Xosé Neira Vilas e o seu personaxe literario máis coñecido, Balbino, son dous exemplos a seguir. O primeiro, polo seu tremendo apoio aos escritores e aos lectores novos, e o segundo, por ser a imaxe de tantos nenos e nenas de aldea que se viron forzados a emigrar pero que nunca esqueceron as súas raíces. Por iso, é lóxico que calquera actividade que organice a Fundación Neira Vilas acabe traspasando as fronteiras da localidade de Gres e de Cruces.

Cargos políticos galegos e locais, con membros da fundación.

Onte a entidade festexaba o Día de Neira Vilas, ao celebrar o nacemento do escritor, un 3 de novembro de 1928. Por iso, a media tarde houbo unha lectura continuada de Memorias dun neno labrego. Xa á noitiña, tiña lugar a entrega do sexto premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que recaeu no escritor e avogado ourensán Virxilio Rodríguez, pola súa obra Off the record. Ademais de 1.000 euros, este escritor, gañador xa de varios premios literarios, verá publicada a novela en Edicións Embora. A xornada rematou en Gres coa actuación musical do cantautor Constantino Baz.

Estudantes e docentes do CEIP O Foxo, lembrando a Neira Vilas.

Pero xa pola mañá, a coñecida como Casa do Romano recibiu a visita do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Os dous cargos políticos quixeron conmemorar en Gres o Día do Lector e,de paso anunciar un considerable investimento da Xunta para apoiar o libro e a lectura. O goberno autonómico ten previsto destinar catro millóns de euros, o ano que vén, a feiras do libro, a adquisición de novidades editoriais e a compra de licenzas de libro electrónico. Ademais, manteranse as ordes de axudas e subvencións e os convenios coas entidades do sector, ao tempo que se impulsa o Plan de Dinamización da Lectura en Galicia.

Contacontos

Para amosar o seu compromiso co Día do Lector, onte as bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta organizaron actividades vinculadas a Neira Vilas. Así, a biblioteca Miguel González Garcés, da Coruña, estendeu ata o 27 de novembro a conmemoración desta data a través dunha mostra bibliográfica de libros, artigos de revistas ou películas do fondo bibliográfico en torno á figura do escritor cruceño. Na biblioteca Ánxel Casal, de Santiago, este sábado, día 6, está programada unha sesión de contacontos con Soledad Felloza. A narradora ofrece a función O xardín de Irene, arredor do libro do mesmo nome de Neira Vilas. Por último, e xa en terras dezás, a biblioteca municipal de Lalín terá ata finais deste mes unha ampla exposición de obras sobre o escritor.

Todas estas actividades compleentan as xa realizadas ao longodo ano, con motivo do 60º aniversario da publucación de Memorias dun neno labrego, en Arxentina. Co tempo, a vida de Balbino pasou a ser a obra literaria en galego máis traducida a outros idiomas. E é que Balbino, como o seu pai literario, é xa universal.

Homenaxe dos estudantes do CEIP do Foxo

Cando vivían Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, a Fundación Neira Vilas era lugar de consulta habitual de libros por parte dos máis novos de Cruces e do concello veciño da Estrada. A cativada era, tamén, a protagonista das actividades lúdicas. Este costume continuou despois de faleceren os dous, tanto durante a presidencia de Luis Reimóndez Fernández (falecido en 2018) como de Fernando Redondo. Pero a pandemia freou a afluencia de nenos á Casa o Romano. Non importa, porque a distancia nunca é o esquecemento, por moito que diga o bolero.

Por iso, os estudantes do CEIP do Foxo, un centro moi ligado desde hai anos á Fundación de Gres, celebraron onte o Día de Neira Vilas e o Día do Lector cunha lectura de Memorias dun neno labrego. Na xornada participaron todos os estudantes e os docentes. Houbo, tamén, tempo para un pequeno concerto de música tradicional, con pandeiretas e gaitas. O escenario dos actos foi o fermoso Xardín da Poesía do centro, que ademais puxo o nome de Neira Vilas á súa biblioteca.