Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cecilia Sanmartín Soto Cociñeira e copropietaria de Casa San Martín

“Os manteliños xurdiron como un tour turístico para os clientes mentres agardan pola comida”

“Adicaría máis tempo ao deseño, pero a cociña necesita moitas horas. Fixéronme propostas para un restaurante de Tarragona”

Cecilia Sanmartín Soto, coas súas creacións artísticas nunha mesa da súa casa de comidas. Bernabé/Javier Lalín

Cada vez son máis os establecementos de restauración que coidan os detalles para procurar que os seus clientes se sintan o máis a gusto posible. En Casa San Martín –fundada en 1975 e situada no acceso ao santuario de Nosa Señora do Corpiño, na parroquia lalinense de Santa Baia de Losón– abofé que o logran, cun bo trato e unha cociña caseira excelente, pero tamén con pequenos engadidos que as irmáns Cecilia e Cristina Sanmartín Soto, de 37 anos, van incorporando pouco a pouco ao herdado negocio familiar. Unha das novidades que máis cautiva aos comensais nos últimos tempos son os manteliños individuais elaborados por Cecilia, toda unha artista dentro e fóra da cociña, vocacións ambas que ben se poden atribuir á herdanza xenética.

–A vena artística penso que foi a herdanza máis bonita que me deixou meu pai. El, carpinteiro de profesión e sen case ir á escola, se collía un lapis na man xa estaba debuxando un retrato, unha casa... calquera cousa. Él si que era un artista.

–Cociñeira, debuxante... cal foi a súa formación?

–Cando rematei o bacharelato, dubidaba en qué formarme, fixen selectivo coa idea de facer maxisterio,enfermería,arquitectura... Non sabía por onde tirar e, finalmente, decidinme por un ciclo superior de deseño na Escola de Arte Mestre Mateo, vendo que en Lalín o sector textil tiña bastante importancia.

–E no eido da cociña e da restauración?

Á cociña aprendín a querela aos poucos. Nun principio, non quería seguir coa tradición familiar porque este é un traballo moi gratificante pero moi sacrificado e, vendo todo o esforzo que estaban facendo meus pais para sacar adiante o negocio e unha familia grande como a nosa, pois, non me apetecía moito. A pesar de todo, nunca me separei moito da casa, sempre estaba ao tanto de todo o que se facía e intentaba axudar no meu tempo libre. Ata que, sen saber como, metinme na cociña e, probando e probando, deime conta do amor que miña nai lle poñía a todo o que facía e que non podía ter mellor mestra ca ela. Aprendín a ser esixente coa calidade, co sabor e, sobre todo, que hai que ser constantes para poder conseguir o que queremos.

Cecilia Sanmartín cos bocetos orixinais dos manteis e pintando a barriga dunha embarazada. Bernabé/Javier Lalín

–Como xurdiu a idea de facer creacións artísticas relacionadas coa restauración?

–Dende ben pequena participaba en todos os concursos que podía de debuxo, tiña bastante sorte. Co de debuxar para o restaurante empecei hai moito tempo, creo que antes de saber que existían as impresoras... Cada domingo facía un cartel á man co menú e colocábao ben visible nunha arbóre na entrada do Santuario [do Corpiño]. Aínda mo recordou hai pouco un señor que debía ser un seguidor, eu xa non me lembraba.

–E a idea dos manteis?

–Os manteliños surxiron por casualidade. Hai tempo comprabamos uns manteliños feitos industrialmente que chamaban a atención, eran de anuncios antigos en varios idiomas, a verdade é que nos fixamos que os clientes pasaban o tempo léndoos, a pesar de non entendelos a maioría das veces. Consideramos que as persoas que nos visitan debían ver algo interesante mentras agardaban pola comida e pareceunos unha boa idea facer un tour turístico pola zona. Realmente, empecei colocando os puntos turísticos que máis recomendamos e pouco a pouco, por achegas dos propios clientes, foi aumentando o número de lugares,festas,empresas de productos da zona... A verdade é que, vivindo nunha aldea e tendo un negocio como o noso, non podemos andar sós, creo que é moi importante facer as cousas en conxunto. Con isto quero dicir: unha persoa que visita a nosa casa, come e, se despois ten algo que visitar, pois a experiencia xa se fai máis amena. Penso que é moi importante en lugares pequenos ter boas relacións, porque todos dependemos de todos. Ademais da parte turística, decidín escribir a lenda do santuario, que aquí todos coñecemos, pero son desas cousas que se non se contan esquécense, cousas que forman parte da nosa historia e que non deberíamos esquecer.

–E logo da xira turística, co santuario mariano como eixe, este ano tocou o cocido...

–Si, o segundo manteliño fíxeno entrando na época do cocido e con el buscamos dar a importancia que ten a un prato que tanto nos leva dado.

–Teño entendido que teñen en marcha un concurso infantil...

–Cada día pasan moitos nenos polas nosas mesas e temos a sorte de que son uns artistas e nos deixan verdadeiras maravillas pintadas. Este feito levounos a convocar o primeiro concurso de decoración de manteliños. Os nenos recollen aquí os manteliños do cocido, despois decoranos na súa casa como eles queiran e envíanos a foto do mantel. Temos previsto publicalos todos o 25 de Nadal en Facebook e, despois duns días, o que máis votos reciba levará como premio unha mesa dóce con moitas lambetadas e fonte de chocolate. Xa hai uns cantos debuxos pero seguen chegando máis.

–Entendo que a idea terá continuidade nos vindeiros anos. Pode adiantar xa cal será a temática do seguinte?

–Os manteliños teñen moito éxito, estamos co rexistro dos deseños en marcha e a nosa idea é facelos coleccionables. Efectivamente, xa estou pensando na próxima edición; seguramente esperaremos a que pase o cocido para que saia.

–Plantéxase facer creacións para outros establecementos hosteleiros? Ou expandir a súa faceta artística a outros eidos?

–Adicaría mais tempo ao deseño, pero a cociña necesita moitas horas. Fixéronme propostas para proxectos similares ao noso para un restaurante en Tarragona e algún que outro encargo a raíz de ver os manteis. Ademais faime moi feliz un pequeno proxecto que me encanta, o de Barriguitas Felices (páxina en Facebook), co que comecei hai pouco e que consiste en pintar barriguiñas de embarazadas.

Cecilia Sanmartín pintando la barriga de una embarazada. Cedida

“Foi unha sorpresa como a xente se volcou con nós con pedidos cada día para levar”

–Como ve agora mesmo o sector, no seu caso concreto, polos efectos da pandemia de COVID?

–Creo que o noso sector foi dos máis afectados pero tamén penso que o material sempre ten arranxo dunha forma ou doutra, o peor son os danos persoais. No noso caso, con moito esforzo, seguimos adiante e sempre grazas a toda a xente que nos quere. De feito, na parte de comida para levar, foi toda unha sorpresa como a xente se volcou con nós pedindo cada día. Nas malas é cando ves que a xente está de verdade e axuda cando máis o necesitas. Penso que se todos nos axudamos uns a outros comprando aquí e facendo sociedade co noso entorno, sairemos adiante. Ao fin, estamos nun lugar pequeno no que todos dependemos de todos.

–O futuro de Cecilia Sanmartín Soto pasa polos fogóns da súa casa de comidas, mais seguirá co lapis nunha man...

–Intentarei seguir traballando na cociña e compaxinando coa miña vía de escape do debuxo, presumindo sempre da nosa cultura galega, dos nosos recursos, da artesanía, en fin, de todo o que define a nosa forma de vida.

Compartir el artículo

stats