O alcalde da Estrada, José López Campos, e o xerente do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela, Juan Andrés Fernández, compareceron onte ante os medios para presentar a 24 edición da Miscelánea Histórica e Cultural da Estrada. Fiel á súa cita anual, este libro recolle doce novos artigos sobre a historia da Estrada e os seus persoeiros. Unha pequena xoia coa que seguir facendo o mosaico da historia dun pobo.

“O pintor Ángel Lemos de los Reyes”.

De Andrés Fernández Sanmartín. Realiza unha minuciosa análise da azarosa e sorprendente traxectoria vital do polifacético artista (Vigo 1917-A Estrada 2002) así como a presentación dun gran número de obras inéditas que obran en poder da familia, da colección pictórica do Museo Manuel Reimóndez Portela ou son propiedade de coleccionistas particulares. Traballo de imprescindible consulta para aqueles que desexen introducirse no universo pictórico deste pintor, inxustamente desatendido e subestimado no panorama plástico galego.

“Sobre o viño ullao e a variedade de uvas Ullao”.

Da autoría de Henrique Neira Pereira. Estudo sobre o viño Ullao ou da Ulla, mencionado xa en documentos do século XIII como bebida eminentemente popular, en contraste co Ribeiro, destinado ás elites e á exportación. Existiu tamén nas ribeiras do Ulla unha caste de uvas denominadas Ullao, das que neste artigo se expoñen algúns datos e hipóteses sobre a súa orixe..

“Cruz Gallástegui Unamuno: o fundador da Misión Biolóxica de Galicia”.

De Manuel Redondo Mella. Cruz Gallástegui foi un enxeñeiro agrónomo, xenetista e veterinario pioneiro en Europa en experimentar con híbridos do millo e grande impulsor da agricultura galega. Este artigo pretende recuperar a súa figura e dar a coñecer os experimentos que desenvolveu.

“Contribución al epistolario de Marcial Valladares: dieciséis cartas cruzadas con Andrés Martínez Salazar”.

De Carlos Santos Fernández. O autor, ex profesor do IES Losada Diéguez, donde se xubilou recentemente, edita e contextualiza unha serie epistolar conservada no Arquivo do Reino de Galicia e a Real Academia Galega. Proporciona interesantes informacións sobre o mundo editorial galego, as colaboracións de Valladares coa revista Galicia e as polémicas sobre a ortografía do gallego, entre otras cuestións.

“A historiografía da Estrada en cifras”.

Por Marcos Borrageros Vilela. Analízase neste traballo a produción historiográfica centrada no concello da Estrada. Abórdanse as principais publicacións así como as achegas dos distintos autores e autoras, tanto desde unha dimensión cuantitativa como cualitativa.

“Reconstrucción de las iglesias parroquiales de San Xurxo de Vea y de Santa Baia de Matalobos durante el S.XVIII”.

Autor, Javier García Gómez. Abórdase a reconstrución e reforma daquelas igrexas, efectuadas a pedimento dos seus respectivos párrocos. Emprégase como fonte principal a serie documental achegada polo Arquivo da Universidade compostelá, perceptora de parte dos diezmos recadados por aquelas igrexas durante a segunda metade do século XVIII.

“Codeseda e a Garda Civil”.

De Luis Manuel Ferro Pego e José Manuel Bértolo Ballesteros. Artigo onde se repasa polo miúdo a estancia da Garda Civil na parroquia de Codeseda, así como a historia persoal de cada un dos seus membros. Ao mesmo tempo ofrécese un completo e saudoso panorama de vida económica e social da parroquia a mediados do século XX..

“Desde la parroquia compostelana de Santa María Salomé a la estradense de San Andrés de Souto”.

De María del Carmen Folgar de la Calle. Neste artigo estúdase o retablo maior da igrexa de Souto, que chegou a esta parroquia estradense en 1833, procedente da Compostelá de Santa María Salomé. É executado en 1712 por Miguel de Romay, un dos máis grandes escultores e retablistas do século XVIII español.

“A creación da parroquia da Estrada desde a perspectiva das fontes eclesiásticas”.

Por Juan Andrés Fernández Castro. Neste monográfico ofrécese ao lector interesado unha breve escolma de documentos relacionados co proceso de formación da parroquia de San Paio da Estrada, seleccionando aqueles que presentan, dunha forma máis nidia, as posicións do arcebispado, dos párrocos implicados e dos propios fregueses.

“Os petróglifos da Quenlla dos Carballos na Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria a Diana na ribeira do Ulla”.

Do colectivo A Rula e Juan Manuel Abascal Palazón. Ofrecen novas achegas dos paneis gravados e unha nova interpretación dun conxunto rupestre considerado ata agora de época histórica. A súa investigación permite identificar un espazo sacro de uso moi prolongado no tempo, dende o Bronce Inicial deica o século I da nosa era cunha inscrición adicada á deusa Diana por parte de Arcisus Titus Aureus, un Celta romanizado.

“Avelina Valladares, a muller sen rostro”.

De Laura Filloy Martínez. Avelina dedicou gran parte da súa vida ao coidado da familia. Alén do recoñecemento recolleitado polos seus poemas, a autora de Berres salienta por ser unha das primeiras mulleres autoras de artigos de opinión na prensa pero, neste eido, viviu sempre á sómbra de seus irmáns Serxio e Marcial. A autora enxalza o talento literario de Avelina e a súa valentía como muller.

“A conciencia do terror: sobre a derradeira carta de Lago Búa”.

De Emilio Francisco Grandío Seoane. Preséntase, contextualizada, unha carta inédita de Fernando Lago Búa dirixida á súa muller e escrita poucos días antes do seu fusilamento. Lago Búa foi director do Lazareto de San Simón, na ría de Vigo, horroroso campo de concentración e exterminio de presos durante a Guerra Civil.