A Deputación vén de pechar a completa programación organizada con motivo das Letras 2021, co acto de entrega de premios do concurso Lebres como Gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias. Helena Castaño, Hiba Lajouad e Estela Groba, tres mozas de A Estrada e Salvaterra de Miño, alzáronse cos premios do concurso creativo ao que se presentaron máis de medio centenar de alumnas e alumnos de centros educativos de dez concellos da provincia.

O concurso tiña por obxectivo achegar a figura da autora ao alumnado de educación secundaria dos centros de ensino. Para elo valorábase a creatividade das mozas e mozos mediante composicións artísticas nas que se combinaba fotografía e poesía inédita. Helena Castaño Pazos, alumna de 2º da ESO do IES Nº1 de A Estrada alzouse co primeiro premio polo seu traballo literario e creativo. A estradense conseguiu unha cámara Polaroid e un agasallo didáctico e un mural dedicado a Xela Arias, realizado pola muralista Tania Solla, xunto a unha actividade lúdica e interactiva sobre a autora, impartida por Polo Correo do Vento, para o seu instituto. Pola súa banda os dous accésits recalaron en Estela Groba, alumna de 2º de Bacharelato do IES Salvaterra de Miño, e en Hiba Lajouad, alumna de 4º da ESO do IES Nº1 de A Estrada. Ambas mozas recibiron un agasallo didáctico e conseguiron unha actividade lúdica e interactiva sobre Xela Arias para os seus respectivos institutos.

Lebres como gacelas, tal e como recordou a deputada de Cultura Victoria Alonso, tomou como inspiración a obra de Xela Arias Tigres coma cabalos, na que cada poema da escritora se confrontaba cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gill. O título do concurso establece unha analoxía coa obra de Arias pero escollendo dous nomes de animais en feminino, cunha clara declaración de intencións e reforzada pola asociación simbólica que estes animais teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

Amais do concurso centrado nas categorías de fotografía e poesía, tamén se impulsou unha exposición multidisciplinar co mesmo título, que se puido visitar na sede da Deputación en Vigo. No Verbum da cidade olívica tamén se organizou a mostra denominada Xela Arias. A poesía do retrato, e programouse Un paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Ademais impulsouse a performance Vencerse é cousa de se tratar, na que se puido escoitar a propia voz da escritora. Todo isto, entre outras moitas iniciativas, como levar pola xeografía da provincia o espectáculo X Xela, coa música de A Banda da Loba, e celebrar obradoiros sobre a homenaxeada en centros de ensino provinciais de primaria e secundaria.

Porén, con este acto púxose fin á recua de actividades promocionais das Letras Galegas 2021 por parte da Deputación de Pontevedra, para dar paso ao novo protagonista Florencio Delgado Gurriarán.