Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

David Reinero González nnficha personal | Xornalista

“Eu nunca pensei en non dedicarme ao xornalismo, é o que máis me gusta”

“Ser ese poder que intenta fiscalizar o que fan os políticos é algo aínda necesario”

O galardoado, David Reinero González.

David Reinero González, natural de Nigrán, recollía onte o Premio Xornalístico Manuel Portela Reimóndez en A Estrada, polo traballo "Corenta anos de Estatuto", unha serie de cinco entrevistas a destacados membros dos distintos gobernos da Xunta de Galicia, concretamente: Víctor Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo, Teresa Táboas e Agustín Hernández, todas publicadas no xornal dixital Praza Pública, plataforma da que forma parte o galardoado.

–Fáleme da súa carreira, cantos anos leva exercendo como xornalista?

–Levo vinte anos, comecei cunhas prácticas en Atlántico Diario despois de rematar a carreira, pero axiña me contrataron. Posteriormente traballei en El Pais, e dende o 2016 estou en Praza Pública.

–Como foi a primeira experiencia dese rapaz que saíu da facultade de xornalismo e xa se puxo man á obra?

–A min sempre me gustou a política, ao principio estiven traballando en ámbito local, e co tempo funme especializando en política autonómica, na que xa levo dez anos.

– Supuxo unha gran diferenza cando cambiou de escala?

–Non creo que haxa tanta diferenza, a política é política, sexa nun concello, no Parlamento de Galiza, ou no Congreso dos Deputados. Os políticos sempre van a intentar colar a súa mensaxe, e ti tes que atopar o que é máis informativo do que eles che queiran contar, e sobre todo do que eles non che queiran contar.

– Tivo algún momento no que esta profesión lle dera dores de cabeza?

–Si, eu diría que probablemente sexa máis digno de eloxio o traballo dun xornalista de comarcas, ao que un conselleiro o pode chamar en calquera momento porque lle molestou calquera nimiedade, que un xornalista que traballa en ámbito autonómico ou estatal ao que ningún político o vai increpar polas cousas que escriba. Hai máis presión nese rexistro comarcal.

– Aparte da política ten algunha inclinación máis?

–A política é un termo moi amplo, eu especialiceime nos últimos anos en fiscalización das administracións, digamos que política pública. Eu nunca pensei non dedicarme ao xornalismo, é o que máis me gusta, e encántame esta profesión. E dentro diso, ser ese poder que intenta fiscalizar o que fan os políticos, algo que creo que segue sendo moi necesario.

– Falemos agora do premio, como se sinte despois de recibilo?

–Por un lado estou orgulloso de recibir un premio con nome de Reimondez Portela, que por idade, evidentemente nun puiden coñecelo, pero as cousas que me chegaron del dinme que era un político e un humanista á verdadeira usanza. E por outra banda, agradecido a un dos poucos premios xornalísticos que hai en Galiza que premian o xornalismo, no a opinión ou a creación literaria. Tamén engadir que é digno de admiración que un concello pequeno como o de A Estrada manteña dende hai tantos anos un certame que premie o xornalismo en galego.

–Que pode comentar do traballo co que resultou gañador?

–Quería achegar a Galiza de hai 40 anos, a Galiza na que se aprobou o Estatuto de Autonomía, aos lectores de hoxe. Para iso entrevistei a cinco políticos que formaron parte dos diferentes gobernos autonómicos daquela época. Trátase de entrevistas que non buscan datos meramente políticos, senón persoais e anecdóticos.

–Fáleme do diario Praza Pública, do que vostede forma parte.

–Somos un medio de información xeralista de Galiza, un diario, onde o que hai detrás é unha Fundación que reinvirte todos os beneficios en facer xornalismo en galego e apegado ao país. É difícil medrar, e subsistir neste nicho, pero xa levamos dez anos e imos a por dez máis.

–Finalmente, cal é a recomendación que lle daría a un estudante de xornalismo?

–O primeiro, que é máis un desexo que un consello, sería que lle ten que gustar o que fai, sen iso o demais non ten importancia. O segundo sería que se forme naquilo no que se vaia especializar, a formación neste gremio é vital.

Compartir el artículo

stats