A recentemente creada Ruta da Sidra busca adentrar ao camiñante no universo da sidra ecolóxica en Galicia, onde A Estrada ten un claro liderado. Esta ruta permite realizar un percorrido polas parroquias da Estrada, Callobre, Moreira, Agar, Pardermarín, Olives e Ribela, nas que se realiza todo o proceso de produción, desde a plantación das mazás ata o embotellado, descubrindo unha oferta de experiencias turísticas vinculadas á paisaxe e ao patrimonio ou a degustación de interesantes maridaxes.

Maceiras ecolóxicas de variedades autóctonas en floración, árbores centenarias, sidrarías e lagares que manteñen as vellas estruturas de pedra e madeira tallada onde se elaboraba antigamente a sidra, igrexas, castros, pazos e aplicacións na gastronomía estradense son elementos deste produto turístico que representa un elemento dinamizador da economía local, na que produtoras e produtores, axentes turísticos e comercio xogan un protagonismo fundamental.

Co obxectivo de analizar a Ruta da Sidra e as posibilidades de desenvolvemento que ofrece para un municipio como A Estrada, o Club Faro organizará o próximo martes ás 20.30 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) una charla que ten o respaldo da Deputación de Pontevedra. Contará co testemuño de catro persoas relacionadas coa ruta e co sector da sidra na Estrada, Miguel Soto, Ana Villamayor, Marta Rivadulla e Mónica Brey. Ademais, a charla estará presentada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Villamayor

Ana Villamayor é presidenta da Asociación de Turismo Rural Mar de Compostela na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e membro de Fegatur, é licenciada en Xeografía e Historia e propietaria da casa a casa de Turismo Rural Torres de Moreda, ademais dunha das maiores produtoras de mazá ecolóxica do concello da Estrada. Formou parte da directiva da Asociación da I Feira da Sidra da Estrada e impulsou varios proxectos turísticos na comarca. Desde os seus inicios no sector, hai quince anos, promove o fomento da ecoloxía, a sustentabilidade, o turismo rural e experiencias arredor do cultivo ecolóxico da mazá.

Rivadulla

Marta Rivadulla Nogueira é licenciada en Xornalismo e Máster de Dirección de Empresas Turísticas, é xerente da axencia de viaxes da Estrada Simply Galicia, especializada en venta de excursións e circuítos a medida en Galicia, que ten como obxectivo promocionar e vender a nosa terra cun turismo sostible e de calidade.

Mónica Brey L.D.

Mónica Brey Baltar é produtora de mazá de sidra ecolóxica desde 2017. Aposta pola mecanización do traballo agrario, tanto para as labores de mantemento ao longo do ano, como para as de recollida do froito, para incrementar a efectividade, mellorar a calidade dos cultivos e o coidado das árbores. Conta cunha máquina recolledora de mazás que, ata o de agora, é a única en Galicia.

Soto

Miguel Soto Albores é enxeñeiro técnico en Industrias Agrarias e un dos creadores e coordinador da Ruta da Sidra que agrupa ás industrias sidreiras da Estrada e á cooperativa Ullama. Leva máis de vinte anos traballando no sector agropecuario. Desde 2010 é o responsable das certificacións ecolóxicas da cooperativa Ullama e dos seus socios, así como das campañas de recollida, produción e comercialización.