Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel pereira valcárcel nnficha persoal Escritor e docente

“Tomas Falsas' é unha maneira literaria de desbotar a falsidade”

“Os poemas falan desas cousas que preferiríamos que tamén puidesen ser borradas”

Manuel Pereira Valcárcel con su poemario Tomas Falsas. | /BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

O escritor e docente Manuel Pereira Valcárcel, natural de Ouzande, volve ás súas andainas literarias. Nesta ocasión faino cun poemario titulado Tomas Falsas, que xa leva publicado dende agosto do ano pasado, pero que por mor da situación COVID non puido presentar na súa terra ata agora. É por iso que onte o MOME de A Estrada abría as súas portas para acoller a presentación desta nova entrega, que ademais conta con ilustracións da man da artista Ana Cristina Lapiedra Algachal, e que xa foi introducida en outubro en novembro en Madrid e Zaragoza, respectivamente. Esta é a terceira vez que o autor estradense colabora coa ilustradora natural de Zaragoza, á que considera unha amiga cercana, e lle agradece a labor plástica que completa a obra debuxando os seus versos.

–Xa leva un tempo sen publicar poesía, que o levou a facelo agora?

–En realidade non levo tanto, o libro anterior presenteino aquí en Ouzande o 4 de maio do 2018, hai tres anos, e despois xa viu toda este lixo vírico e tiven que priorizar outras cousas. Ademais de que unha cousa é escribir, e outra editar. Podes escribir constantemente pero publicar precisa da mediación dunha empresa, é un proceso máis longo.

– Como xurdiu este proxecto?

–Pasa por unha motivación persoal de expoñer as decepcións. É unha reflexión miña de sempre, en contra da falsidade, das mentiras, i este é o fío condutor destes 88 poemas, que ademais contan cunha argumentación cinematográfica. Pero digamos que o punto de partida foi un libro colectivo publicado en Madrid titulado Amour Fou, ebrio desván de amores locos, no que eu colaborei, e que tiña como temática iso, a loucura do amor. Eu aportei nove poemas, que procuraban ser un contrapunto a esa temática, a esa loucura do amor. Unha vez entreguei esas nove pezas, dinme conta de que podía continuar por esta liña argumental.

–Por iso o título de Tomas Falsas, polo motivo cinematográfico?

–Efectivamente. As tomas falsas son aquelas imaxes que se gravan máis que posteriormente son desbotadas á hora da confección final dun filme. Do mesmo xeitos, os poemas falan desas cousas que preferiríamos que non pasasen, que tamén puidesen ser borradas. É unha maneira literaria de desbotar a falsidade.

– Pensa que o cine e a poesía teñen unha estreira relación?

–Dende logo, están bastante relacionados. Hai moito cine que toma poemas como punto de partida, e viceversa. Todas as artes están relacionadas, quizais que o cine pareza beber máis da narrativa, máis a mirada profunda e sensible da poesía impregnao todo.

– Cal é o seu proceso creativo?

–Case todos os días escribo algunha cousa que despois vai collendo forma ata tornar noutro recipiente, pode ser un poema, un relato, ou un ensaio. Máis unha vez teño a idea dun libro, vólvome máis constante, e todos os días lle dedico tempo.

– Documéntase antes de escribir as súas obras?

–Non en específico, pero son un lector e cinéfilo habitual, moita da inspiración recolloa de xeito inconsciente, gardando certas imaxes ou ideas na memoria.

“Hai poetas que trascenden todas as fronteiras”

decoration

–Iso para poesía, para narrativa segue o mesmo esquema?

–Nalgúns casos é preciso, como o foi para escribir a novela Malas cartas, ambientada no 1951, aí si que tiven que ler e formarme acerca da época, lendo historia e prensa do tempo.

–Tomas Falsas ten motivos cinematográficos, é vostede un adepto desta arte?

–Dende logo, son moi aficionado ao cine en sala, i especifico porque ao igual que noutros ámbitos, o xeito de consumir este tipo de arte está cambiando debido ás diversas plataformas audiovisuais. Para min ir ao cine é unha experiencia en si, un xeito de socializar e compartir, que da pé a un café e un debate posterior, ao enriquecemento.

–Algunha recomendación?

–Das últimas que vin, parecéronme interesantes Seis días corrientes de Neus Ballús, e Fue la mano de Dios, de Sorrentino.

–Finalmente, como ve o panorama poético na actualidade?

–A poesía non é´un xénero tan consumido, falando en termos case mercantís, como pode selo a narrativa, máis sempre hai necesidade dela. Todo o mundo fai referencia ao grandes poetas, como Dante, Shakespeare, Rosalía de Castro, ou Cunqueiro. É certo que agora existe unha especie de moda de poesía más rápida, máis banal, e a min paréceme ben sempre e cando vaia acompañado dunha maior esixencia, dun salto a algo máis elaborado, de maior rigor literario. A poestía, pola súa propia natureza, cun uso da linguaxe menos convencional, require dunha lectura activa, e o lector é libre de decidir se facela ou non. A poesía nunca será un xénero maioritario, pero hai poetas que trascenden todas as fronteiras, espaciais, temporais, e outras.

Compartir el artículo

stats