Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Tiven que facer o conto meu, e soñalo, por dicilo dalgún xeito”

"Sobre todo queríamos que fose unha explosión de cores, xa que é un libro con moita imaxinación"

FARO A ESTRADA

–Como xurdiu este proxecto colaborativo con Xosé Lueiro?

–Pois xurdiu dunha maneira moi natural. El ensinoume os textos e gustáronme moito, de contado sucedeu todo o demais. Tivemos unha sinerxía moi boa, que facilitou o traballo. Ademais esta non era a primeira vez que traballamos xuntos, coñecémonos dende sempre, e xa fixera cousas con el en teatro.

– Traballaron máis veces xuntos, pero esta é a primeira vez que ilustra para el?

–Si, esta é a primeira vez que lle ilustro un libro.

–Canto tempo pasou dende que naceu a idea ata que se materializou?

–Levamos un ano de moito traballo. Cando se ve, vese rápido, pero para chegar ata aí hai que pasar varias etapas, como poñernos en contacto, falar sobre a idea, e sobre todo tiven que facer o conto meu, e soñalo, por dicilo dalgún xeito, o cal é unha das partes máis importantes do proceso creativo. Lueiro estivo en contacto comigo todo o tempo, e retroalimentámonos moito.

– É a primeira vez que participa na ilustración de obras?

–Non é a primeira vez. Tamén ilustrei recentemente un libro de Call me Sinbad de Francisco Castro, que é a tradución de Chamádeme Simbad, un libro publicado pola editorial británica Small Stations. Tamén hai tempo ilustrei unha capa de Un intre antes do solpor de Ana Carreira, para o premio Varela Buxán.

– Prefire ilustrar literatura xuvenil e infantil ou obras para un público máis adulto?

–De momento as cousas que fun facendo son máis para a literatura infantil e xuvenil, e gústame moito, pero tampouco descarto proxectos doutro tipo se se me presentase a oportunidade no futuro. A min gústanme os retos, e aprender sempre.

– Como responsable do departamento de comunicación da Editorial Galaxia, ten oportunidade de participar neste tipo de proxectos?

–Non, as miñas funcións na editorial están relacionadas coa comunicación e as redes sociais. Este proxecto, por exemplo, propuxéronmo dende fóra. De todos xeitos, tanto Lueiro coma min agradecemos moito a oportunidade de poder publicar con eles.

–Fáleme do concepto que tiña plantexado para o libro e do seu proceso creativo.

–Sobre todo queríamos que fose unha explosión de cores. Este é un libro que ten moita imaxinación e moita fantasía. Está enfocado para os nenos pero un adulto pode sacar outro tipo de lecturas máis complexas, xa que conta con moito entramado social.

–Dispuxo de completa liberdade para levar a cabo as ilustracións?

–A verdade é que nese sentido non teño queixa, máis ben todo o contrario. Tanto Lueiro como a Editorial depositaron a súa confianza plena en min e aportáronme todas as facilidades, estou moi agradecida e contenta por iso.

Compartir el artículo

stats