Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Laudatio do señor Aurelio Ramos Ogando

O señor Aurelio Ramos Ogando

Como xa vou tendo os meus anos, pódomas dar de vello, e presentarme perante vostedes coma un home entrego e asentado cuxas canas e enrugas me impedirían falar a fume de pallas.

Veciño da parroquia de Xirarga (Beariz), o señor Aurelio foi galardoado co Premio Mestre da Memoria 2021 pola súa sabedoría e polo seu traballo de difusión da literatura de tradición oral

En verdade lles digo que ando nesa medianía que xa me cohíbe á hora de prodigarme na chocallada, malia recoñecer que apenas a coiraza da retranca me guariu até hoxe, despois de percorrer do dereito e do revés as vereas e corripas da nosa esgrevia Terra de Montes que é, en moitos aspectos, metáfora do país.

O señor Aurelio recibindo o seu diploma de mans de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

E neste ler e desler impenitente pola comarca, neste vezo non amansado da curricaina, da rebusca, da escoita, da pregunta e da recolla, podo dicir sen trabucarme que, aldea tras aldea, rueiro tras rueiro, trabei coñecemento con moitos montañeses e montañesas que, cadaquén ao seu xeito, me fixeron morgado da herdanza contante, cantante e soante do saber tradicional. Morgadío do que, malia a miña pouca cabeza, me foi confiada a súa administración.

A varia e innúmera paisanaxe coa que, ao longo de vinte e cinco anos, fun estreitando o vínculo da confianza e mesmo da amizade, deume foro para establecer, portas para dentro, unha fría taxinomía dos meus informantes. Vexamos: hai xente que sabe, mais non o quere contar; hai xente que sabe, mais non o sabe contar e hai xente que sabe e, mel sobre as filloas, sabe contalo.

Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos con cadanseu diploma, que os recoñece como Mestres da Memoria 2021.

Ende ben, botando por terra o meu pobre criterio sistematizador, refutando os febles alicerces do meu catálogo, o señor Aurelio Ramos Ogando ficaría fóra desta desactualizada clasificación; porque o señor Aurelio é a todas luces inclasificábel.

Este noso veciño do lugar da Alén, na bearicesa e ourensá parroquia de Xirargha, é un home que sabe (e moito), sabe contalo (e moi ben) e, aínda por riba, deveceu sempre por no lo contar. Esta particularidade, esta ansia por nos transmitir o que a el lle transmitiron os seus maiores, este degoro por compartir connosco, xenerosamente, o froito da súa curricaina, rebusca, escoita, pregunta e recolla; esta calidade é, por riba de todas, a que o fixo merecente do prestixioso Premio Mestre da Memoria, outorgado pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Méritos que comparte, abofé, coa coruñesa de Malpica Teresa Reigía Pose, Teresa dos Cucos.

Os galardoados a carón dos membros da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

Non é o señor Aurelio Ramos Ogando un mero transmisor, pois, como é neles connatural, os excelsos contadores de historias fan e refán o discurso ao seu antollo, mantendo apenas a armazón do santo e mudando a indumentaria ao gusto do relator ou do seu auditorio. A mestría do señor Aurelio evócame a trafega que as mantedoras da capela de Arén (en Cerdedo) tiñan coa súa Conceución, unha Virxe de vestir que, coma moneca consentida, desfrutaba dun cumprido enxoval, unha ducia de perrucas de cabelo natural de diversas tonalidades e unha rica colección de abelorios de ouro, prata e fantasía. Os conxuntos de vrau, inverno e de entretempo, doados no pasar dos anos polos seus fieis devotos, dispuñan aquela santiña tanto para as continxencias do tempo ordinario coma para as festas máis sinaladas.

“O Ramos dálle a todos os paus, nunca pasa fea e sempre ten o ás para matar o tres”

decoration

Talmente, o señor Aurelio amenízanos a súa liturxia cunha ampla gama de contos, fábulas e apólogos, refráns e adiviñas, brindes nupciais, coplas, romances e cantares de cego. E o seu repertorio, escollido para cada ocasión, ora tira cara ao histórico, ora cara ao mitolóxico, ora cara ao serio, ora cara ao verde, picante ou colorado. A ninguén deixa insatisfeito, pois o Ramos da Alén, dálle a todos os paus, nunca pasa fea e sempre ten o ás para matar o tres.

  • A Chousa de Pedro Bras: o mito fundacional de Pardesoa
    El e a súa dona fixéronse con moita terra traballando noite e día porque acordaran cos veciños que terían a que cerraran en tres días

O señor Aurelio sabe, sabe que o sabe, e tamén sabe que, por misericordia, ten a obriga moral de ensinar aos que non sabemos ren para, elos todos desta cadea milenaria, acabar tomando o relevo, incorporándonos, antaruxados, á Santa Compaña da galeguidade. Feita a analoxía, permítanme, neste punto, apontoar a miña intervención cuns versículos do evanxeo de Castelao: Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única. Dende as outas planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías mainas de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o cume de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria...

