Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Se o Nadal ves chegar, o maxín non ha parar

Artesáns e emprendedores da Estrada bulen estes días nos seus obradoiros para ter listos todo tipo de adornos que reiventan as clásicas bolas para a árbore, adaptándose por completo a cada fogar

Bolas de Nadal en madeira de Crea con Adva.

Toca subir ao faiado. En poucos días chegará o momento de abrir esa caixa de Pandora que desata en cada casa a febre das cintas de cores, estrelas, purpurina, luces e os moitos adornos que, durante o mes de decembro e os primeiros días de xaneiro, haberán engalanar o común dos fogares. Para chegar a tempo ao momento en que comece a montaxe da árbore, artesáns e emprendedores da Estrada bulen estes días nos seus obradoiros para ter listos todo tipo de artigos de decoración navideña que supoñen unha reinvención das clásicas bolas de cores que sempre penduraron destas pólas. Xa hai tempo que deixaron de ser coma eran pero, cada Nadal, na Estrada dáselle unha volta para axeitalas aos gustos, estilos e mesmo aos nomes de cada quen.

O Galletón do Apalpador deseñado, para pendurar tamén na árbore de Nadal, por Maruxío.

No obrador de galletas de Torreboredo, as bolas de Nadal deste ano mesmo se poden comer. A firma Maruxío quixo desta volta apostar pola figura do Apalpador, facendo que os máis pequenos coñezan a súa historia. A base de fariña integral, aceite de coco, azucre de cana e con chocolate do 70%, configúrase unha galleta con forma de bola que está lista para colgar na árbore.

Tania e Miriam crean adornos tamén pensados para que os nomes das mascotas se inclúan na tradición.

Non é a única novidade que Maruxío ten no forno este mes de decembro. De novo aposta polos seus turróns aptos para veganos en tres variedades que poden ser adquiridas na súa recén estreada tenda online ou no comercio de proximidade. Terá tamén este ano polvoróns veganos e caixas de surtido ilustradas pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas, nas que a dozura e a cultura van da man, tanto no vertente de Mulleres Valentes –Rosalia de Castro, Maruxa Mallo e as Marías (Maruxa e Coralia)– coma na de embarcacións tradicionais galegas.

Novidades de Crea con Adva para esta tempada, elaborados con anacos de madeira no que cada familia pode ver o seu nome na bola de Nadal, coa tonalidade que escolla cada membro.

En Crea con Adva, a madeira e o metacrilato son materia prima para a configuración de bolas decoradas e personalizadas ao gusto. Tamén Creando con Tania e Crea y hazlo con Miriam apostaron desta volta pola resina e o metacrilato para facer bolas de Nadal e outros adornos, coma é o caso dos lazos rosas contra o cancro de mama que idearon para decorar a árbore dun xeito solidario. Literalmente. Cada lazo ten un prezo de catro euros e un vai destinado á Asociación Española Contra el Cáncer (AECC).

Lazos solidarios contra o cancro de mama creados para pendurar das pólas nestas festas.

En Ondas do Mar, o encaixe de Camariñas é o protagonista. Serve non só para decorar as bolas que se colgan nas pólas, senón tamén a xeito de cintas para vestir árbores de madeira. O saber facer da artesana plásmase tamén co pincel, que enche de cor e personalidade os desexos dun bo Nadal.

Bolas con encaixe.

Compartir el artículo

stats