Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cristina Andrade | Actriz estradense

“Neste traballo todo pasa por estar no lugar e no momento axeitado”

“Estamos en fase de creación dunha compañía de teatro de cara ao ano 2022”

Cristina Andrade.

Con 26 anos a estradense Cristina Andrade xa é un rostro coñecido da televisión de Galicia. Falamos con ela da súa traxectoria, dos seus proxectos e do que implica unha profesión como a súa.

–Cando comezou todo isto de ser actriz? ¿É algo que lle chegou de nova?

–De nova nada. Eu teño agora 26 anos pero todo empezou cando estaba en primeiro de bacharelato. Antes eu quería ser cantante pero coñecín a interpretación a través da Escola de Artes Escénicas da Estrada. Aí foi cando descubrín este mundo e debo dicir que foi nun momento crucial, porque estaba decidindo que facer coa miña vida. Nese momento decidín meterme a tope con isto e marchei para Vigo a estudar Arte Dramático.

–Cando da o salto a interpretación profesional?

–Cando estaba na escola xa fun facendo algún traballiño, facendo algunha curta por exemplo. Iso serve para ir practicando. No último ano de curso, en cuarto, e xusto o día antes da graduación foi cando me estreei. Ese día gravei por primeira vez coa televisión de Galicia.

–Como xurdiu esa conexión?

–Pois foi unha cousa de curro chama a outro curro. Gravando un corto importante para unha produtora dirixido por Lucía Estévez naceu unha conexión entre produtoras na que acabei na televisión. O primeiro que gravei foi a primeira temporada do “Malo Será!”. Tivemos sorte e o programa funcionou, así que decidiron contar comigo para a segunda temporada. Tamén gravei unha serie que se chama “Os Mariachi”. Gravamos dúas temporadas. Nesta profesión cando todo vai ben é unha sorte. Logo hai temporadas nas que estás máis parada e traballas pouco para fora. Nesa época ademais estaba facendo un Erasmus Plus en Lisboa, co cal foi unha loucura. Tiña que subir e baixar a Lisboa todas as semanas. Logo, chegou a pandemia e durante un tempo gordo paráronse as cousas. Agora estamos tratando de retomar. Nisto non hai ningunha fórmula máxica. Todo pasa por traballar duro e por estar no lugar axeitado no momento axeitado. Non é certo iso de que por moito que traballes vas chegar lonxe. Tes que estar no lugar axeitado e moverte. Se te encerras na túa casa non fas nada, aínda que iso pasa en todas as profesións.

–Que ten agora entre mans?

–Estou cun proxecto teatral. Estamos en fase de creación dunha compañía de teatro. É algo duro pero unha compañeira e máis eu estamos tentando darlle forma para poñer en marcha un espectáculo de cara ao ano 2022. Tamén ao final de ano estarei noutra obra de teatro, aínda que de momento non podo contar moito.

–Supón un retorno ao teatro?

–Si, era algo do que estaba un pouco apartada ao estar traballando na tele. O “Malo Será!” era un pouco mestura de teatro e televisión pero si que me apetece reconectar coa pureza do teatro.

CRISTINA ANDRADE

–Que foi o que máis lle chamou deste mundo?

–Da profesión o deste mundo?

–Cal é a diferencia?

–A profesión ou a arte é unha necesidade dunha conexión co pracer artístico, coa necesidade de contar certas cousas e dunha forma diferente. Sempre me gustaron ademais moito as series e as películas. Creo que é unha profesión moi fermosa. Iso conleva sen embargo moitas trampas. Hai moita competitividade. A nivel burocrático tamén é complicado, porque as administracións e a interpretación están moi lonxe pero ao mesmo tempo necesitan unha da outra. Tamén hai un canon que todas temos que perseguir. O papel da muller neste mundo tamén é desesperante. Creo que é unha profesión moi primaria e moi vocacional. Hai que ter moita paciencia. Eu todavía estou aprendendo a levar esta profesión, porque na escola ensínanche moitas cousas pero nada do que te vas a atopar despois. A hostia venche canso saes.

CRISTINA ANDRADE

–Agora cambiou de rexistro como protagonista de campaña da ACOE. Xa traballara en anuncios?

–Non, foi unha experiencia. É importante axudar ao pobo no que podes. Cando me chamou Luis Rivadulla non o dubidei, a min non me custaba nada. Creo que é bonito poder colaborar no que poidas.

Compartir el artículo

stats