Nas verbas esperanzadas do irmán Daniel achamos o conforto e o adaxo para xuntármonos, un ano máis, arredor do lume inextinguíbel da nosa cultura. Hoxe, no eixido da casa galega, as cacharelas labarean na honra de Aurelio e mais Teresa, Teresa e mais Aurelio; e xamais daremos por ben pago o moito ben que nos fan e fixeron, o moito que miraron polo arrequecemento da habenza común, o moito que velaron para que os de fóra non nos viñesen mover os marcos. O moreo de leña reboleira que, neste serán gozoso, arde, aluma, quenta e estrala nesta lareira do Vello Cárcere de Lugo foi decotada, picada e portada afanosamente, garabullo a garabullo, polos nosos devanceiros, dos que Teresa e mais Aurelio son selleiros representantes. Cando enchidos de orgullo os alumnos celebramos o saber deprendido dos nosos mestres, cando esta gratitude se expresa en acto público e concorrido para enxalce do seu maxisterio, cando ritualizamos esta comuñón interxeracional, no noso horizonte “xorde”, resplandecente, “unha alborada de gloria”, apróntanse os eidos para que na Galiza, como dixo o profeta, florezan outras “mil primaveras máis”.

Os voluntarios do Capitán Gosende estamos afeitos a deixarnos barallar polos camiños da vida. Malia a nosa pouca disciplina castrense, non camiñamos por facer perna, vadiamos secasí coas orellas tesas e cos ollos arregalados, para non perder detalle, xa que, adoito, o transcendental mimetiza co brión ou coa piñuca e pasa inadvertido.

E unha tarde solleira de domingo, na valiña de Xirargha, entre o monte do Ceo e a carballeira de Casaseto, batemos con Aurelio Ramos Ogando. Era de obriga dar con el, xa que a súa sona de sabio o precedía, e todos aqueles cos que denantes falaramos nos redirixían a el de querermos ver colmada a nosa curiosidade. A primeira conversa tivo lugar no camposanto do San Salvador. Os ósos e as cinzas dos antepasados, expectantes, levantaron acta do encontro.

O señor Aurelio Ramos anda nos 93 anos e tras case unha centuria de afanoso traballo cotián (aquí na Galiza e mais no Brasil das Américas), tras milleiros de horas de tractor e segadora, tras unha operación de cadeira e outra de belidas, axúdase hogano dun caxato para camiñar. Mais, non se deixen enganar, o noso home posúe unha vitalidade envexábel, propia de quen segue enfrontando o día a día con optimismo, xovialidade, largueza e a inesgotábel capacidade de abraiarse cos pequenos e grandes misterios da existencia. O temperamento do señor Aurelio é altamente contaxioso, previndos quedan. De feito, a cada pouco asáltanos a sospeita de que o noso interlocutor non sexa senón un trasno rebuldeiro. O trasno disimula ben disimulada a súa condición, arremedando coxeira e cofando con donaire o floco do cabelo, mais, en calquera momento, hásenos virar diabo, diantre ou cachán, e aos choutos verémolo fuxir ouleando ás gargalladas: “Ghughurugú, os de Ghosende quentáronme o cu!!!”.

Anque así rematase a historia, ben seguro pagou a pena ter feito pauto con este demoño. Este home-menciña é todo el un antídoto contra a desmemoria, contra o ensimesmamento, contra a tristura, contra a resignación. O pobo de Xirargha, no Beariz da Terra de Montes, a aldea natal do señor Aurelio erixiuse paradigma da Galiza eterna e douta, aldeá e universal, profunda de sentimento e identidade. Neste senso, a AELG recoñecía, así mesmo, en 2017 ás Pandeireteiras da Alén, veciñas porta con porta, co Premio Mestras da Memoria, “polo seu inmenso traballo na difusión da literatura de tradición oral”. Algo terá a auga, cando a bendicen.

Durante as semanas seguintes, coma quen vai comungar, coma quen vai pillar a súa dose de realismo máxico, atravesamos o monte do Seixo para irnos coller da man do señor Aurelio, investido petrucio, avó e cicerone. Abandonados á súa hipnótica retrónica, fómonos sumindo nun sopor suxestivo e apracíbel, sensación xa antes experimentada ao inxerirmos as narracións de Rulfo ou de Cunqueiro.

