Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galo de curral listo para comer

Culinaria elabora un proceso que permite comercializar o produto asado ou guisado e conservalo refrixerado ata trinta días

José González, flanqueado por Manuel Cuiña e Luis Taboada, onte, na Casa Don Din. Bernabé/Javier Lalín

O galo de curral é un prato con moito tirón en Galicia, sobre todo preparado coa receita tradicional. Mais cociñalo require un tempo e uns coñecementos dos que non dispón a maioría dos seus potenciais consumidores. Adquirilo preparado e listo para degustar é agora posible grazas á colaboración da firma silledense Culinaria coa Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces.

Os membros deste pequeno grupo de produtores locais de avicultura artesanal e sostible arriscáronse a criar 350 galos nun momento de moitísima incerteza e Culinaria, empresa nada e arraigada á súa terra, decidiu colaborar con eles para axudalos a comercializar o seu esmerado produto. Unha cantidade reducida este ano pero que ten o obxectivo –a medio e longo prazo– de atraer novos criadores e aumentar a súa produción para dar a coñecer, primeiro en Galicia e máis adiante fóra, as enormes cualidades culinarias deste exclusivo animal.

Esta iniciativa quedou plasmada onte na sinatura dun convenio entre a asociación de criadores e a firma asentada en Silleda. O acordo ofrece a opción a comercialización do galo xa preparado para podelo dar a coñecer entre os potenciais amantes deste tipo de carnes máis aló desta demarcación xeográfica e, especialmente, para telo dispoñible en épocas sinaladas, coma a que se aveciña de Nadal.

A nova receita creada polo equipo de cociñeiros e nutricionistas de Culinaria consiste nun galo asado ou guisado acompañado de patacas locais e elaborado cunha técnica que lle outorga un dourado característico, rematado cunha cocción a baixa temperatura. O resultado, envasado ao baleiro, permite –refrixeración mediante– o seu consumo durante os trinta días seguintes. Só hai que quentalo. Con vistas ás vindeiras festas, os galos están á venda baixo pedido na propia empresa e en tendas gourmet.

Novas oportunidades

Ao acto, celebrado no restaurante Don Din, asistiron numerosas autoridades co ánimo de apoiar esta iniciativa. Entre eles o conselleiro de Medio Rural, José González; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o deputado provincial Manuel González; ou os alcaldes de Vila de Cruces, Luís Taboada, e de Silleda, Manuel Cuiña.

Na súa intervención, o xerente de Culinaria, Manuel Araujo, recalcou o motivo desta alianza: “Iniciar un camiño para contribuir á exaltación dun produto autóctono galego que abra novas oportunidades para esta comarca e facilite o asentamento de emprendedores novos que vexan un futuro menos incerto”. O presidente da asociación de criadores, Tito Mariño, agradeceu ás autoridades o apoio nesta nova andaina do Galo de Vila de Cruces.

O deputado Manuel González brindou o apoio da institución provincial aos avicultores e puxo este proxecto como exemplo de aposta polo produto local. Mentres, José González foi o encargado de pechar o acto indicando a súa satisfacción ante este acordo que aporta valor engadido a un produto galego de excelencia.

I Mostra de Calidade Alimentaria do 15 ao 17 de decembro en Sergude

Na súa intervención, o conselleiro anunciou a celebración da I Mostra de Calidade Alimentaria do 15 ao 17 de decembro no Pazo de Quián, no lugar de Sergude, municipio de Boqueixón. Será un encontro de produtos e produtores que acollerá a entrega dos xa recoñecidos premios Exceleite, así como os das catas de queixos e meles de Galicia. González referiuse ao tradicional como o máis natural, apostando por dar visibilidade ás prácticas máis senlleiras da nosa terra. Lembrou que Galicia, con 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, é a comunidade que aglutina máis distintivos deste tipo. Para continuar nesa senda de exaltar a calidade dos nosos produtos de proximidade, sans e sustentables, o conselleiro recordou que o ano que vén entrará no Parlamento a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia, que busca servir de panca para este xeito de producir cada vez máis demandado polos consumidores. A maiores, o titular de Medio Rural mencionou as posibilidades de posta en valor que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, ao abeiro da cal hai xa 14 aldeas modelo aprobadas e máis dunha decena de polígonos agroforestais ligados de xeito prioritario ás producións de calidade.

Compartir el artículo

stats