar a Garda Civil. Ao final, a tentativa de extorsión, foi resolta de forma segreda e, segundo algunhas informacións, a Garda Civil chegou a montar un dispositivo de vixilancia nos arredores da Ponte Orneiros, pero o culpable ou culpables non se presentaron no lugar.

Outra das anéctotas que ten circulado entre a poboación é a que tenta buscarlle unha explicación á orixe do nome ponte Orneiros. Segundo estas informacións as cabalerías (burros, mulos, ) empregadas polos arrieiros, ao chegaren ao comezo da costa empinada que había cerca da ponte, pola marxe esquerda (parroquia de Cristimil), resistíanse a baixar e tiñan por costume poñerse a ornear. Por ese motivo se lle puxo o nome de Ponte Orneiros, coa variante de Arneiros, moi pouco aceptada (”arnear”).Entre os vellos arrieros, practicamente desaparecidos, desde a década dos anos 1960, tamén circulou a referencia de que tanto este Camiño (A Ermida, Saborida, O Couto, Campo da Goleta, Mato) como a Ponte Orneiros, eran un atallo moi importante que lles evitaba dar rodeos innecesarios. Na viaxe que facían desde O Ribeiro, permitíalles chegar máis rapidamente aos puntos de destino.

A Ponte Vella que é como popularmente se recoñece a Ponte Asneiros ou Orneiros, está situada ao Norte da parroquia de Cristimil e permite atravesar o río Asneiro por unha zona próxima a súa desembocadura no río Deza.

Non sabemos con exactitude cando foi construída porque a historia fixo sempre omisión dela, unha omisión que case se corresponde co ignorado Camiño Real que viña desde o Ribeiro en dirección a Borralla (Prado), onde enlazaba co Camiño Real Ourense-Santiago, actualmente asociado a un ramal da “Vía da Prata-Camiño Portugués Interior”.

O Camiño Real en cuestión partía do corazón de O Ribeiro (Leiro, Beade, ...) e entraba na nosa Comarca por Ermida (Lebozán), pasaba polo lado Oeste do castro de Ludeiro, en dirección ao Monte de O Couto, onde se cruzaba con outro Camiño Real de dirección L-O, proseguía polas proximidades do castro de Gresande, polo famoso Campo da Goleta, por Mato e, finalmente, chegaba ao río Asneiro no sitio denominado Ponte Asneiro.

Como probas demostrativas da falta de referencias dese Camiño Real tan importante para o desenvolvemento económico do Ribeiro ourensán, no seu esforzo por conquistar o mercado compostelán, están os dous mapas máis significativos dos séculos XVIII e XIX. Trátase do mapa do reino de Galicia de Tomás López, publicado 1784, no que se poden ver algúns dos camiños máis importantes que atravesaban a Comarca de Deza, sendo Erbo e A Xesta dous nódulos moi significativos (cruce de camiños), pero non aparece camiño algún que pase por Lebozán e Soutolongo en dirección a Cristimil.

O outro mapa é o publicado en 1845 por Domingo Fontán, un mapa moi importante e máis recente, no que tampouco aparece marcado o referido camiño. Como aproximación significativa aparece o Camiño Real que viña desde A Saborida ata Soutolongo onde enlazaba con outro transversal de dirección L-O entre Lalín- Pereiro.

Omisións

Estas omisións nas cartografías máis importantes de cada momento resultarán decisivas á hora de recoñecer a existencia do referido camiño e, consecuentemente, para localizar a Ponte Orneiros. O que sucede tanto no mapa de Tomás López como no mapa de Fontán é que se non hai camiño non hai ponte, pero contra todas estas omisións por descoñecemento, por falta de referencias ou omisións involuntarias está a propia realidade.

A Ponte Orneiros foi un lugar de paso moi importante, subsidiario da Ponte Taboada, sobre o río Deza e forma parte dun valioso Patrimonio Arquitéctónico de carácter popular, actualmente moi deteriorado, polo que é preciso que as institucións públicas elaboren un plan de restauración e conservación acorde co valor deste ben patrimonial.

Compartir el artículo

stats