E recreándonos nos pormenores da revelación, fomos aprendendo que a capela do San Domingos se erixira enriba dunha mámoa; que albo da cobiza humana, a certeza do tesouro fixera desaparecer seis das sete medorras daquel cemiterio prehistórico. Soubemos que no resío da capela do San Domingos se enterraron os santos cando o templo deveu en ruína; que non moi lonxe daquel sagrado, amontearon os mananciais salutíferos do Campo dos Baños, porque o médico e o boticario, temorosos da competencia, pregoaron que de se abriren as fontes, soltaríase un volcán de auga que asolagaría a parroquia de Presqueiras; que as aldeas da Correa e mais de Framia deslindan no marco de Xan Xil, a pedra da parroquia; que o chantón da pedra dos Mouros sinala o lugar onde se librou unha sanguenta batalla entre hostes de mouros desamigados; que no outeiro de Suavela, unhas sentinelas montan garda á espera do retorno da mourindade fuxida, mentres sacian a sede nas bacías do outeiro da Auga Empuzada; que na pedra da Ferradura escorregou o cabalo de san Santiago, esfachicador destes mouros ou dos outros; que na Casavella un cura deu criado sete fillos, e, segundo a copla, non a por de leite: “Anque somos de alá arriba, de ao pé do Carrasco Branco, sabemos beber o viño, tanto o tinto coma o branco”; que os frades de Aciveiro accederon a esconxurar o “medo” do Portacabalo a troco de percibir unha renda vitalicia; que a tía Caniza foi buscar o cadáver do seu fillo ao camposanto, e que para a casa o traería se non a advertisen de que non marchaba co seu, senón con outro, que aquel anxiño levaba os zoquiños postos; que na aba do Recosto, así mexaren tres Marías por riba do Seixo Branco, así baixo o penouco agromaría ben doado un tesouro; que a parroquia de Pardesoa ten a súa orixe na chousa de Pedro Bras que para iso lle fincou os marcos ao socairo da noite; que á Terra de Montes ghardan cinco xigantes seu lar: Seixo, Costoia, Coco, o Chamoso e o Candán; que unha mociña do Samarcos morreu de morte matada a mans de seu pai incestuoso e que, por tal, o caso deu lugar a coplas; que a Santa Compaña pasea da Correa a Doade e de Doade á Correa coma calquera lugués en día solto pola rolda da Muralla; que a planta milfollas ten quince virtudes e que as virtudes se gardan na flor; que o libro Ciprianillo di que dos cento setenta e catro tesouros da Galiza, cando menos cen se agochan no concello de Beariz...

Miñas donas e meus señores, atrévome nestora a trasladarlles aos nosos homenaxeados unha petición, que non é antollo senón arela señardosa: quero que o señor Aurelio me leve no seu tractor vermello á feira de Doade, e ao avesío da carballeira, mandarlle unhas racións de polbo á feira e un caneco tinto de Ribeiro, e brindar polo porvir ben alicerzado; quero que a señora Teresa dos Cucos me faga un carriño de varas e mais unha motora; e no tractor, no carro ou na motora, deixar escritas as rodeiras da vida nos cadernos da terra, do mar e do ceo.

Estas persoas entrañábeis e indispensábeis que hoxe, humildemente premiamos, viñeron a este mundo de traballos e fatigas, e angueirosos enfrontaron as dificultades e fixeron por vida; mais non se limitaron a gardar o seu con día, ben ao contrario, tiraron folgos da extenuación para compartir con cadansúa comunidade a ledicia do conto ben contado e do canto ben cantado; porque o pobo que conta e canta unido, arrostra unido a fortuna e a adversidade, e medra en por xunto. Aurelio e Teresa, Teresa e Aurelio están feitos da mellor fariña do óleo, son o cope das mareas máis frescas e farturentas; e no seu forno multiplícanse os pans e nas súas redes multiplícanse os peixes. Que nunca falte pan e compango na mesa dos galegos, que nunca botemos en falla Teresas e Aurelios nas foliadas da sobremesa.

Buscador de tesouros

Aínda que a exerce con discreción, Aurelio Ramos Ogando engade ao seu abastado currículo outra profesión de risco: a de buscador de tesouros; como diría Cunqueiro, o oficio de cacheador impenitente, ciprianillo e fabulante..., mais sen ánimo de lucro.

Señor Aurelio, amais do profundo afecto e admiración que lle declaramos, tamén compartimos con vostede esa atracción polo marabilloso, a febre da esculca, o feitizo dos biosbardos, o escudriñar, chova que vente, pola riqueza agochada; haberes que non adoitan materializarse en cartos, senón en austero coñecemento.

Agardamos confiantes que a vida lle deparase a descuberta dalgún tesouro -verba e bagaxe ten abondas para esconxurar calquera encanto e para bicar nos beizos a cobra rouseante-. Non hai dúbida que chegar a coñecelo, desfrutar da súa palabra celmosa e da súa hospitalidade supuxo para nós o achádego do mellor e máis apreciábel dos tesouros.

Longa vida, Aurelio Ramos; longa vida, Teresa dos Cucos.

Compartir el artículo

stats